Urbscras

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Urbscras é a cidade de ficción utópica que aparece descrita en Das novas cousas de Ramón Lamote e onde se desenvolve boa parte da acción desta novela.

Localización[editar | editar a fonte]

A localización de Urbscras non está especificada. Dise que para chegar dende onde vive Ramón Lamote ata ela, este ten que coller un avión, que fai unha escala técnica e que se prolonga durante máis dunha hora a viaxe a partir desa escala, polo que estariamos falando dunha percorrido total de cando menos tres horas. Dado que o avión sae ás 13:50[1] e chega a tempo para xantar, pódese supor que a viaxe se produce no sentido contrario aos fusos horarios. Deste xeito, Urbscras podería estar situada a máis de tres horas ao oeste da Terra Chá, que é onde vive Ramón Lamote. Como non se achegan máis datos, tamén podería atribuírse ese sistema de horarios a unha situación xeral de ucronía.

Descrición[editar | editar a fonte]

Urbscras (do latín[2] urbs, cidade, e cras, mañá) é unha cidade utópica planificada para que ningunha actividade sexa superflua. É unha sociedade altamente tecnificada, onde os teléfonos móbiles realizan funcións de comunicación, orientación e acceso a bens. De feito, a comunicación oral sen teléfonos móbiles está restrinxida en Urbscras, e o seu uso levará a detención[3] de Ramón Lamote. A vida en Urbscras vén marcada por estritos patróns temporais, pola puntualidade e pola represión dos afectos e das conversas vanais.

O poder político represéntao o Rexedor Máximo. Urbscras ten aeroporto. A súa moeda é o euro[4].

Nela celébrase o I Congreso Universal de Trapalladas, Inutilidades e Outras Necidades Improdutivas.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Paco Martín, Das novas cousas de Ramón Lamote, Editorial Galaxia, 2008, páx. 124
  2. Martín, ibid, 115
  3. Martín, ibid, 164-168
  4. Martín, ibid, 156