A Universidade Europea de Humanidades (en belaruso: Еўрапейскі гуманітарны ўніверсітэт, "Eǔrapiejski humanitarny ǔniviersitet" (ЕГУ); en lituano: Europos humanitarinis universitetas (EHU)) é unha universidadeprivada sen ánimo de lucro de artes liberais, fundada en Minsk (Belarús) en 1992. Actualmente ten o seu centro en Vilnius (Lituania), dende a súa expulsión do país polas autoridades belarusas en 2004; porén, a universidade ten intención de volver a Minsk no futuro.[1] Dá servizo a máis de 1.500 estudantes, a maior parte deles belarusos. Arredor de dous terzos dos seus estudantes reciben formación a través de Internet, e o resto de forma presencial.
Entre 1992 e 2004 a UEH era unha institución de educación privada con sede en Belarús. En 2004, por mor da oposición do goberno, a UEH tivo que abandonar as súas actividades en Belarús. Porén, grazas a apoio político, económico e administrativo da Unión Europea, do Consello Nórdico de Ministros, do Goberno de Lituania, e doutras institucións, a universidade retomou a súa actividade en Vilnius. En febreiro de 2006 o goberno lituano recoñeceu o seu status como universidade lituana. Dende 2011, a UEH ofrece un doutoramento en Filosofía xunto coa Universidade Vytautas Magnus e o Instituto de Investigación da Cultura Lituana. Ademais, mantén fortes vencellos co Liceu Belaruso de Humanidades, unha escola privada secundaria tamén prohibida polas autoridades belarusas en 2004.