Tratado de Perth

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

O Tratado de Perth de 1266 puxo fin á guerra noruegués-escocesa que tivo lugar baixo o reinado de Magnus VI de Noruega, e Alexandre III de Escocia, polo dominio das Illas Hébridas, a Illa de Man e Caithness.

Historia e características[editar | editar a fonte]

En noruegués, as illas Hébridas eran coñecidas como Sudreys, é dicir "Illas Meridionais", e pasaran a formar parte do territorio noruegués nos tempos que nin Escocia nin Noruega se estabilizaran aínda como estado-nación. O control noruegués sobre estas terras fíxose oficial cando Edgardo de Escocia as cedeu a Magnus III de Noruega.

O Tratado asinouse pouco tempo despois da Batalla de Largs de 1263, na que os escoceses obtiveron o que se presentou como unha grande vitoria. Con todo, é posible que os noruegueses, dirixidos por Haakon IV de Noruega, esquivasen o combate directo, e o resultado da batalla non sería polo tanto tan concluínte. Haakon planeaba renovar a ofensiva militar no verán seguinte, pero faleceu nas Órcadas durante o inverno. O seu sucesor, Magnus VI de Noruega, era partidario de asinar a paz, que se plasmou no Tratado de Perth.

No tratado, Noruega recoñecía a soberanía escocesa sobre os territorios en disputa, a cambio do pago de 4000 marcos e unha anualidade de 100 marcos. A cambio, Escocia recoñecía a soberanía norueguesa sobre as Illas Shetland e Órcadas, que adquiriría máis tarde, no século XV.

Dende o punto de vista escocés, este tratado, xunto co Tratado de York asinado uns anos antes, que sinalaba as fronteiras entre Inglaterra e Escocia, supuxo o establecemento definitivo dunhas fronteiras que se mantiveron case inalteradas ata a actualidade.