Trastorno do sono

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Aviso médico
Aviso médico
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos.
Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico.

Os trastornos do sono son un amplo grupo de doenzas que afectan o desenvolvemento normal do ciclo sono-vixilia. Algúns trastornos do sono poden ser moi graves e interferir co funcionamento físico, mental e emocional do individuo.

Desenvolvemento dos trastornos do sono[editar | editar a fonte]

Existen máis de trinta tipos de disomnia, aínda que os máis frecuentes son seis. Estes poden afectar ó curso do sono directamente, ou facelo de xeito secundario.

Os trastornos máis frecuentes son:

  • Apnea do sono: a persoa fai unha ou máis pausas na respiración ou ten respiracións superficiais durante o sono.
  • Bruxismo: hábito involuntario de apertar as estruturas dentais sen propósitos funcionais.
  • Enuresis: É cando a persoa se ouriña na cama mentres dorme de xeito involuntario; xeralmente pásalle aos nenos. Con frecuencia é hereditaria.
  • Insomnio: É un sono insuficiente, intranquilo, de mala calidade, ou non restaurador.
  • Parálise do sono: Este é un trastorno no que se esperta no medio da fase REM, cando o cerebro está activo, pero o corpo non. Este trastorno impide á persoa mover todo o corpo menos os ollos e poden presentar alucinacións causadas polo medo.
  • Síndrome de pernas inquedas: Este é un trastorno no cal se desexa ou necesita mover as pernas para interromper sensacións molestas.
  • Somnambulismo: As persoas camiñan ou fan outras actividades mentres aínda están durmidas.
  • Terrores nocturnos: Este trastorno caracterízase polo espertar abrupto e aterrorizado da persoa.
  • Trastorno de sono por quenda de traballo: Un trastorno de sono do ritmo circadiá que afecta as persoas que cambian de traballo ou de horarios de sono con frecuencia
  • Narcolepsia: É cando a persoa sofre un gran sono durante todo o día, aínda que durma as súas horas completas a noite anterior. De súpeto, un dórmese sen querer a calquera hora do día.[1]
  • Outras diversas parasomnias

Somnolencia durante o día.[editar | editar a fonte]

É a forma máis habitual de hipersomnia. Este trastorno caracterízase por un estado somnolencia, trasono ou adormecemento máis ou menos permanente, no cal, o paciente se queixa de non estar nunca verdadeiramente esperto ou de estalo en moi poucas ocasións. Dorme longos períodos durante o día, e, cando esperta en ocasións atópase nun estado de somnolencia aínda máis maior que antes de se durmir; experimenta este sono como non reparador. Pola noite, dorme longo tempo e espértase tarde e con dificultade. O paciente ten a impresión de funcionar «con radar»; pensa e fala lentamente. Ás veces, a súa conduta resulta inaxeitada. Tamén pode sufrir dor de cabeza ou accesos de calor.

É unha enfermidade que se non é detectada a tempo pode causar un grave dano no seu aspecto social e familiar, xa que a súa convivencia diminúe, así como o seu desenvolvemento escolar e laboral, pois non capta da mesma maneira a información.

Outros trastornos do sono[editar | editar a fonte]

  • Hipersomnia idiopática: Trátase dunha alteración no curso da cal o paciente, ademais de durmir durante a noite, dorme de 1 a 4 horas durante o día.
  • Hipersomnia recorrente: É un trastorno menos frecuente que o anterior. Caracterízase por episodios de sono de 18 a 20 horas durante 3 a 10 días, nos cales o paciente non se levanta nin para comer.
  • Insomnio idiopático: Esta forma de insomnio é pouco frecuente; pode manifestarse dende o nacemento. Débese a un trastorno neurolóxico do sistema de control vixilia/soño (hiperactividade do sistema de espertar, hipoactividade do sistema de regulación do sono).[2]
  • Jet lag: Trastorno adaptativo do sono producido por viaxes longas en fusos horarios moi distintos da localización orixinal.
  • Bruxismo do soño: apertar os dentes ao durmir como consecuencia da tensión, o que deteriora sensiblemente a dentadura.
  • Somniloquía: falar durmindo en soños.
  • Roncopatía: facer ruído roncando.
  • Insomnio familiar fatal. Enfermidade neurodexenerativa hereditaria grave.
  • Síndrome da cabeza explosiva: escoitar un ruído enorme ao conciliar o soño.

Xeralmente os pacientes acoden ao médico por tres razóns principais:

  • Incapacidade crónica para durmir axeitadamente durante a noite.
  • Fatiga crónica.
  • Unha manifestación conductual anormal no soño mesmo.

Na avaliación e posterior diagnóstico é importante seguir un rexistro coidadoso da historia do paciente, onde a estimación do paciente, e a dos compañeiros de cuarto é esencial para o diagnóstico.

Privación do sono[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Privación do sono.

Só se coñecen tres casos de persoas que poidan prescindir completamente do sono durante décadas (o vietnamita Thái Ngọc, por exemplo), pero son dubidosos. As persoas normais, privadas do sono, vólvense ao pouco tempo irritables e sofren falta de concentración e episodios alucinatorios leves e esquecementos; máis tempo sen sono altera aínda máis o procesamiento cognitivo provocando distorsións sensoriais, pensamento pouco áxil, torpeza psicomotriz (falta de reflexos), unha irritación maior e secura ocular; trastorna os ritmos circadiáns e outros biorritmos. Ás setenta e dúas horas prodúcense xa alteracións metabólicas importantes: aumenta a secreción de catecolaminas (adrenalina, dopamina, noradrenalina), cortisol e insulinas, para responder á tensión; máis aló das 72 horas prodúcense alteracións graves e irreversibles, alucinacións cognitivas severas, delirios importantes, un cadro psicótico, o colapso e a morte.[3]

A privación de sono atópase entre os tipos máis universais e utilizados de tortura psicolóxica. Aínda que a tolerancia á falta de sono é distinta segundo as persoas (hai persoas que precisan só tres horas, pero a gran maioría necesita polo menos oito, e a idade vai rebaixando a necesidade de sono), ninguén pasou de 264 horas e 12 minutos sen morrer; ademais, o sono perdido non se recupera e deteriora irreparablemente o tecido nervioso.[4]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Voderholzer, Guilleminault; U, C (2012). "Sleep disorders" 106: 527-40. PMID 22608642. doi:10.1016/B978-0-444-52002-9.00031-0. 
  2. "Trastornos del sueño". Arquivado dende o orixinal o 21 de xullo de 2013. Consultado o 18 de xuño de 2013. 
  3. Quintanapalla, Jesús (20 de febreiro de 2009). "Efectos progresivos de la privación del sueño". Sinc. FECYT. Consultado o 9 de marzo de 2020. 
  4. J. Quintanapalla, op. cit.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Chokroverty S. Sleep and its disorders. In: Bradley WG, Daroff RB, Fenichel GM, Jankovic J, eds. Neurology in Clinical Practice. 5th ed. Philadelphia, Pa: Butterworth-Heinemann Elsevier; 2008:chap 72.
  • Mahowald MW. Disorders of sleep. In: Goldman L, Ausiello D, eds. Cecil Medicine. 23rd ed. Philadelphia, Pa: Saunders Elsevier; 2007:chap 429.
  • Owens JA. Sleep medicine: In: Kliegman RM, Behrman RE, Jenson HB, Stanton BF, eds. Nelson Textbook of Pediatrics. 18th ed. Philadelphia, Pa: Saunders Elsevier; 2007: chap 18.
  • Neil K. Kaneshiro, MD, MHA, Clinical Assistant Professor of Pediatrics, University of Washington School of Medicine. Also reviewed by David Zieve, MD, MHA, Medical Director, A.D.A.M., Inc.
  • Bayard M, Avonda T, Wadzinski J. Restless legs syndrome. Am Fam Physician. 2008;78(2):235-240.
  • Goldman L, Ausiello D, eds. Cecil Medicine. 23rd ed. Philadelphia, Pa: Saunders Elsevier; 2007.
  • Kushida CA. Clinical presentation, diagnosis, and quality of life issues in restless legs syndrome. Am J Med. 2007;120:S4-S12.
  • Primary Nocturnal Enuresis: Current Concepts by M Cendron, M.D. (American Family Physician 1 de marzo de 1999, [1] Copia arquivada en Wayback Machine)

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]