Tragulus napu

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Tragulus napu é unha especie de artiodáctilo da familia Tragulidae que vive en Sumatra, Borneo e as illas pequenas de Malaisia e Indonesia, e no sur de Myanmar, sur de Tailandia e a península de Malaca. O seu hábitat natural é o bosque de terras baixas húmido subtropical ou tropical.

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

Tragos en grego significa 'cabra' e a terminación –ulus, que en latín significa 'diminuto'. Napu é un nome local procedente do malaio napuh.

Descrición[editar | editar a fonte]

Un exemplar no Parque Zoolóxico Nacional Smithsonian en Washington, DC

É un ungulado moi pequeno de algo máis de 5 kg de peso de adulto, pero aínda así é un dos maiores do seu xénero, só comparable co Tragulus williamsoni, grazas aos seus 70-75 cm de longo (máis un rabo de 6-10 cm) e unha altura ata os ombros de 30-35 cm. Carece de cornos, pero os machos teñen longos cairos superiores que sobresaen e crecen continuamente ata varios centímetros. A cabeza é pequena e triangular e con grandes ollos, o dorso está curvado e as patas son moi delgadas, sendo as anteriores máis longas. A súa cor varía coas subespecies, pero adoita ser marrón alaranxado pero como cada pelo ten unha banda negra máis ou menos grande isto dálle unha aparencia máis ou menos escura segundo as poboacións. A parte inferior é branca cunha banda central negra. Na gorxa ten liñas brancas características. A fronte é escura e con liñas escuras que chegan aos ollos e liñas laranxas nas cellas. Ambos os sexos teñen glándulas de olor na parte inferior da mandíbula.[3]

Distribución[editar | editar a fonte]

Vive en Sumatra, Borneo e as illas menores malaias e indonesias, sur de Myanmar e de Tailandia e a Maliisia peninsular. Vive preto da auga, en bosques tropicais e mangleirais. Aínda que está rexionalmente extinguido en Singapur, foi descuberto nunha pequena illa en 2008.[2][4] Os informes da súa presenza noutras partes probablemente son incorrectos.[2] Son terrestres, mais pasan bastante tempo en áreas húmidas e pantanosas e nadan ben.

Comportamento[editar | editar a fonte]

É solitario e nocturno. Usa pequenos camiños na fraguiza espesa do bosque. Cando o macho está listo para aparearse, freta a súa glándula da parte inferior da mandíbula contra a femia se ela está lista para aparearse, pero se non, ela responde marchando do lugar. O macho é moi territorial e marca o territorio con feces, urina e secrecións da glándula intermandibular. Cando está incomodado o macho patea o chan a unha velocidade de catro veces por segundo.

Comen froitos caídos, plantas acuáticas, gromos, follas, arbustos e herbas.

Reprodución[editar | editar a fonte]

Reprodúcese durante todo o ano; a femia pasa a maior parte da súa vida adulta preñada e produce unha cría por parto despois dunha xestación de 152–155 días. As crías recentemente nadas están ben desenvolvidas e poden poñerse inmediatamente de pé e estar totalmente activas en 30 minutos. As crías están de pé sobre tres patas mentres se aleitan. Chegan á madurez en 4 meses e medio e viven ata 14 anos.[3]

Status de conservación[editar | editar a fonte]

As súas maiores ameazas son a sobrecaza polos humanos e a perda de hábitat[2] debido á rápida deforestación das áreas onde vive.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Grubb, P. (2005). "Tragulus napu". En Wilson, D. E.; Reeder, D. M. Mammal Species of the World (3ª ed.). Johns Hopkins University Press. p. 650. ISBN 978-0-8018-8221-0. OCLC 62265494. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 Timmins, R.; Duckworth, J.W. (2015). "Tragulus napu". p. e.T41781A61978315. doi:10.2305/IUCN.UK.2015-2.RLTS.T41781A61978315.en. Consultado o 12 de novembro de 2021. 
  3. 3,0 3,1 Discover the ungulates of the world. ultimateungulate.com Tragulus napu - Greater Malayan chevrotain
  4. Chua, M.; N. Sivasothi; Teo. R (2009). "Rediscovery of the greater mousedeer (Tragulus napu) (Mammalia: Artiodactyla: Tragulidae) in Pulau Ubin, Singapore" (PDF). Nature in Singapore 2: 373–378. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 16 de xuño de 2012. Consultado o 02 de xuño de 2023.