A Torre de control marítimo da Coruña é unha torre de control de tráfico marítimo na cidade da Coruña, situada sobre o dique de abrigo do porto da Coruña.[1] Entrou oficialmente en funcionamento o 2 de maio de 1995,[2] tras varios anos de construción e cun custo estimado de entre 700 e 1000 millóns de pesetas (entre 4 e 6 millóns de euros).[2][3]
O edificio ten unha altura de 80 metros,[2][3][a] con 12 pisos de altura,[5] albergando a Capitanía Marítima da Coruña e o centro de coordinación de salvamento.[1] Construíuse por medio dun proxecto para o control do tráfico marítimo na zona deseñado tralo naufraxio do petroleiroMar Exeo en decembro de 1992.[4] As dúas columnas da súa edificación construíronse mediante un sistema de encofrado deslizante, precisando un traballo ininterrompido durante 24 días.[4] No ano 2010 levouse a cabo unha restauración do edificio para paliar os danos sufridos a causa das condicións atmosféricas cun custo de 1,4 millóns de euros.[4]