Tomás Bóveda

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Tomás Bóveda Gómez»)
Tomás Bóveda
Nacemento1910
Lugar de nacementoOurense
Falecemento1982
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónpintor
editar datos en Wikidata ]

Tomás Manuel Bóveda Gómez, coñecido como Tomás Bóveda, nado en Ourense en 1910 e finado en 1982, foi un pintor galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

De pais ourensáns e sobriño de Eduardo Blanco Amor, foi o primeiro de oito irmáns. Dende moi novo asiste a clase de debuxo artístico na Escola de Artes e Oficios da deputación de Ourense. Estudos que vai perfeccionando en Sevilla, na Escola Superior de Pintura Santa Isabel de Hungría, Escola de Belas Artes de San Fernando de Madrid, Casón do Retiro, Canarias e A Coruña.

Do que aprendeu dos grandes mestres andaluces quedaron as súas dotes de bo debuxante, converténdose nun estudoso das tonalidades e claroscuro de Velázquez, Rembrandt, El Greco, Goya ou outros máis modernos ata que evolucionou cara a pureza das formas e o seu característico tratamento da cor.

Orixinal, captador do ambiente cargado de certo lirismo que o achega a sentir e interpretar a paisaxe e outros temas, brillando na figuración das miserias da sociedade. O seu estilo e preocupación radicaba en expresar o esencial, con tendencia a unha pintura figurativa expresionista ás veces con reberetes de tendencias modernas.

Foi un pintor intimista cheo de espiritualidade que realizou tamén retratos de impecable factura, que constitúen estudos humanos cheos de psicoloxía e alento, con predominio (común á toda a obra) de planos estudados dos seus temas que o achegan ao camiño da sinceridade e intimidade; ao decorativo atinado e orixinal das súas paisaxes, bodegóns e flores. Cultivador inesgotable de plástica harmonizada con raíces iconográficas definidas da súa terra galega: vagabundos e santeiros, xentes de oficio e o submundo da picaresca galega.

Tamén cultivou a pintura mural e fixo encargos. Como o do corredor das Galerías Centrales de Ourense, onde nos anos 60 do século XX pintou unha composición naturalista realizada en horizontal, alusiva aos nenos, animais e plantas, directamente na parede con acrílicos. Hoxe tapado cun plafón de xeso.

Realizou varias exposicións en Galicia e outras capitais españolas e foi Medalla de ouro e primeiro premio na III Exposición nacional do S.E.M. celebrada en Madrid na década dos 70.

Tamén foi colaborador en prensa con críticas de arte, especialmente no diario La Región, onde ilustrou artigos de persoeiros como Otero Pedrayo. Foi asiduo ás tertulias do Parque e de O'Volter e tamén fixo contribucións a outros proxectos como a revista Vieiros.

Algunhas obras salientables: A pobre xente, A peixeira, A froiteira, a serie dos santeiros, Enseada do Miño, ou Paisaxe, que pertence aos fondos da Deputación de Ourense.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Gran Enciclopedia Galega. Edición 1974. Tomo IV, páxina 39.
  • Faro de Orense. Domingo 30 de novembro de 1986. Ano IV, núm. 1.176.
  • Faro de Vigo. Domingo 14 de decembro de 1986. Artigo de J. Corral Díaz.
  • Artistas ourensáns onte e hoxe. Fondos da Deputación Provincial de Ourense. Xunta de Galicia. Centro cultural Deputación Ourense.