Tituba

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Tituba
Tituba-Longfellow-Corey (cropped).jpg
Nacementoc. 1650
 Barbados
Falecementoc. anos 1720
 Salem
NacionalidadeGalibis
OcupaciónServizo doméstico
editar datos en Wikidata ]
Retrato de Tituba caracterizada como Nativa Americana.

Tituba foi unha escrava india ou africana do século XVII e cuxo dono foi Samuel Parris de Danvers, Massachusetts. Tituba foi a primeira persoa acusada de practicar bruxería durante os xuízos de Salem que tiveron lugar en 1692.

Acusación[editar | editar a fonte]

Tituba foi a primeira persoa en ser acusada de bruxería por Betty Parris e Abigail Williams. Tamén foi a primeira persoa en confesar estes actos na vila de Salem. Nun primeiro momento, negou ter ningunha relación coa bruxería, pero Samuel Parris castigouna fisicamente ata que confesou que axudou a Mary Sibley a facer torta de bruxas. Máis tarde engadiu á súa declaración que aprendera técnicas ocultas da súa mestra en Barbados, a cal lle ensinou como protexerse de poderes malignos e como delatar a bruxería. Debido a que eses coñecementos non foran aprendidos para ferir, Tituba asegurou de novo a Parris que ela non era unha meiga, pero admitiu que formou parte dun ritual oculto cando fixo a torta de meigas nun intento de axudar a Betty Parris. John, o seu marido, converteuse, preso do medo, en acusador de máis persoas. Betty e Abigail acusaron despois dúas mulleres, Sarah Good e Sarah Osborne.[1]

Outras persoas de vilas próximas foron acusadas de bruxería e arrestadas nos xuízos de Salem. Tituba non só acusou outras persoas na súa confesión, senón que tamén mencionou cans negros, porcos, un paxaro amarelo, ratas vermellas e brancas, gatos e un lobo. Tituba confesou que Sarah Osborne posuía unha criatura con cabeza de muller, dúas pernas e ás. Por mesturar diferentes puntos de vista sobre a bruxería, inintencionadamente estableceu o caos no lugar de Salem dando a entender que o demo estaba entre eles.[2]

Supervivencia[editar | editar a fonte]

A pesar do feito de que confesou unha ofensa capital e de que era unha escrava, Tituba nunca foi executada polo seu papel nos xuízos de bruxería. Foi mandada ó cárcere pero liberada posteriormente; porén non existe un rexistro que mostre onde foi despois disto. Durante o curto tempo que duraron estes xuízos, moita xente foi aforcada en Nova Inglaterra, baseándose nunha pasaxe bíblica que recomenda que as persoas non deberían deixar vivir unha meiga.[3]

Raza[editar | editar a fonte]

A raza de Tituba estivo en controversia por 150 anos. Indubidablemente, as políticas raciais de mediados do século XIX son as responsables deste debate. A pesar disto, todos os documentos dos xuízos por bruxería de Salem que mencionan a Tituba caracterízana como unha muller nativa americana. A etnia de Tituba estivo rodeada de controversia dende a primeira análise histórica da mesma. Nun principio foi asumido que era descendente de indios. Pero tempo despois, as orixes de Tituba comezaron a ser re-avaliadas e as antigas teorías foron postas en cuestión.

Suposición de ascendencia africana[editar | editar a fonte]

En apoio ás orixes africanas de Tituba, Veta Smith Tucker afirma que a sociedade puritana "…non percibía o contraste das identidades sociais entre africanos e indios", e a miúdo eran agrupadas as dúas xuntas. De acordo con Smith Tucker, isto explicaría por que no século XVII os documentos etiquetaban a Tituba como "india" (nativa americana).

Porén, se botamos unha simple ollada a estes mesmos documentos próbase que a análise de Smith falla por pouca fiabilidade. O caso de Mary Black, outra acusada de bruxería de Salem, mostra claramente que no século XVII os puritanos distinguían, de feito, os indios dos africanos. No exame de Black, os rexistros afirman "Mr. Samuell Parris desexa ter por escrito o exame de Mary Black, unha muller negra".[4]

Na década de 1860 e a seguinte, as relacións entre razas nos Estados Unidos acadou un dos seus puntos máis baixos. Nun momento no que os negros era considerados como un ser inferior en todo xeito imaxinable, e a miúdo acusados de transgresións sociais, non é complicado ver por que os estudosos dese tempo imaxinaban a Tituba, como mínimo, "tinguida" con ascendencia africana.[opinión]

Un ano despois da contribución de Upham, Henry Wadsworth Longfellow foi un paso máis alá no libro Giles Corey of the Salem Farms e afirmou que Tituba era "a filla dun home totalmente negro e feroz... Era un home Obi, e ensinoulle a ela a súa maxia". Obeah (tamén escrito Obi) é un sistema especificamente africano e afroamericano de maxia. Xeralmente é aceptado polos estudosos dende o século XIX que Tituba ensinara e practicara vodú con rapazas de Salem. O vodú é efectivamente unha relixión do Oeste de África que foi practicada tamén no Caribe durante o século XVII. Se Tituba viñese de feito desta rexión, puido aprender algunha forma de vodú doutros escravos. Non obstante, isto non significa necesariamente que Tituba fose negra. De feito, non existe ningún documento en Salem que certifique que Tituba practicase vodú. Na súa confesión, toda a maxia que Tituba confesaba facer era europea en natureza, tal como confirma o Libro do Demo.[Cómpre referencia]

O propio nome Tituba complica aínda máis este debate. De acordo con Smith Tucker, "Tituba" é unha palabra yoruba. Os yoruba son unha etnia nativa do suroeste de Nixeria que fala unha lingua do mesmo nome. Smith Tucker apunta que titi en yoruba significa "sen fin". A palabra Tituba nesa lingua é un verbo que significa "espiar". Outro punto importante é que os yoruba, un dos maiores grupos étnicos de África, teñen unha extensa historia de poboación antiga que foi usada como escravos en América.

Suposición de ascendencia mixta[editar | editar a fonte]

Porén, o nome Tituba recorda o verbo español "titubear". Se Tituba fose natural do Caribe, ou fose nativa do continente suramericano que fai fronteira co Caribe, como afirma Elaine G. Breslaw, puido ter un nome español. Ademais, no século XVI os españois identificaron unha tribo de indios arredor do río Orinoco que chamaron os "tibetibe". Os antropólogos tamén distinguiron un grupo de arauacos arredor do río Amacura chamados "tetebetana". En latín, a miúdo unha fonte de nomes para escravos en Europa e América, Tituba significa "cambalear". O nome Tituba puido facilmente ser asumido do orixinal dalgunha das formas anteriormente mostradas. 

As orixes do debate poden ser remontadas ó libro de Charles Upham Bruxería en Salem, publicado en 1867. Upham escribiu que Tituba e o seu marido, John Indian, eran nativos do Caribe (ou da Nova España, como era chamado no século XIX). Debido a que ós escravos na España colonial lles estaba permitido ter relacións afectivas uns cos outros, os estudosos comezaron a asumir que Tituba era de herdanza mixta. Hansen afirma:

Durante anos a maxia que practica Tituba foi cambiada por historiadores de maxia inglesa, a nativa e africana. Para comezar, a súa propia raza foi cambiada de nativa a medio-nativa, a medio-negra, a negra... Non hai evidencias que apoien estes cambios, pero hai unha lección instrutiva sobre a historiografía americana neles.[5]

Ficción[editar | editar a fonte]

Tituba, retratada no século XIX polo artista Alfred Fredericks no libro de W. C. Bryant A Popular History of the United States.

Tituba aparece na novela I, Tituba: Black Witch of Salem (1986) de Maryse Condé. Tamén aparece na obra de 1952 The Crucible de Arthur Miller; en 1957 e 1996 nas adaptacións da obra de Miller, foi representada por Darling Legitimus e Charlayne Woodard, respectivamente. A imaxe de Tituba como instigadora da bruxería en Salem foi reforzada na escena de apertura de The Crucible, a cal debe moito ó traballo de Marion L. Starkey The Devil in Massachusetts (1949).

Na obra, Tituba é levada a Salem dende Barbados e ensinada a conxurar espíritos, e dáse a entender que fixera incursións na feiticería, bruxería e satanismo. Estas narracións ficticias sosteñen que Abigail Williams e as outras raparigas trataban de usar os seus coñecementos bailando no monte antes de que os xuízos comezasen e, de feito, atópanas un día e isto é o que comporta os xuízos. Coa intención orixinal de cubrir as súas obras pecaminosas, Tituba é acusada por Abigail, a cal estaba ebria debido a unha copa máxica que Tituba fixera para matar a muller de John Proctor, Elizabeth, e para embruxalo e que así comezase a sentir algo por ela. Ela e o resto de rapazas afirmaron que viron a Tituba co demo.

Tituba é tamén o personaxe principal do libro de 1956 Tituba of Salem Village de Ann Petry. Escrito para nenos de 10 anos en diante, retrata a Tituba como unha india negra que conta historias sobre a vida en Barbados as rapazas da vila. Estas historias están mesturadas con supersticións existentes e crenzas pagás na parte dos puritanos (por exemplo, é un veciño branco o que fai a torta de bruxas, antes que Tituba), e a histeria da bruxería é parcialmente atribuída a unha especie de febre de cabana durante un inverno particularmente amargo. 

Tituba é un dos personaxes de Witches' Children (1987) de Patricia Clapp. Witches' Children está narrado por Mary Warren, unha das rapazas posuídas.

Tituba tamén apareceu na edición 131 de Nightwing.

Tituba aparece na novela Calligraphy of the Witch (2007) de Alicia Gaspar de Alba. Na novela, Tituba é unha india arawak de Güiana que domina varios idiomas, e a única persa na área de Boston que entende o castelán. É amiga e profesora de inglés da escrava Concepción Benavides, a cal é acusada de bruxería na área de Boston debido á súa cultura católica e á súa orixe mexicana. No libro, ve o futuro de Concepción a través da auga. Máis tarde na novela, Samuel Parris e a súa escrava Tituba múdanse a Salem.

Tituba aparece na novela de Lara Parker The Salem Branch (2012) a cal está parcialmente situada na Nova Inglaterra colonial, durante a época dos xuízos.

En American Horror Story: Coven, o personaxe de Queenie afirma ser descendente de Tituba; máis tarde, a dama do vodú  Marie Laveau e a meiga Fiona Goode teñen unha discusión sobre os antecedentes de Tituba, afirmando que a súa maxia proviña dos seus antepasados arawak. 

Tituba é representada por Ashley Madekwe na serie de 2014 Salem.

Madame Sul-Te-Wan interpretou a Tituba na película de 1937, The Maid of Salem a cal trata sobre as bruxas de Salem.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Wilson, J. G.; Fiske, J., eds. (1900). "Parris, Samuel" . Appletons' Cyclopædia of American Biography. New York: D. Appleton.
  2. Breslaw
  3. Exodus 22:18.
  4. The Salem Witchcraft Papers
  5. Hansen, Chadwick. "The Metamorphosis of Tituba, or Why American Intellectuals Can't Tell a Native Witch from a Negro", The New England Quarterly 47 (March 1974), pp. 3–12.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Breslaw, E.G. (1996). Tituba, Reluctant Witch of Salem : Devilish Indians and Puritan Fantasies. Nova York: New York University Press. ISBN 0814713076.