Tianzhu

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Representación combinada dos caracteres da palabra tianzhu, tian 天 e zhu 主.
Representación combinada dos caracteres da palabra tianzhu, tian 天 e zhu 主.

Tianzhu (chinés tradicional e simplificado: 天主; pinyin: Tiānzhǔ; Wade-Giles: T'ian1-chu3), literalmente "Mestre Celestial" ou "Señor dos Ceos", é unha palabra chinesa cuñada polos xesuítas para designar ao deus cristián.[1]

Historia[editar | editar a fonte]

A voz tianzhu apareceu por vez primeira na tradución chinesa dos dez mandamentos realizada por Michele Ruggieri (1543-1607).[1] No 1584, Ruggieri e Matteo Ricci (1552-1610) publicaron o primeiro catecismo da China, co título Tianzhu shilu 天主實錄 ("O verdadeiro rexistro do Señor dos Ceos").[2] O propio Ricci escribiu posteriormente outro catecismo, o Tianzhu shiyi 天主實義 ("O auténtico sentido do Señor dos Ceos").[1][2]

Logo da chamada polémica dos ritos chineses, a palabra tianzhu foi oficialmente adoptada polo papado no 1715, rexeitando alternativas como Tian 天 ("Ceo") ou Shangdi 上帝 ("Emperador Supremo"), que xa tiñan unha tradición de uso na historia da China.[3]

"Catolicismo" adoita traducirse como tianzhujiao 天主教 ("A relixión do Señor dos Ceos").[4] Pola súa banda, "católico" é tianzhujiaotu 天主教徒, xa que tu 徒 significa "discípulo" ou "crente".[4] Os mesmos hanja ou caracteres chineses empréganse en coreano para os termos equivalentes.[5]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 Jensen (1997): 73.
  2. 2,0 2,1 O'Malley (1999): 365.
  3. Yang (2010): 52.
  4. 4,0 4,1 Davidson (ed.) (2006)
  5. "天主敎 (천주교) - Naver 한자". hanja.dict.naver.com (en coreano). Consultado o 2024-04-02. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]