The Notebook é un filme romántico e dramático dirixido por Nick Cassavetes que se estreou no 2004. Baséase no libro The Notebook do escritor norteamericano Nicholas Sparks. Está protagonizado por Ryan Gosling e Rachel McAdams, que interpretan á parella de mozos que se namoran na década de 1940. A súa historia é narrada dende o presente por un home maior (interpretado por James Garner) que lle le a historia a unha compañeira da residencia (interpretada por Gena Rowlands).
The Notebook recibiu críticas diversas, mais tivo boa acollida do público e foi nomeado a varios galardóns, gañando oito Teen Choice Awards, un Satellite Award e un MTV Movie Award. Ós poucos, foise convertendo nun filme de culto.[1][2] O 11 de novembro de 2012, ABC Family estreou unha versión estendida con escenas eliminadas.[3]
Un ancián vaille contando unha historia a unha anciá que ten alzhéimer.
A historia está ambientada nos anos corenta. Unha moza adolescente, Allie Hamilton, de familia adiñeirada, vai pasar o verán canda a súa familia á cidade costeira de Seabrook, onde coñecerá a un rapaz, traballador dunha fábrica, de familia humilde, chamado Noah Calhoun, co que vivirá un romance estival intenso. A familia de Allie non está de acordo coa relación, e incluso adiantarán a fin das súas vacacións para rompela. Logo, durante un ano, Noah estaralle escribindo unha carta por día a Allie, mais esta nunca recibirá as misivas, pois serán todas interceptadas pola súa nai. Noah e Allie perderán o contacto seguindo as súas vidas por separado.
Sete anos despois, cando Allie está probando o seu vestido de voda (vai casar con Lon, un home de boa clase social), olla no xornal unha fotografía de Noah e decide volver ao pobo onde se coñeceran e no que Noah aínda vive. Con todo, ao final Allie e Noah viven felices xuntos.
Allie é a vella con alzhéimer e el o ancián que lle le a historia para que recorde quen é.
A rodaxe comezou o 7 de novembro de 2002 en Carolina do Sur cun orzamento de 30 millóns de dólares e prolongouse até febreiro de 2003. Nick Cassavetes buscou incansablemente o lugar perfecto para rodar a película. O produtor Mark Johnson explicaba que a película requiría unha pequena cidade do sur nunha contorna tranquila e rural, xa que a novela de Nicholas Sparks está ambientada en Newburn, Carolina do Norte, pero cando visitaron a zona de Charleston aos produtores gustoulles o sitio, así que trasladaron alí a historia.
Ambientaron logo a película no contorna costeira de Carolina nos anos corenta, foi rodada case en toda a súa totalidade en localizacións de Carolina do Sur: nas cidades de Charleston e Georgetown, a illa de Edisto, a base naval de Charleston, varias exuberantes plantacións e os Cypress Gardens do condado de Berkeley.