Tenientada

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A Tenientada[1] é o nome popular con que se coñece o asalto por parte dun grupo de capitáns e tenentes do exército español á redacción do xornal madrileño El Resumen, acaecido o 13 de marzo de 1895. Ao día seguinte os militares asaltaron de novo a redacción de El Resumen e a de El Globo, dirixido este por Alfredo Vicenti.

Acontecementos[editar | editar a fonte]

O asalto inicial debeuse a un artigo do xornal en que se criticaba os oficiais que non se presentaban como voluntarios para combater na guerra da independencia de Cuba, que se iniciara tres semanas antes. Os asaltos do día 14 foron resposta a artigos que criticaban a prepotencia dos militares. Os altercados provocados polos militares foron unha das razóns que motivou a dimisión de Práxedes Mateo Sagasta como Presidente do Goberno o 22 de marzo.

A pesar de que os militares causaron importantes estragos en ambas as redaccións e mesmo feridas de sabre aos seus traballadores, os asaltantes non foron castigados. O propio xeneral Arsenio Martínez-Campos Antón aproveitou o suceso para pedir que se limitase a liberdade de expresión cando atentaba contra a honra do exército.

Tanto no seu desenvolvemento como na tentativa do exército de limitar a liberdade de prensa, a Tenientada resultou un precedente dos sucesos do ¡Cu-Cut!, o asalto á revista satírica catalá do mesmo nome que provocou en 1905 a caída do goberno Eugenio Montero Ríos. Ademais, foi unha mostra máis da crecente tensión entre a sociedade civil e o sector máis conservador do exército español, moi evidente desde as últimas décadas do XIX.

Entre os líderes da Tenientada encontrábase Miguel Primo de Rivera, que tiña entón vinte e cinco anos.[2]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Fernández Almagro, M. (1974). Historia política de la España contemporánea 2. Madrid: Alianza Editorial. pp. 238–240. 
  2. Quiroga Fernández de Soto, A. (2022). Miguel Primo de Rivera. Dictadura, populismo y nación. Crítica. pp. 27–28. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Mancera Rueda, A. (2022). La prensa española ante la Guerra de Cuba (1895-1898). Valencia: Tirant Humanidades.