Telmo Bernárdez
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 11 de abril de 1885 Redondela, España |
Morte | 12 de novembro de 1936 (51 anos) Pontevedra, España |
Causa da morte | pena de morte, ferida por arma de fogo |
Alcalde de Redondela | |
1923 – 1923 ← Buenhijo Pérez Sobrino – Casimiro Movilla Rodríguez → | |
Actividade | |
Ocupación | político, médico |
Familia | |
Fillos | Jesús Bernárdez Gómez |
Luís Telmo Bernárdez Santomé, máis coñecido como Telmo Bernárdez, nado en Redondela o 11 de abril de 1885 e finado en Pontevedra o 12 de novembro de 1936, foi un médico e político galego.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Nado na mesma casa que o xeneral Antero Rubín, fillo de Basilio Bernárdez Otero. Foi un dos impulsores do movemento político coñecido como agrarismo, que loitaba contra a opresión e o academento* de solucións formais para os problemas do campesiñado[1], foi redactor de Nueva Gente (1906) e La Opinión (1909). O 17 de febreiro de 1923 foi elixido alcalde de Redondela, cargo dende o que seguiu a defender posturas agraristas, manténdose no cargo até a instauración do réxime ditatorial de Miguel Primo de Rivera, o 13 de setembro dese mesmo ano, momento no que renunciou ao seu posto. Exerceu tamén de doutor municipal, após ser nomeado oficialmente pola Xunta Municipal do concello de Redondela, o 10 de novembro de 1923. En 1928 pasou a ser vicepresidente do Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra.[2]
Durante a República foi delegado gobernativo en Redondela, e nas eleccións de 1933 presentouse a deputado pola provincia de Pontevedra, pero non conseguiu escano. En febreiro de 1936 foi nomeado delegado do goberno na Confederación Hidrográfica do Miño e en abril foi elixido compromisario para a elección do presidente da República. Foi Xefe provincial de Izquierda Republicana.
Trala sublevación do 18 de xullo de 1936 percorreu as rúas de Redondela tranquilizando e convencendo aos veciños de que non opuxeran resistencia. Foi detido o 5 de setembro e encarcerado en Vigo, no campo de concentración da illa de San Simón e Pontevedra. Sometido a xuízo sumarísimo, foi condenado a morte, sendo fusilado o 12 de novembro na estrada de Campañó. A súa familia e círculo social foi fortemente represaliado.
Predecesor: Buenhijo Pérez Sobrino |
Alcalde de Redondela 1923 |
Sucesor: Casimiro Movilla Rodríguez |
Vida persoal
[editar | editar a fonte]Casou con Isabel Gómez Costas; dous dos seus fillos, Telmo e Jesús, mestres, foron depurados e encarcerados; a nai exiliouse en Portugal cos outros fillos José, Pedro, Isabel (tamén mestre), María, Rita e Carmela[3].
Recoñecementos
[editar | editar a fonte]Déronlle o seu nome á rúa José Regojo de Redondela en 1931. En 1979 volvéronlle dedicar unha rúa en Redondela.
O 24 de setembro de 2015 o concello de Redondela nomeou a Telmo Bernárdez coma Persoeiro do ano 2015, a proposta da asociación cultural Alejandro Otero[4]. Así, inaugurouse unha placa conmemorativa na súa vivenda familiar, e realizouse unha exposición monográfica da súa traxectoria na sala de exposicións Multiúsos da Xunqueira.[5]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Araújo Figueroa, Isaac Borja (2015). Un bo e xeneroso. Redondela: Concello de Redondela. pp. 19–20.
- ↑ Queimaliños, MX. Radio Redondela, ed. "Redondela reivindica a Don Telmo no aniversario do seu asasinato". Arquivado dende o orixinal o 05 de marzo de 2016. Consultado o 31 de decembro de 2015.
- ↑ Isabel Gómez volta á Terra
- ↑ Pinacho, Antonio. "Redondela nombra personaje del año a Telmo Bernárdez en su 130 aniversario". Faro de Vigo. Consultado o 31 de decembro de 2015.
- ↑ "Redondela homenajea a Telmo Bernárdez con una ofrenda floral y una exposición sobre su vida". Faro de Vigo. Consultado o 31 de decembro de 2015.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Amoedo López, Gonzalo; Gil Moure, Roberto (2001). A prensa en Redondela. Aproximación histórica 1883-1933. Redondela: Concello. pp. 34–35. ISBN 84-8302-720-8.
- Lamela García, V. Luis (1993). Inmolados gallegos. Alexandro Bóveda, Víctor Casas, Telmo Bernárdez, Adrio Barreiro... Sada: Ediciós do Castro. ISBN 84-7492-655-6. (en castelán)