Televisión de Mauritania

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Televisión de Mauritania
Inicio das emisións 10 de xullo de 1984
País Mauritania
Lingua Árabe, Francés, Fula, Soninke, Wolof
Área de emisión Mauritania
Sede central Tevragh Zeina, Nouakchott, Mauritania

A Televisión de Mauritania (acrónimo TVM, en árabe: التلفزة الموريتانية‎, en francés: Télévision de Mauritanie) é a emisora de televisión pública estatal de Mauritania.

Historia[editar | editar a fonte]

As transmisións de televisión en Mauritania comezaron cun proxecto apoiado con fondos iraquís en 1980 antes de ser inaugurado oficialmente en setembro de 1982 como parte da Oficina de Radio Televisión de Mauritania (ORTM),[1]​ con programas e boletíns que se transmitían dende a sede da ORTM.

A televisión de Mauritania independizouse de Radio Mauritanie o 10 de xullo de 1984, comezando a emitir de forma totalmente independente dende as súas propias instalacións.[2] No ano 1990, TVM converteuse nunha institución pública de carácter industrial e comercial (EPIC), pasando a converterse nunha institución pública de carácter administrativo (EPA) un ano despois.

TVM empezou a transmitir dende os satélites de Arabsat en outubro de 1992 durante catro horas e media ó día, ampliándose o plan a 10 horas en xuño do 1997 e a 24 horas a finais do 2005. TVM ao principio transmitía mediante o satélite Arabsat-2A, cambiando despois a Badr-4 no ano 2004 para poder chegar a unha audiencia máis ampla no Oriente Próximo e África.

TVM foi un membro asociado á Unión Europea de Radiodifusión de 2003 a 2013.

Canles de televisión actuais[editar | editar a fonte]

  • El Mouritaniya (en árabe: الموريتانية‎) é unha canle de televisión xeralista, que emite noticias e entretemento. Comezou a emitir o 10 de xullo de 1984. Ten unha transmisión simultánea de alta definición coñecida como El Mouritaniya HD.
  • El Mouritaniya 2 (en árabe: الموريتانية 2), anteriormente coñecida como TVM Plus, é unha canle cunha programación lixeiramente máis restrinxida con énfase nas linguas minoritarias de Mauritania (wolof, fula e soninke). Comezou a emitir o 13 de outubro de 2007 (Eid al-Fitr).
  • Arriadia (en árabe: الرياضية‎), é unha canle de deportes, centrado principalmente na retransmisión de partidos da liga nacional de fútbol de Mauritania, Super D1. Comezou a emitir o 28 de novembro de 2017 (Día da Independencia de Mauritania).
  • Athagavia (en árabe: الثقافية‎) é unha canle cultural. Comezou a emitir o 1 de decembro de 2017 durante o Festival das Cidades Antigas celebrado en Tichit.
  • Al Barlemania (en árabe: البرلمانية‎) é a emisora lexislativa do país, xestionada conxuntamente coa Asemblea Nacional. Comezou a emitir o 3 de maio de 2019.

Referencias[editar | editar a fonte]

  1. "Routledge Handbook on Arab Media". Routledge & CRC Press (en inglés). Consultado o 2023-10-12. 
  2. "عن المؤسسة". موقع التلفزة الموريتانية (en árabe). 2015-07-28. Consultado o 2023-10-12.