Telesforo Ojea Somoza

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Monumento a Telesforo Ojea Somoza en Fontei (A Rúa).

Telesforo Ojea Somoza, nado en Lama de Rei (Cervantes) o 5 de xaneiro de 1858 e finado en Fontei (A Rúa) o 23 de xullo de 1890, foi un xurista, xornalista e político galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Estudou o Bacharelato en Monforte de Lemos e Lugo. Trasladouse a Madrid para estudar Dereito. Na capital afiliouse á Juventud Federalista, rama xuvenil do Partido Republicano Federal, no que militou ata a súa morte. Finalizada a carreira, exerceu a avogacía en Madrid, pero pasaba os veráns en Fontei.

En 1882 foi o representante da provincia de Lugo na I Asemblea Federal de Madrid, onde foi secretario da mesa presidencial. Con Federico Tapia, delegado pola Coruña, e Idelfonso Feijoo, representante de Pontevedra, presentou varios relatorios á Asemblea. En maio de 1883 foi delegado por Lugo na Asemblea Federal de Zaragoza. En febreiro de 1884 asumiu a dirección do diario madrileño La República, órgano de prensa do Consello Federal, cargo que desempeñou ata outubro de 1885. Foi inspirador e redactor do Proxecto de Constitución para o Estado Galaico, e defensor da democracia republicana e o federalismo autonomista como forma de estado.

Nas eleccións de deputados ás Cortes de abril de 1886 foi candidato federal polo distrito de Lugo capital. Logrou a vitoria na capital lucense, pero foi derrotado polos votos do campo, que foron para o ex-ministro conservador Fernando Cos-Gayón, candidato apoiado polo conde de Pallares e a súa rede caciquil.

Desempeñou altos cargos na dirección do partido e desenvolveu continuas actividades políticas, pero tivo que retirarse afectado pola tise que finalmente acabou coa súa vida.

Foi homenaxeado polos seus veciños, que erixiron un mausoleo en Fontei en 1892, a cuxa inauguración asistiu Francesc Pi i Margall.

Obras[editar | editar a fonte]

  • Los derechos individuales son legislables?, 1884.
  • El Parlamentarismo, 1884.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • García Tato, Isidro (1990). Instituto de Estudios Valdeorreses, ed. Telesforo Ojea y Somoza Vida e ideología de un republicano federal (1858-1890). O Barco de Valdeorras.