Os tarahumaras[1] ou rarámuris son un pobo nativo de México especialmente coñecidos pola súa grande habilidade como corredores de longa distancia. Orixinalmente habitaron en case todo o estado de Chihuahua, mais retiráronse ás serras altas como Serra Madre Occidental coa chegada dos españois no século XVI.[2] A área de Serra Madre Occidental que habitan no presente é chamada tamén Serra Tarahumara por mor da súa presenza.
A maioría dos tarahumaras viven aínda segundo o estilo tradicional, habitando en refuxios naturais como covas ou cantís, así como pequenas cabanas de madeira ou pedra. Os cultivos básicos son o millo e os feixóns; porén, moitos tarahumaras aínda practican a transhumancia, criando vacas, cabras e ovellas.