Tania Varela

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaTania Varela
Biografía
Nacemento17 de xaneiro de 1974 Editar o valor em Wikidata (50 anos)
Cambados, España Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeEspaña Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónavogada Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua castelá Editar o valor em Wikidata

María Tania Varela Otero, nada en Cambados o 17 de xaneiro de 1974, é unha avogada galega, durante un tempo a única muller na lista das 70 persoas máis buscadas pola Europol.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Avogada cambadesa, en 2001 foi designada polo alcalde da vila José Manuel Cores Tourís encargada dunha oficina de información á muller na vila, ao tempo que seguía traballando como avogada. En 2004 deixa o posto municipal para dedicarse plenamente á avogacía e en 2005 empeza a traballar como asesora xurídica para David Pérez Lago, fillo de Esther Lago e unha das persoas destacadas do narcotráfico na ría de Arousa.

En abril de 2006, a Pérez Lago detéñeno no curso dun desembarco de cocaína nas Rías Altas, e Varela presuntamente se pon á fronte da rede, procesando os restos da operación[1]. Semanas despois, deteñen a Varela tamén e lévana a prisión. En 2007 alcanza a liberdade provisional e marcha vivir co seu avogado, Alfonso Díaz Moñux, que xa representara no seu día a Sito Miñanco. O 18 de decembro de 2008, cando se atopan nun garaxe de Madrid, dentro do coche, dúas persoas atacan o vehículo e matan a tiros a Díaz Moñux, mentres que Varela sae ilesa[1].

En 2011 xulgárona por integrar a rede de narcotráfico de Pérez Lago, e aínda que moitos dos acusados recoñeceron os seus delitos, Varela negou a súa participación e con todo foi condenada a sete anos de cárcere[1]. Mentres agardaba para entrar no cárcere, Varela fuxiu da xustiza. Non compareceu no xuízo polo asasinato de Díaz Moñux, que rematou con sete persoas condenadas mais sen coñecerse quen pagara polo crime. Desde ese momento, e durante sete anos, Tania Varela estivo en paradoiro descoñecido[2], e chegou a ser a única muller na lista das persoas máis buscadas pola Europol[3]. O 26 de marzo de 2018 os mozos de escuadra detivérona en Sitges[3][4].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 Jabois, Manuel (2018-02-25). "Tania Varela, el misterio de la más buscada". EL PAÍS (en castelán). Consultado o 2018-03-27. 
  2. "VARELA OTERO, MARIA TANIA | Europe's most wanted". eumostwanted.eu (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 27 de marzo de 2018. Consultado o 2018-03-27. 
  3. 3,0 3,1 García, Jesús (2018-03-26). "Detenida Tania Varela, la mujer más buscada por Europol". El País (en castelán). ISSN 1134-6582. Consultado o 2018-03-27. 
  4. "Tania Varela, los Mossos detienen a la narco gallega más buscada". La Vanguardia. Consultado o 2018-03-27.