Sito Miñanco

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Sito Miñanco
Nome completoJosé Ramón Prado Bugallo
Nacemento23 de setembro de 1955
Lugar de nacementoCambados
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónnarcotraficante
editar datos en Wikidata ]

José Ramón Prado Bugallo, máis coñecido como Sito Miñanco, nado en San Tomé do Mar (Cambados) o 23 de setembro de 1955, é un empresario e, no seu momento, contrabandista galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Pertence a unha familia de mariñeiros de Cambados, de orixe humilde, coñecida coma os Miñancos. Iniciouse no contrabando de tabaco da man de Vicente Otero Pérez "Terito", e despois formou a sociedade ROS con Ramiro Martínez Señoráns e Olegario Falcón Piñeiro.[1] En 1983 estivo 6 meses no cárcere da Parda (Pontevedra) e outros dous en Carabanchel (Madrid), onde estableceu contacto co colombiano Fabio Ochoa.

En 1986 accedeu á presidencia do Club Juventud Cambados, o equipo de fútbol local, que daquela xogaba en Preferente. Deixou o cargo do club tres anos despois, logo de conseguir o ascenso á Segunda División B Española, en 1989.

Quedou á marxe da operación Nécora, e en 1994 foi detido en Pozuelo de Alarcón por introducir en España 2,5 toneladas de cocaína en 1990. Foi condenado pola Audiencia Nacional a 20 anos de prisión por tráfico de drogas, evasión de divisas e falsidade de documentos. O 8 de xullo de 1997 foi detido en Vigo, preto do Estadio de Balaídos, polo desembarco de 6 toneladas de haxix. De novo foi detido en Madrid o 16 de agosto de 2001[2] logo do apresamento dun alixo de 5 toneladas de cocaína en mar a fóra, preto da Güiana Francesa. Nese momento estaba en liberdade condicional logo de cumprir 7 dos 20 anos aos que fora condenado.

En febreiro de 2010 foi trasladado á prisión de Huelva. O 10 de xuño de 2011 concedéuselle un permiso penitenciario de tres días. Dito permiso fora inicialmente denegado por alto risco de fuga, amais de que continuaba levando a cabo actividades delictuosas dende o cárcere. Con todo, acabou por serlle concedido, con base no informe favorábel emitido pola prisión de Huelva.[3] Alí tampouco se interviran as súas conversas telefónicas, malia a súa condición de preso FIES (Ficheiro de Internos de Especial Seguimento). O director da prisión onubense, Francisco Sanz, foi destituído do cargo o 21 de decembro dese ano por "perda de confianza". Segundo Instituciones Penitenciarias, Sanz recibiría agasallos, entre eles dous vehículos Mercedes-Benz por parte de narcotraficantes, a cambio de melloras nas súas condicións na prisión.[4]

En febreiro de 2018 foi detido en Alxeciras, cidade onde residía en réxime de terceiro grao penitenciario, e enviado a prisión acusado de ser o máximo responsábel dunha rede que distribuía cocaína a Italia, Albania e Holanda. Con el foron encarceradas outras 20 persoas que presuntamente formaban parte da organización.[5][6][7] Os axentes da Policía Nacional atoparon durante o rexistro un informe plastificado co guión da serie de televisión Fariña, de Antena 3, antes da súa emisión.[8] Posteriormente, Miñanco foi descuberto intentando introducir 6.000 euros na prisión para "deixar claro o seu status" entre o resto de presidiarios.[9]

A finais dese mesmo mes foi levado ao centro penitenciario da Lama para a vista oral nun xuízo por branqueo de capitais na Audiencia Provincial de Pontevedra, e declarouse en folga de fame.[10]

Vida persoal[editar | editar a fonte]

Prado Bugallo tivo dúas fillas do seu primeiro matrimonio. Tras a separación, casou coa panameña Odalys Rivera, sobriña dun ministro do goberno do xeneral Noriega,[11] con quen tivo outra filla.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Leiro Conde, B.: Un lugar tranquilo. Ed. Nigra, 1993.
  2. "Sito Miñanco outra vez detido", artigo en Vieiros, 16 de agosto de 2001
  3. "Instituciones Penitenciarias pone la investigación en manos de la Fiscalía". Huelva Información. 22 de decembro de 2011. Consultado o 27 de agosto de 2017. 
  4. "'Narcolandia' entre rejas". Público. 22 de decembro de 2011. Consultado o 27 de agosto de 2017. 
  5. "Sito Miñanco traficaba con cocaína a Italia, Holanda y Albania". El País. 7 de febreiro de 2018. Consultado o 11 de febreiro de 2018. 
  6. Águeda, Pedro (5 de febreiro de 2018). "Detido o narco Sito Miñanco por tráfico de drogas e branqueo a dez días de volver ser xulgado". Praza Pública. Consultado o 5 de febreiro de 2018. 
  7. "Detenido Sito Miñanco en una gran operación antidroga". El País (en castelán). 28/2/2018. 
  8. "Sito Miñanco tenía el guion de la serie 'Fariña' en su casa cuando fue detenido". El Español (en castelán). Consultado o 15 de marzo de 2018. 
  9. "Sito Miñanco intentó introducir 6.000 euros en prisión". ABC (en castelán). Consultado o 20 de febreiro de 2018. 
  10. Puga, Natalia (26 de febreiro de 2018). "Sito Miñanco, en folga de fame na prisión da Lama". PontevedraViva. Consultado o 16 de xuño de 2022. 
  11. "De mariscador furtivo a narcotraficante", artigo en El País, 16 de agosto de 2001 (en castelán).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]