Saltar ao contido

Yokohama DeNA BayStars

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Taiyō Shochiku Robins»)
Yokohama DeNA BayStars
Fundado en 1950
En Iocoama desde 1950
Insignia
Liga
Liga Nippon Professional Baseball
DivisiónCentral League (1950–presente)
Imaxe do equipo
Cores          Azul, branco
Datos do equipo
AnteriorTaiyo Whales (1950–1952)
Taiyo Shochiku Robins (1953)
Yosho Robins (1954)
Taiyo Whales (1955–1977)
Yokohama Taiyo Whales (1978–1992)
Yokohama BayStars (1993–2011)
EstadioYokohama Stadium
Estadios antigosShimonoseki Kyūjō (1950–1952)
Ōsaka Kyūjō (1953–1954)
Kawasaki Kyūjō (1955–1977)
MascotaStarman, Kirara e Rider
DonoDeNA
AdestradorAlex Ramírez
Títulos
Nippon S. (2)1960, 1998
Central L. (3)1960, 1998, 2017

Os Yokohama DeNA BayStars (横浜DeNAベイスターズ Yokohama Dī-Enu-Ē Beisutāzu?) son un equipo profesional de béisbol xaponés con na cidade de Iocoama, Kanagawa. Participa na Liga Central da Nippon Professional Baseball (NPB), principal competición do béisbol nipón. Desde a súa fundación en 1950, o equipo ten adoptado diferentes nomes, procedendo o actual do ano 2011 tas a compra do equipo pola compañía informática DeNa. O parque de béisbol onde xogan os seus partidos como local é o Yokohama Stadium, situado no centro da cidade. Os BayStars teñen un equipo da Eastern League das ligas menores co que comparte nome.

As orixes do equipo remóntanse ao conxunto afeccionado da Compañía Pesqueira Taiyō, un equipo afiliado coa Corporación Maruha (actualmente Maruha Nichiro). O equipo comezou a parecer nos torneos nacionais na década de 1930, e obtivo recoñecemento nacional cando gañou o Festival Nacional do Deporte de 1948. Após finalizar a temporada de 1949, anunciouse unha grande expansión do campionato xaponés con novos equipos, polo que moitos xogadores do Taiyo foron recultados por equipos profesionais. O dono de Taiyo decidiu profesionalizar o seu equipo, inscribíndoo na nova Liga Central que se puxo en marcha en 1950 con sede en Shimonoseki (Yamaguchi). Na súa primeira tempada o equipo adoptou o nome de Taiyo Whales (大洋ホエールズ Taiyō Hoeeruzu?). Para compensar a falta de persoal, os Whales recibiron como incentivo varios xogadores veteranos dos Yomiuri Giants. Con todo, nos primeiros anos o club acabaou na parte inferior da clasificación. Durante os seus primeiros anos tratou unha posible fusión cos Hiroshima Carp debido aos problemas económicos destes últimos. Con todo, debido á forte oposición dos cidadáns de Hiroshima non se levou a cabo.

En 1952 decidiuse que os equipo que finalizasen cunha porcentaxe de vitorias inferior ao 30% serían obrigados a desaparecer ou a fusionarse con outros equipos. Así, os Shochiku Robins de Kyoto, que caeron nesa situación, foron absorbidos polos Whales pasando o equipo a denominarse Taiyō-Shochiku Robins (大洋松竹ロビンス Taiyō Shōchiku Robinsu?). A reorganización do equipo foi lenta, e non se conseguiu finalizar antes do comezo da temporada de 1953. Así, ese ano o equipo tiña dúas sedes distintas, unha en Shimonoseki e outra en Quito. Por motivos xeográficos os partidos como local foron disputados en Osaca, sendo as finanzas xestionadas de forma conxunta polas compañías Taiyō e Shōchiku. Finalmente, a fusión finaliza en 1954, sendo a franquía oficialmente trasladada a Osaca e co novo nome de Yō-Shō Robins (洋松ロビンス Yō-Shō Robinsu?). O nome resultaba da combinación de Yō por Tai e Shō por Shōchiku.

En decembro de 1954 a compañía Shōchiku abandona o seu apoio ao equipo, e este volve ao seu nome orixinal de Taiyo Whales. A franquía volveu mudarse, nesta ocasión a Kawasaki (Kanagawa), onde se lles concedeu un estadio propio, o Kawasaki Kyūjō. Aínda así, terminaron en último lugar durante seis tempadas consecutivas, desde 1954 até 1959. Con todo, en 1960 a situación mudou de forma drástica coa contratación de Osamu Mihara, adestrador do campión da temporada anterior, os Nishitetsu Lions. Mihara liderou ao equipo ao seu primeiro título en 1960 tras varrer aos Oriones Daimai nas Series do Xapón por 4−0. O éxito non durou demasiado e ao ano seguinte volveron a ocupar o último lugar. En 1962 e 1964 o equipo ficou cerca de repetir éxito, mais ficou en segundo lugar da Liga Central tras os Hanshin Tigers. Durante a década de 1970 o equipo produciu varios xogadores estrelas, mais rara vez conseguiu máis vitorias que derrotas. O pequeno estadio de Kawasaki fixo aos Whales un equipo moi produtivo en ataque mais con carencia de bos pitchers. Finalmente, a falta de apoios económicos puxo ao equipo en serios problemas.

En 1976 os propietarios anunciaron o seu traslado a Iocoama. O apoio do alcalde da cidade que permitiu a entrada no capital do club da Compañía Kokudo. Taiyō conservou o 55% das accións, mentres que o outro 45% pertencía a Kokudo. A nova compañía impulsou a construción do Yokohama Stadium, engadiu ao nome do equipo a cidade que pasou a chamarse Yokohama Taiyō Whales (横浜大洋ホエールズ Yokohama Taiyō Hoeeruzu?), e conseguiu atraer afeccionados. Con todo, Kokudo permaneceu pouco tempo, xa que comprou os Seibu Lions en 1978 e vendeu as súas accións á Kabushiki-gaisha Nippon Hōsō (30%) e á TBS (15%). Desde 1976 até 1993 os Whales cultivaron tempadas mediocres, cun segundo posto en 1989 como máxima posición alcanzada durante esas datas.

En 1992 Taiyō mudou o seu nome polo de Corporación Maruha, e decidiu facer o propio co seu equipo de béisbol que pasou a chamarse Yokohama BayStars. Aínda que nun principio este ía manter o nome de Whales (do inglés: Baleas), as restricións na pesca e a visión negativa de Taiyō por parte de diversos grupos debido á súa actividade na pesca de baleas, provocaron que Maruha decidise cambiar o nome e non incluír o da súa empresa nel. Aínda que continuaron cunha serie negativa durante mediados dos 1990, gradualmente foron conseguindo xogadores importantes que contribuirían á vitoria en 1998, liderados por un bo pitcheo e unha gran defensa, da Liga Central e a Serie do Xapón. No ano 2001 Maruha vendeu todas as súas participacións a Tokyo Broadcasting System (TBS), que pasou a ter o control total sobre as finanzas dos BayStars. En 2011, o desenvolvedor de videoxogos para móbiles DeNA comprou a franquía, que un ano despois pasou a chamarse Yokohama DeNA BayStars. Ademais, modificáronse as cores, o escudo e a mascota. No ano 2017 os BayStars conseguiron o seu terceiro título da Liga Central, máis foron derrotados nas Series do Xapón polos Fukuoka SoftBank Hawks (4-2).

Ao longo dos anos o equipo tivo diferentes nomes:[1]

  • Taiyo Whales (1950−1952)
  • Yosho Robins (1953−1954)
  • Taiyo Whales (1955−1977)
  • Yokohama Taiyo Whales (1978−1992)
  • Yokohama BayStars (1993−2011)
  • Yokohama DeNA BayStars (2012−presente)
Artigo principal: Yokohama Stadium.

Actualmente, os Yokohama DeNA BayStars xogan os seus encontros como local no Yokohama Stadium, recinto con capacidade para 32.170 espectadores. Con todo, ao longo dos anos ten utilizado os seguintes estadios:

Estadio Localización Prefectura Capacidade Período
Shimonoseki Kyūjō Shimonoseki Yamaguchi Yamaguchi 25.000 1950 1952
Osaka Stadium Osaca Osaca Osaca 31.379 1953 1954
Kawasaki Kyūjō Kawasaki Kanagawa Kanagawa 30.000 1955 1977
Yokohama Stadium Iocoama Kanagawa Kanagawa 32.170 1978

Xogadores

[editar | editar a fonte]

Dorsais honrados

[editar | editar a fonte]

Os Yokohama DeNA BayStars non teñen retirado ningún dorsal, mais honran o 18 que levou Daisuke Miura, alcumado "Hama no Banchō", o Xefe de [Yoko]Hama.

Xogador Posición Período
18 Daisuke Miura Pitcher 1992–2016

Xogadores MLB

[editar | editar a fonte]
País Xogador Posición Período
Cuba Yuli Gurriel Primeira base 2014–2015
Xapón Tomo Ohka Pitcher 1994–1998
Xapón Takashi Saito Pitcher 1992–1996, 1998–2005
Xapón Kazuhiro Sasaki Pitcher 1990–1999, 2004–2005
  1. "Chunichi Dragons". NPB.jp. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]