Saltar ao contido

Tableau économique

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
O Tableau économique de F. Quesnay (1759). Na Biblioteca Nacional de París.

A Táboa Económica foi un modelo económico descrito por primeira vez polo médico e economista francés François Quesnay en 1758, que sentou as bases da escola fisiócrata de economía.

Quesnay cría que o comercio e a industria non eran fontes de riqueza e, en troques, no seu manoscrito de 1758, que chamou Tableau économique (en galego, cadro económico) argumentaba que os excedentes agrícolas, ao fluíren a través da economía en forma de renda, salarios e compras, eran os motores económicos reais. En 1759, na imprenta de Versalles, publicou o Tableau, que consitía nunha representación gráfica e sintética do funcionamento da economía.

O modelo creado por Quesnay consistía en tres motores económicos. A clase "Propietaria" eran exclusivamente os terratenentes; a clase "Produtiva" eran tódolos traballadores agrícolas. A clase "Estéril" estaba formada polos artesáns e comerciantes. O fluxo de produción e/ou efectivo entre as tres clases comezaba na clase de propietarios porque eran os donos da terra e compraban materias das outras dúas clases. O proceso ten estes pasos (consultar Figura 1).

Figura 1: Diagrama do fluxo da produción para o Tableau de Quesnay
  • O agricultor produce 1.500 unidades de alimentos nas terras arrendadas ao propietario. Desas 1.500, retén 600 unidades para alimentarse a si mesmo, ao seu gando e aos traballadores que contrata. Vende as 900 restantes no mercado por 1 moeda cada unha, das cales emprega 300 (150 para el, 150 para os seus traballadores) para comprar produtos non agrícolas (roupa, artigos para o fogar, etc.) dos comerciantes e artesáns. Todo o proceso produce, por tanto, 600 moedas de ganancia neta, que Quesnay denomina como produto neto.[1]
  • O artesán produce 750 unidades de manufacturas. Para producilas, precisa 300 unidades de alimentos e 150 unidades de produtos estranxeiros. Tamén ten unha necesidade de subsistencia de 150 unidades de comida e 150 unidades de produtos artesanais para manterse vivo durante o ano. O total é de 450 unidades de alimentos, 150 unidades de artesanía e 150 unidades de produtos estranxeiros. Merca 450 unidades de alimentos ao agricultor e 150 unidades de bens ao comerciante, e vende 600 unidades de produtos artesanais no mercado por 600 moedas. Debido a que o artesán debe usar o efectivo conseguido vendendo as súas artesanías para comprar materias primas para a produción do próximo ano, non ten ganancias netas.
  • O propietario é só un consumidor de alimentos e artesanías e non produce ningún produto. A súa contribución ao proceso de produción é a redistribución de 600 moedas da renda da terra que o agricultor paga polo seu uso. Delas, o propietario gasta 300 moedas da renda percibida para mercar comida do agricultor no mercado e outras 300 para mercar produtos artesanais do artesán. Debido a que el é puramente un consumidor, Quesnay considera que o propietario é o principal motor da actividade económica. É o seu desexo de consumir o que lle fai gastar todos os seus ingresos do arrendamento en alimentos e artesanías e o que proporciona ingresos ás outras clases.

O comerciante é o mecanismo para exportar alimentos a cambio de importacións estranxeiras. O comerciante usa as 150 moedas recibidas do artesán para mercar comida do mercado, e suponse que saca a comida do país para cambiala por máis produtos estranxeiros.

O Tableau amosa a causa pola que os fisiócratas discrepaban de Cantillon sobre a exportación de alimentos. A economía produce un excedente de alimentos, e nin o agricultor nin o artesán poden permitirse o luxo de consumir máis que a un nivel de subsistencia de alimentos. Suponse que o terratenente está consumindo a un nivel de saciedade; polo tanto, non pode consumir máis. Como os alimentos non se poden almacenar de xeito doado, é preciso lenderllos a alguén que os poida usar: aquí é onde o comerciante proporciona valor. Porén, o comerciante non é fonte de riqueza. Os fisiócratas crían que "nin a industria nin o comercio crean riqueza".[2] Unha "explicación plausible é que os fisiócratas desenvolveron a súa teoría a partir da situación real da economía francesa...", pois Francia era unha monarquía absoluta na que o grupo dos Terratenentes (ou propietarios) constituían entre 6-8% da poboación e posuían o 50% da terra ;[3] a agricultura contibuía co 80% da riqueza do país[2] e o segmento da poboación que non posúe terras "practica unha agricultura de subsistencia que produce o mínimo esencial e practicamente tódolos ingresos son absorbidos polas necesidades alimentarias".[3] Amais disto, as exportacións consistían, principalmente, en produtos agrícolas, por exemplo, viño.[3] Dado o efecto masivo da agricultura na economía francesa, o máis probable era que desenvolveran un modelo económico se empregara en beneficio do rei.

Retrato de François Quesnay, médico e economista, creador do Tableau économique.

Intepretación fisiócrata

[editar | editar a fonte]

Os fisiócratas son os pioneiros do mevemento anti-mercantilista. o argumento de Quesnay contra a industria e o comercio internacional como alternativas á súa doutrina é dobre. En primeiro lugar, a industria non produce ganancia en riqueza; polo tanto, redirixi-la man de obra da agricultura á industria reduciría a riqueza xeral da nación. Ademais, a poboación expándese para encher a terra dispoñible e a subministración de alimentos; polo tanto, a poboación debe diminuír se o uso da terra non produce alimentos. En segundo lugar, a premisa básica dos mercantilistas era que un país debe exportar máis do que importa para gañar riqueza; mais iso implicaba que tiña máis recursos comerciables dos que precisa para o seu consumo interno. Daquela, Francia non tiña unha colonia coa capacidade de producir produtos elaborados ou semielaborados como Inglaterra (que tiña a India) ou Holanda (territorios en América do Norte, África e América do Sur). A súa principal presenza colonial foi no Caribe, o sur de América do Norte e o sueste de Asia, e como Francia, as colonias tamén tiñan economías baseadas na agricultura. O único ben que Francia tiña en exceso para exportar eran os alimentos; polo tanto, de aí proviña a súa teoría de que o comercio internacional baseado na produción industrial non producía tanta riqueza

No entanto, Quesnay non era anti-industria. foi realista na súa avaliación de que Francia non estaba en boa posición para crear un mercado industrial forte. O seu argumento era que os artesáns e os fabricantes virían a Francia só en proporción ao tamaño do mercado interno para os seus produtos.[4] Quesnay pensaba que "un país debía concentrarse na fabricación na medida en que a dispoñibilidade local de materias primas e man de obra axeitada lle permitira ter unha vantaxe de custos fronte aos seus competidores no estranxeiro".[4] Calquera cousa por riba deses custer debía adquirirse a través do comercio.

O Tableau économique acredítase como a "primeira formulación precisa" de sistemas interdependentes na economía e a orixe da teoría do multiplicador na economía.[5] En 1763, na obra Philosophie rurale ou économie générale et politique de l'agriculture, Quesnay comenta sobre o seu Tableau:

«O Tableau économique é a primeira regra de aritmética que se deu inventado para reducir ao cálculo exacto e preciso a ciencia elemental e a execución perpetua do mandato do Eterno: comerás o teu pan coa suor da túa fronte...»[6]

Un cadro análogo é o que se empregou na teoría da creación de cartos na banca de reserva fracionaria mediante a devolución dos depósitos, o que leva a multiplica-los cartos. Tamén a doutrina dos fondos salariais derivouse do Tableau, mais despois foi rexeitada.

Dende unha perspectiva económica contemporánea pódese concluír que:

  • A actividade industrial, que daquela principiaba, esta subestimada e, mesmo, é considerada improdutiva;
  • A forza de traballo asalariada xoga un papel pasivo;
  • Non existe o concepto de demanda efectiva pois as necesidades son asumidas como ilimitadas e preexistentes.
  1. Spiegel (1983), p. 189
  2. 2,0 2,1 Charbit & Virmani (2002); p. 858
  3. 3,0 3,1 3,2 Charbit & Virmani (2002); p. 859
  4. 4,0 4,1 Mueller (1978); p. 153
  5. Hegeland (1954), p. 1
  6. Mirabeau & Quesnay (1763), vol. I, p. 44 do prefacio

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]