TPBS

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
TPBS/Servizo Público de Radiodifusión Tailandés
Inicio das emisións 15 de xaneiro de 2008
Propiedade de Goberno de Tailandia
Formato da imaxe 576i 4:3 : televisión analóxica
(15 de xaneiro de 2008 – 1 de xaneiro de 2014)
576i 16:9 : televisión analóxica
(2 de xaneiro de 2014 – 15 de xuño de 2018)
1080i (HDTV) : televisión dixital
(1 de abril de 2014 – )
Slogan Fomentar a aprendizaxe para mudar. (tailandés: ขับเคลื่อนการเรียนรู้ สู่การเปลี่ยนแปลง)
País Tailandia
Área de emisión Nacional e internacional
Sede central Bangkok
Nome(s) anterior(es) iTV (1 de xullo de 1996 – 7 de marzo de 2007)
TITV (8 de marzo de 2007 – 15 de xaneiro de 2008)
TPBS (ata o 31 de xaneiro de 2008)
TV Thai (ata o 8 de abril de 2011)
Dispoñibilidade
Terrestre
Dixital Canle 3 (HD) (TPBS – MUX4)
Satélite
Thaicom 5 4017 V 1800
4008 H 15000 (HD)
TrueVisions Canle 3 (HD)
Cable
TrueVisions Canle 3 (HD)
IPTV
TOT iptv Canle 3 (HD)
Televisión por Internet
ThaiPBS Watch live

Na rede
www.ThaiPBS.or.th
Facebook: ThaiPBSNews Twitter: thaipbsworld TikTok: thaipbs Editar o valor em Wikidata

A TPBS[1] (tailandés: ส.ส.ท.) é o Servizo Público de Radiodifusión Tailandés (tailandés: องค์การกระจายเสียงและแพร่ภาพสาธารณะแห่งประเทศไทย; RTGS: Ongkan Krachai Siang Lae Phrae Phap Satharana Haeng Prathet Thai) é un servizo público de radiodifusión de Tailandia que opera a canle de televisión Thai PBS (ไทยพีบีเอส). Estableceuse por lei o 15 de xaneiro de 2008 o que lle garante o status de axencia estatal con personalidade xurídica sen ter carácter de axencia gobernamental nin empresa estatal.

Thai PBS é sucesora da privada iTV/TITV e comezou a emitir, primeiro co nome de TV Thai, o 1 de febreiro de 2008.

Historia[editar | editar a fonte]

Os anos de iTV[editar | editar a fonte]

Despois das protestas antigobernamentais de 1992 comezou a se debater sobre a creación dunha canle de televisión que emitise novas e información sen a intervención do Estado. Como resultado naceu a iTV, unha canle privada que principiou a emitir en 1995 como unha concesión estatal por 30 anos. Segundo o concerto da concesión, a iTV tiña que emitir novas e información cando menos nun 70% das súas horas de emisión. Esta condición facía difícil á iTV lograr beneficios e a crise económica de 1997 foi un duro golpe que levou á reestruturación da súa enorme débeda. A propiedade pasou da Nation Multimedia Group á Shin Corporation propiedade da familia de Thaksin Shinawatra, elixido primeiro ministro en 2001.

En 2004 a iTV puido aumentar as horas dedicadas á programación de entretemento e reducir significativamente a taxa anual da licenza, o que levou a recibir duras críticas como unha acción contraria ao seu mandato orixinal e de potenciais conflitos de intereses[2]. Tamén se criticou á iTV por información tendenciosas a favor do goberno Thaksin, particularmente arredor da venda de Shin Corporation a Temasek Holdings e á situación sociopolítica posterior, que conduciu a un golpe de Estado en 2006[3].

Unha xornalista da TPBS durante unha entrevista que se realizou en 2010 ao entón primeiro ministro Abhisit Vejjajiva

Da iTV á TITV[editar | editar a fonte]

En xuño de 2006, o Tribunal Administrativo Central decidiu que o cambio de estrutura da programación da iTV violaba as condicións establecidas na concesión e sentenciou á iTV ao pagamento dunha multa e das cotas completas anuais, o que supuña 94 millóns de baht[4]. A decisión case levou á creba da iTV e logo do golpe de setembro de 2006 o goberno ameazou con nacionalizala e ao ano seguinte, en febreiro, nomeou un novo consello de administración con funcionarios e a cadea pasou a se denominar TITV[5]aínda que a súa programación seguiu a cargo da antiga iTV. A primeiros do mes de marzo o goberno revogoulle a concesión pero o 7 dese mes devolveulla á iTV[6].

Creación de Thai PBS[editar | editar a fonte]

A administración Surayud formou unha comisión presidida por Somkiat Tangkijvanich para estudar a posibilidade de transformar a iTV nunha canle pública financiada polo Estado e da que saíu a proposta dunha lei de servizo público de radiodifusión na que se establecían medidas para protexela contra da influencia política e comercial. Segundo esta lei a nova estación pública recibiría financiamento procedente dos impostos sobre o tabaco e o alcol para garantir a súa independencia financeira e para protexela de calquera inxerencia empresarial. A organización deseñouse de tal xeito que se asegure a autonomía fronte a calquera intervención de cargos políticos ou poderes do Estado. Tamén requiría a creación dun comité de espectadores para garantir a responsabilidade e a calidade dos programas á vez que reflectía as preferencias dos espectadores.

A súa creación foi controvertida ao desprazar á privada iTV[7]. O anuncio do peche da iTV e a súa substitución pola pública e sen publicidade TPBS de acordo coa nova lei fíxose sen anuncio previo e sen garantir os empregos dos 800 empregados da antiga iTV/TITV. Tras o cesamento de toda a súa programación, durante un período de transición de dúas semanas foi o departamento de relacións públicas da Televisión de Tailandia o encargado da realización da programación, que consistiu basicamente en homenaxes á princesa Galyani Vadhana, que morrera o 2 de xaneiro de 2008[7][8].

Comezo das emisións[editar | editar a fonte]

A nova programación da TPBS comezou o 1 de febreiro de 2008 co nome de Thai TV e compúñase de documentais e programas infantís. A súa programación emitíase orixinalmente de 16:30 a 23:00, para se ampliar deseguido de 11:30 a 23:00, e posteriormente das 05:00 ás 02:00, con de cinco a seis horas de programas informativos e de novas[9]. A maioría do persoal da TPBS procedía da iTV/TITV e o primeiro director foi Thepchai Yong, un recoñecido xornalista. O 8 de abril de 2011 a canle de televisión adoptou o nome de Thai PBS

Durante a súa curta historia, o goberno do momento atacou á TPBS, e así o primeiro ministro Prayut Chan-o-cha en marzo de 2016 criticouna por considerar a súa cobertura unilateral, e segundo a súa opinión, xa que o seu financiamento era estatal tiña a obriga de popagar o ben que o está a facer o goberno [10].

Transición dixital[editar | editar a fonte]

Thai PBS comezou en decembro de 2015 o proceso de mudanza da transmisión analóxica á dixital en todo o pais, principiouse cos transmisores de Chiang Mai (no distrito de Fang) e Surat Thani (no distrito Koh Samui) o 1 de decembro[11]. A apagada analóxica completouse na medianoite do 15 ao 16 de xuño de 2018 nos transmisores de Bangkok, Chiang Mai e Chiang Rai[12]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. A utilización das súas siglas en inglés en xornais e documentos é moi común en Tailandia. Exemplo do seu emprego nun folleto do Senado de Tailandia [1]
  2. Duncan McCargo, Ukrist Pathmanand (2005). The Thaksinization of Thailand. NIAS Press. p. 61. 
  3. Daljit Singh e Lorraine Carlos Salazar (2006). Southeast Asian Affairs 2006. Institute of Southeast Asian Studies. p. 296. 
  4. Andrew Harding e Peter Leyland (2011). The Constitutional System of Thailand: A Contextual Analysis. Bloomsbury. p. 204. 
  5. "PM endorses new board of iTV". The Nation. 2 de marzo de 2007. Arquivado dende o orixinal o 29 de febreiro de 2012. Consultado o 03 de maio de 2020. 
  6. "Suspended News Channel Returns to Thai Airwaves". The Irrawaddy. 7 de marzo de 2007. 
  7. 7,0 7,1 "Public TV channel launched", Bangkok Post, 15 de xaneiro de 2008
  8. Rocky start for TITV Arquivado 03 de marzo de 2016 en Wayback Machine., The Nation, 15 de xaneiro de 2008.
  9. TPBS news to air on Feb 15 Arquivado 04 de marzo de 2016 en Wayback Machine., The Nation, 25 de xaneiro de 2008
  10. "Prayut accuses Thai PBS of bias". Bangkok Post. 23 de xullo de 2016. 
  11. Vídeo promocional, consultado o 17 de setembro de 2016.
  12. Ditigal TV Arquivado 19 de febreiro de 2020 en Wayback Machine., thaipbs.or.th