Suede
| Suede | |||||||||||||
|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
| |||||||||||||
| |||||||||||||
| |||||||||||||
| |||||||||||||
| |||||||||||||
| |||||||||||||
| |||||||||||||
| Wikidata C:Commons | |||||||||||||
Suede é un grupo de rock londiniense formado en Londres en 1989, disolto en 2003, e reunido no ano 2010. Nos Estados Unidos son coñecidos como The London Suede, posto que o seu nome orixinal xa estaba rexistrado.
A formación coa que se deron a coñecer foi: Brett Anderson (voz), Bernard Butler (guitarra), Matt Osman (baixo) e Simon Gilbert (batería). Antes de gravar o seu primeiro disco tamén pasaron pola banda fugazmente o batería de The Smiths, Mike Joyce e a que máis tarde sería cantante e líder do grupo Elastica, Justine Frischmann, por aquela época noiva de Brett Anderson.
Historia
[editar | editar a fonte]Formación e primeiros anos
[editar | editar a fonte]Brett Anderson e Justine Frischmann coñecéronse en 1988 mentres estudaban no University College London e convertéronse en parella pouco despois.[1] Xunto co amigo da infancia de Anderson, Mat Osman, crían que tiñan as bases para unha banda e pasaban horas ao día tocando cancións de Roxy Music, The Smiths, David Bowie e The Cure.[2] Despois de chegar á conclusión de que nin Anderson nin Frischmann tiñan as habilidades para ser guitarristas principais, a banda publicou un anuncio en NME,[2] no número da revista do 28 de outubro de 1989 buscando cubrir o posto: "Unha banda londiniense necesita un guitarrista novo. Smiths, Commotions, Bowie, Pet Shop Boys. Nada de músicos. Algunhas cousas son máis importantes que a habilidade. Chama a Brett". O anuncio atraeu a Bernard Butler, de dezanove anos, que axiña fixo unha audición para unirse á banda.[3] Decidíronse polo nome Suede. Inicialmente sen batería, a banda usou unha caixa de ritmos.[4] A pesar dos esforzos de Frischmann como representante de facto da banda, tocaron principalmente en pequenos concertos arredor de Camden Town en Londres.[5]
O primeiro éxito de Suede chegou coa súa segunda maqueta, Specially Suede, que enviaron para competir en Demo Clash, un programa de radio na Greater London Radio presentado polo DJ Gary Crowley. "Wonderful Sometimes" gañou o Demo Clash durante cinco domingos consecutivos en 1990, o que lles permitiu asinar un contrato discográfico co selo indie RML, con sede en Brighton.[6] A canción apareceu nunha recompilación en casete en abril de 1990, representando o primeiro lanzamento oficial de Suede.[7] Despois dunha serie de actuacións cunha caixa de ritmos pouco fiable, Suede decidiu contratar un batería a tempo completo. Justin Welch ocupou brevemente o posto, aínda que só durou seis semanas antes de unirse á banda de Crawley Spitfire.[8] Porén, permaneceu o tempo suficiente para gravar dúas cancións coa banda que estaban programadas para ser lanzadas como o sinxelo "Be My God"/"Art" a través de RML Records. A banda non quedou satisfeita co resultado e a maioría das 500 copias fabricadas foron destruídas.[9] Suede publicou outro anuncio buscando un substituto. Para a súa sorpresa, respondeu o ex batería dos Smiths, Mike Joyce. Finalmente, rexeitou o traballo, sentindo que Suede aínda necesitaba forxar a súa propia identidade e que a súa presenza podería prexudicalos debido ás súas semellanzas cos Smiths.[10] En xuño de 1990 Suede atopou un batería permanente, Simon Gilbert, a través de Ricky Gervais, que inicialmente traballou na industria musical e foi o representante da banda antes de dedicarse á comedia. Ambos traballaron na University of London Union (ULU). Despois de escoitar a maqueta e de darse conta de que á banda lle faltaba batería, Gilbert pediu unha audición.[11]

Na primavera de 1991 Anderson e Frischmann romperan. Frischmann comezou a saír co líder de Blur, Damon Albarn. Ela cría que a banda podería adaptarse á nova situación.[12] Porén, as tensións aumentaron. Butler lembraba: "Chegaba tarde aos ensaios e dicía o peor do mundo: 'Estiven nunha gravación de Blur'. Foi entón cando rematou todo, de verdade. Creo que foi o día despois de que ela dixese que Brett me chamara por teléfono e me dixera: 'Boteina fóra'". Despois da marcha de Frischmann o carácter do grupo cambiou. "Se Justine non deixase a banda", comentou Anderson, "non creo que chegásemos a ningún lado. Foi unha combinación de estar motivados persoalmente e a química correcta unha vez que ela marchou". Anderson e Butler fixéronse amigos íntimos e comezaron a escribir varias cancións novas xuntos.[13] Aínda así, a música da banda seguiu sen estar en sintonía cos sons predominantes da escena musical londiniense e o movemento grunge estadounidense. Anderson sinalou: «Durante todo 1991, os homes de A&R non nos miraban nin unha segunda vez".[14]
A finais de 1991 e principios de 1992 Suede recibiu varias mencións favorables na prensa musical, conseguindo participacións en concertos organizados por NME e aos que asistiron figuras destacadas, como o ex cantante dos Smiths, Morrissey. Un concerto na ULU en outubro de 1991, que chamou a atención dos medios, marcou a última actuación de Frischmann coa banda.[15] O xornalista da NME John Mulvey, o primeiro en escribir sobre Suede, asistiu ao concerto. Comentou: "Tiñan encanto, agresividade e... se non exactamente erotismo, algo un pouco perigoso e emocionante".[16]
Primeiros éxitos
[editar | editar a fonte]Despois de ver á banda actuar nun concerto da NME en xaneiro de 1992, Saul Galpern contactou con eles para asinar co seu selo discográfico independente, Nude Records. Suede finalmente asinou un contrato de dous sinxelos con Nude en febreiro de 1992 por 3 132 libras.[17] Tras a oferta de Nude, Suede espertou máis interese por parte de Island Records e East West Records, que estaban ansiosos por asinar coa banda un contrato a longo prazo.[18] Suede estaba a ser aclamado como "a próxima gran cousa"[19] e, antes do lanzamento do seu primeiro sinxelo, Melody Maker presentou á banda na portada do seu número do 25 de abril co título "Suede: The Best New Band in Britain".[19] O primeiro sinxelo da banda, "The Drowners", chamou a atención polo seu forte contraste coa esmorecida escena Madchester e o son grunge estadounidense da época.[20] "The Drowners"conseguiu un éxito moderado, alcanzando o número 49 na lista de sinxelos do Reino Unido en maio.[21] Geffen Records contactou entón coa banda, e aínda que o acordo con Geffen era moi atractivo (Galpern cualificouno de "unha tolemia"), o grupo aínda tiña outras ofertas que considerar.[22] En setembro de 1992, Suede lanzou o seu segundo sinxelo, "Metal Mickey", que alcanzou o número 17 nas listas. Foi o único sinxelo de Suede en entrar no top 10 na lista estadounidense Modern Rock, alcanzando o número 7.[23] Pouco despois do lanzamento de "Metal Mickey", Suede asinou con Nude/Sony. Galpern estaba decidido a fichar a banda a longo prazo e chegou a un acordo con Sony, convertendo o selo nunha pequena discográfica independente co apoio dunha gran compañía.[24] O contrato deulle a Suede o control creativo sobre aspectos como a arte dos seus lanzamentos.[25]
Anderson axiña se fixo coñecido por causar controversia, como a súa infame cita que resurdiu en entrevistas e artigos nos anos seguintes: era "un home bisexual que nunca tivo unha experiencia homosexual".[6] En febreiro de 1993 Suede pasou de ser unha banda indie moi promovida a ser un dos principais candidatos ás listas de éxitos co seu terceiro sinxelo, "Animal Nitrate", que entrou no top 10 do Reino Unido.[26] O sinxelo valeulles unha invitación de última hora para actuar na cerimonia dos Brit Awards dese ano.[26] Escribindo en 2005, Victoria Segal, de The Times, reflexionou sobre os inicios da carreira da banda, sinalando que as "letras sexualmente fluídas de Suede convertéronas nun punto de encontro para os alienados, unha das poucas bandas británicas desde os Smiths que uniron tanto como dividiron".[27] Fixéronse comparacións con David Bowie, aínda que o son de Suede non se parecía a nada máis naquel momento, e axiña se asociaron cun novo movemento que os críticos etiquetaron rapidamente.[28] Anderson lembrou: "Sempre me fascinaran os suburbios e gustábame incorporar estas referencias retorcidas da vida británica dos pobos pequenos ás cancións. Isto foi antes de que tivésemos ese horrible termo britpop".[29]
Antes de que Suede lanzase un disco dominaban xa a prensa musical con só tres sinxelos, o que xerou grandes expectativas para o próximo álbum.[16][26] Suede entrou nas listas británicas no número un, rexistrando as maiores vendas iniciais para un álbum de estrea dende Welcome to the Pleasuredome de Frankie Goes to Hollywood unha década antes.[6] Vendeu máis de 100 000 copias na súa primeira semana,[30] converténdose en ouro o segundo día.[31] Naquel momento, foi aclamado como "a estrea máis agardada dende Never Mind The Bollocks dos Sex Pistols".[32] Un momento notable na prensa daquela foi a portada do número de abril de 1993 de Select, que moitos consideran o comezo do britpop.[20] O álbum gañou o Mercury Prize de 1993,[31] e a banda doou a totalidade das 25 000 libras en metálico do premio a Cancer Research.[33] Este foi o único álbum lanzado nos Estados Unidos co nome de "Suede", onde segue sendo o lanzamento máis vendido da banda.[34]
Tras o éxito do álbum a banda realizou unha extensa xira por toda Europa, recibindo unha importante cobertura da MTV. En xullo Suede celebrou un concerto benéfico para a Red Hot Organization no "The Grand" de Londres, invitando a Siouxsie Sioux a interpretar unha versión de "Caroline Says" de Lou Reed con Butler.[35] Suede preparouse entón para unha xira americana no verán de 1993. Durante a xira comezaron a xurdir tensións entre Butler e o resto da banda.[6] As tensións alcanzaron o seu punto máximo na primeira xira americana nos Ánxeles, cando Butler desapareceu durante unha proba de son. O concerto continuou, pero durante o resto da xira as dúas partes apenas falaron.[36] As tensións empeoraron na segunda xira americana, en gran parte debido á morte do pai de Butler, o que obrigou a Suede a cancelar a xira prematuramente.[6] Butler non estaba satisfeito coa indulxencia da banda durante o seu loito, o que provocou o seu afastamento do grupo, chegando incluso a viaxar por separado.[37] O éxito de Suede nos Estados Unidos foi limitado, xa que xa comezaran a ser eclipsados polo seu abreconcertos, The Cranberries, que recibiu o apoio da MTV do que Suede carecía.[6] En varias ocasións Butler abandonou o escenario durante as actuacións de Suede e persuadiu a un membro de The Cranberries para que o substituíse.[38] Ademais, a demanda dunha cantante obrigou á banda a deixar de usar o nome estadounidense rexistrado "Suede". Para lanzamentos e concertos posteriores nos Estados Unidos, o grupo usou o nome "The London Suede".[39] Anderson non estaba satisfeito con ter que cambiar o nome da banda para o mercado estadounidense, afirmando: "The London Suede non é o nome que elixín para a banda, non o cambiei con gusto e non vou finxir que o fixen".[40]
Marcha de Butler e Dog Man Star
[editar | editar a fonte]
En febreiro de 1994 a banda lanzou o sinxelo independente "Stay Together", que se converteu no seu sinxelo e chegar máis alto nas listas de éxitos nese momento, chegando ao número tres no Reino Unido. O sinxelo estaba acompañado dunha colección de caras B contundentes. Porén, o novo son expansivo fracturou a banda e levou á marcha de Butler.[41] A pesar do éxito do sinxelo, a banda distanciouse por completo da canción, unha aversión que xeralmente se atribúe a problemas con Butler naquel momento.[42] Despois de "Stay Together", Anderson illouse nunha casa en Highgate e comezou a escribir cancións para o seguinte álbum de Suede.[43] Foi durante este tempo que Anderson se distanciou do que se denominou o "movemento Britpop machista", cuxa aparicion, segundo moitos, el propiciara sentando as súas bases.[29] Bandas como Blur, Oasis e Pulp comezaron a dominar a escena musical, mentres que Suede se volveu máis experimental e introvertida. As tensións agraváronse durante a gravación do álbum cando Butler criticou a Anderson nunha rara entrevista, afirmando que Anderson traballaba demasiado lentamente e que estaba demasiado preocupado polo estrelado do rock.[6] De Anderson, dixo: "Non é músico en absoluto. Lle resulta moi difícil desenvolverse con calquera cousa que non sexa ABC".[44]
Por aquel entón, o xornalista Neil Strauss escribiu que Suede era unha banda "que non tiña medo de estar fóra de sintonía cos seus compañeiros".[40] A banda comezou a gravar cancións excesivamente longas por orde de Butler. Osman afirmou que el, Anderson e Gilbert a miúdo sentían que estas cancións eran o resultado de que Butler intentaba provocalos.[45] Anderson lembrou que Butler gravou as súas partes por separado do resto da banda. Isto adoitaba facerse por quendas, con Anderson indo ao estudio polas noites despois de que Butler gravase as súas partes de guitarra durante o día.[45] As tensións chegaron a un punto crítico cando Butler se enfrontou co produtor Ed Buller, insistindo en que debería ser despedido, xa que quería producir o disco el mesmo.[46] Butler entón deulle a Anderson un ultimato, esixindo que o produtor fose despedido ou marcharía. "Adiviñei o seu farol", dixo Anderson.[47] Días despois da súa voda, Butler volveu ao estudio e descubriu que non lle permitían entrar e que deixaran as súas guitarras na rúa.[48] Segundo a historia do britpop de John Harris, The Last Party, as últimas palabras que Butler lle dixo a Anderson foron "you're a fucking cunt".[49] Butler deixou a banda cunha cuarta parte da gravación aínda por completar. Na primeira entrevista do grupo como trío, Anderson dixo que xa previra o escenario, dicíndolle a Steve Sutherland da NME: "Vímolo vir hai dous anos. Non foi ningunha sorpresa, non creo que realmente quixese estar na banda nin nada que teña que ver con iso".[50]
Liderado polo sinxelo "We Are the Pigs", o segundo álbum de Suede, Dog Man Star, foi lanzado en outubro de 1994. O álbum foi moi ben recibido pola crítica no Reino Unido, que eloxiou a nova dirección experimental da banda. O disco entrou na lista de álbums do Reino Unido no posto número tres,[21] pero baixou rapidamente das listas.[51] Os sinxelos do álbum tiveron un rendemento deficiente. As críticas nos Estados Unidos foron máis ben dispares, con algúns críticos comparándoo desfavorablemente cos sinxelos do primeiro álbum e varios cualificándoo de pretencioso e usando outros sinónimos para ese efecto. Rolling Stone describiuno como "un dos álbums máis pretenciosos xamais publicados por unha gran discográfica".[52] Porén, a pesar de non ter acadado unha gran difusión nese momento, o álbum desenvolveu un legado constante ao longo da década e máis alá como un dos grandes álbums da música rock.[53] En setembro de 1994 Suede anunciou que Richard Oakes, de 17 anos, sería o novo guitarrista. Despois de ler sobre a marcha de Butler, enviou unha maqueta ao club de fans da banda.[54] Cando Gilbert escoitou a Anderson reproducindo a cinta mentres revisaba as cintas das audicións, creu erroneamente que era unha das primeiras maquetas de Suede. O primeiro deber oficial de Oakes como membro de Suede foi unha aparición no vídeo "We Are the Pigs". Despois coescribiu a súa primeira música con Suede, as caras B do sinxelo "New Generation", "Together" e "Bentswood Boys". Suede embarcouse nunha longa xira internacional a finais de 1994 e na primavera de 1995, antes de desaparecer para traballar no seu terceiro álbum. En 1995 a banda contribuíu cunha canción ao recompilatorio benéfico The Help Album, cunha versión de "Shipbuilding" de Elvis Costello.
Nova formación
[editar | editar a fonte]No outono de 1995 uniuse á banda o novo membro Neil Codling, un curmán de Gilbert que tocaba os teclados e a segunda guitarra. A súa primeira aparición foi nun concerto dun club de fans no Hanover Grand o 27 de xaneiro de 1996, que resultou ser unha das actuacións máis importantes de Suede. Foi un concerto curto, sen as cancións de Butler, e foi ben recibido pola crítica. "Un concerto que di: 'Non hai necesidade'", escribiu Steve Sutherland en NME.[55] Mesmo antes do lanzamento de Dog Man Star, o baixista Mat Osman declarou á revista Select en setembro de 1994 que quería deixar atrás o proceso de gravación restrinxido e os sons de guitarra expansivos e multicapa daquela época e centrarse nunha música pop máis axeitada para a radio, citando "Losing My Religion" de R.E.M. como unha canción que "non presume nin un pouco e que segue sendo brillante".[56] Anderson compartiu unha perspectiva similar, dicindo que, en contraste cos álbums anteriores da banda, que sentía que "sufrían nalgúns momentos de ser bastante escuros", pretendía que o próximo álbum fose "case como un 'grandes éxitos'".[31] O terceiro álbum de Suede, Coming Up, foi lanzado en setembro de 1996 e foi precedido polo exitoso sinxelo principal, "Trash", en xullo. O sinxelo foi popular e empatou con "Stay Together" como o sinxelo máis arriba nas listas do Reino Unido da banda, alcanzando o número tres.[21] O álbum converteríase no maior éxito comercial de Suede, conseguindo cinco sinxelos consecutivos no top 10 e converténdose nun éxito en toda Europa, Asia e Canadá. Coming Up nunca atopou unha audiencia significativa nos Estados Unidos, en parte porque apareceu case un ano despois do seu lanzamento inicial e en parte porque Suede só promoveu o disco cunha xira por tres cidades.[6] A xira complicouse aínda máis por problemas en Boston, Massachusetts, onde roubaron o equipo musical da banda, o que os obrigou a tocar os concertos restantes con guitarras acústicas.[57] Porén, o álbum encabezou a lista do Reino Unido e converteuse no lanzamento máis vendido da banda,[21] creando altas expectativas para o seguinte traballo. Co éxito do disco Suede asegurouse ser o plato forte do Reading Festival de 1997. O seguinte lanzamento da banda foi Sci-Fi Lullabies, unha colección de caras B que alcanzou o número nove na lista de álbums do Reino Unido.[21] O recompilatorio foi ben recibido, e o primeiro disco foi descrito pola crítica como a colección de cancións máis forte da banda.[41][58]
Cando se lanzou a recompilación en 1997, o movemento Britpop estaba claramente perdendo impulso, e a banda decidira separarse do seu produtor Ed Buller antes de comezar a traballar na continuación de Coming Up. Antes de centrarse no seu seguinte álbum, a banda gravou unha versión de "Poor Little Rich Girl" para Twentieth-Century Blues: The Songs of Noël Coward en 1998. Malia estar respaldado polo seu segundo sinxelo en chegar máis alto nas listas de éxitos, "Electricity", o cuarto álbum de Suede, Head Music, non conseguiu xerar o mesmo entusiasmo da crítica e da audiencia que os seus discos anteriores, aínda que volveu encabezar a lista de álbums do Reino Unido.[21] Tratábase dun álbum baseado en sintetizadorescon menos énfase nos riffs de guitarra e máis nos teclados e producido por Steve Osborne, que traballara con Happy Mondays e New Order. Aínda que o traballo recibiu unha forte promoción e un apoio financeiro substancial, obtendo unha aclamación case universal da crítica da prensa musical británica,[59] o consenso entre a xente próxima á banda era a sensación de que as cousas non estaban do todo ben. Richard Oakes era consciente da desaprobación dos fans polo álbum, así como do aspecto máis macilento de Anderson e da propia admisión de Oakes de ter pasado dous anos "borracho perdido e fóra de forma".[60] Ademais, moitos críticos consideraron que as letras do disco eran demasiado superficiais e carecían de substancia.[61] Outros eloxiaron o álbum, sentindo que a banda estaba tomando unha dirección diferente e explorando novos territorios.[59]
Os tres seguintes sinxelos lanzados do álbum non conseguiron entrar no top 10, rompendo unha racha que duraba dende o sinxelo de 1996 "Trash". Anderson tamén se enfrontou a crecentes críticas dos fans polo seu uso frecuente de vocabulario redundante e temas líricos limitados.[27] A canción que recibiu máis atención e críticas foi "Savoir Faire".[62] Algúns críticos vincularon o lirismo do álbum co consumo excesivo de drogas de Anderson naquel momento, especialmente despois de que admitise máis tarde que "foi un adicto ao crack durante moito tempo".[62] Falando da súa adicción, que o atormentou durante dous anos e medio, Anderson dixo: "Calquera que probase o crack saberá exactamente por que o tomei. É a droga máis aterradora do mundo porque o efecto que obtés dela é tan, tan sedutor. Quería experimentalo, e fíxeno, repetidamente".[28] Suede foi cabeza de cartel nos festivais de Roskilde e V en xullo e agosto de 1999, respectivamente. Durante o ano 2000 houbo especulacións na prensa sobre que Suede estaba a piques de disolverse, o que non se viu favorecido pola ausencia de Codling nalgúns concertos europeos. Anderson negou estas afirmacións e insistiu en que Codling estaba san e que estaban ansiosos por gravar o seguinte álbum.[63] Durante todo o ano 2000 Suede retirouse da atención pública, tocando só nun concerto en Reiquiavik, Islandia. A banda estreou varias cancións novas que finalmente aparecerían no seu álbum final.[64]
Decepción comercial e ruptura
[editar | editar a fonte]Pouco despois do lanzamento de Head Music Nude Records deixou de existir. Como moitos dos seus compañeiros de selo, Suede acabou asinando coa empresa matriz e distribuidora de Nude, Sony, para gravar o quinto álbum da banda, A New Morning. Entre o lanzamento de Head Music e A New Morning, Suede escribiu e gravou "Simon" como tema principal para a película Far From China.[65] A longa e problemática xestación do novo álbum fixo que o teclista Neil Codling deixase a banda, alegando síndrome de fatiga crónica, para ser substituído por Alex Lee, anteriormente membro de Strangelove.[66] Nos concertos, Lee tocaba os teclados, a segunda guitarra, os coros e ocasionalmente a harmónica. O título do álbum, segundo Anderson, referíase a "un novo comezo, unha nova banda e unha nova perspectiva": o cantante fora adicto á heroína e ao crack, o que estaba a ter un efecto cada vez máis prexudicial na súa saúde. Anderson afirmou que A New Morning "foi o primeiro disco de Suede que non foi influenciado na súa creación polas drogas".[67]
Aínda que a banda traballou inicialmente con Tony Hoffer como produtor,[68] o álbum foi finalmente producido por Stephen Street (The Smiths, Blur). Un total de sete estudios de gravación diferentes e catro produtores participaron no proceso de gravación de dous anos de A New Morning, cun custo estimado en 1 millón de libras.[69] O álbum foi unha decepción comercial, xa que non chegou a entrar nin no top 20 e nunca se lanzou nos Estados Unidos.[70] A New Morning dividiu drasticamente a base de fans da banda, incluso máis que Head Music, e a resposta da crítica foi decididamente morna. Ademais, o interese do público xeral xa se esvaecera había moito tempo. Só se lanzaron dous sinxelos do disco, "Positivity" e "Obsessions", o menor número de sinxelos de calquera dos álbums da banda, e ningún dos dous tivo un rendemento particularmente bo nas listas. Desde entón, Anderson expresou a súa decepción con ese álbum, afirmando: "Fixemos un álbum de Suede de máis. 'A New Morning' é o único no que non creo tanto como nos outros discos de Suede, e cría totalmente nos catro primeiros, mesmo en 'Head Music', que dividiu aos fans".[71] Mat Osman díxolle ao xornalista Jon Cronshaw en outubro de 2013: "Soaba como un álbum de Suede feito por un comité; era bastante insípido. Todos estamos bastante avergoñados del".[72] Anderson criticou aínda máis o álbum en 2016, dicindo: "É un disco pobre e nunca deberiamos telo lanzado".[73]
En setembro de 2003 Suede tocou cinco noites no Instituto de Artes Contemporáneas de Londres, dedicando cada noite a un dos seus cinco álbums e interpretando un álbum enteiro por noite en orde cronolóxica, con caras B e rarezas como bises.[74] En outubro de 2003 Suede lanzou un segundo álbum recompilatorio, Singles, xunto co sinxelo que o acompañaba, "Attitude", que chegou ao número 14 nas listas do Reino Unido. A banda tamén comezara a traballar nun álbum posterior a A New Morning, que estaba previsto que se lanzase despois do recompilatorio Singles.[75] Anderson afirmou: "A maior parte do material novo é máis agresivo e está menos baseado en cancións que A New Morning". Engadiu: "Estamos a pasar moito tempo traballando en cancións que non soan en nada como o Suede tradicional".[75] O álbum planeado nunca se lanzou.
O 28 de outubro de 2003 Anderson tomou a decisión de poñer fin ao grupo. Ese mesmo día Suede foi contratada para interpretar "Beautiful Ones" no programa V Graham Norton para promover o recompilatorio Singles.[76] Jeremy Allen foi a última persoa en entrevistar á banda xusto antes da aparición no programa.[77] Allen volvería ver á banda unhas seis semanas despois na festa posterior ao seu último concerto no London Astoria en decembro. Na festa posterior, Osman reveloulle a Allen que decidiran rematar co grupo menos dun minuto despois da súa última entrevista.[78] Mentres camiñaban polo corredor cara ao estudio, Anderson susurroulle ao oído a Osman: "Non fagamos máis isto".[77] Menos dunha semana despois da decisión de dar por rematada a carreira de Suede, a biografía da banda, Love and Poison, foi publicada o 3 de novembro.[79] O 5 de novembro a banda anunciou que non habería máis proxectos baixo o nome de Suede no futuro previsible, anunciando efectivamente o final da banda, como se indicaba na súa páxina web: "Non haberá un novo álbum de estudio ata que a banda sinta que o momento é artisticamente axeitado para facer un".[80] Anderson tamén fixo unha declaración persoal, dicindo: "Houbo especulacións sobre as vendas de discos e as posicións nas listas, pero a conclusión é que teño que facer o que sexa necesario para recuperar o meu demo".[81] O último concerto de Suede no London Astoria o 13 de decembro de 2003 foi unha maratón de dúas horas e media, dividida en dúas partes máis un bis. Anderson fixo un anuncio, dicindo: "Só quero que o saibades. Haberá outro disco de Suede. Pero aínda non".[82]
Reunión e Bloodsports
[editar | editar a fonte]
Tras os persistentes rumores, Saul Galpern, o xefe do antigo selo da banda, Nude Records, anunciou oficialmente o 15 de xaneiro de 2010 que Suede volvería tocar xuntos. "É un concerto único", explicou sobre o concerto, que presentaba a segunda encarnación da banda. A banda actuou no Royal Albert Hall de Londres como parte dos concertos de 2010 do Teenage Cancer Trust o 24 de marzo de 2010.[83] Anderson describiu o concerto de regreso como o seu concerto favorito e o cumio da súa carreira de 20 anos.[84] A pesar de que o concerto se anunciou inicialmente como unha reforma dunha soa noite, cando lle preguntaron na emisora de radio alemá MotorFM a principios de febreiro, Anderson negouse a confirmar que a banda non continuaría.[85] Posteriormente, a banda anunciou dous concertos de "quecemento" no Reino Unido antes do concerto no Royal Albert Hall, no 100 Club de Londres e no Ritz de Manchester.[86] Os tres concertos foron ben recibidos pola crítica de varios xornais.[87]
En agosto a banda actuou no Festival de Skanderborg en Dinamarca e no Parkenfestivalen en Bodø, Noruega. En setembro a banda anunciou que lanzarían The Best of Suede o 1 de novembro de 2010. A recompilación de dous discos, elaborada por Anderson, incluía 18 dos 20 sinxelos da banda no primeiro disco e unha mestura de cancións de álbums e caras B populares no segundo disco.[88] Pouco despois do lanzamento Suede embarcouse nunha curta xira europea dende finais de novembro ata decembro, percorrendo España, Francia, Bélxica, Suecia, os Países Baixos e Alemaña. A banda concluíu a xira o 7 de decembro no O2 Arena de Londres.[87]
Despois do seu concerto máis grande no O2 Arena de Londres, Brett Anderson confirmou que Suede estaba ansioso por seguir actuando en 2011.[89] A banda actuou en varios festivais en 2011, incluíndo a súa primeira aparición dese ano no Festival SOS 4.8 en Murcia, España, en maio.[90] Outros eventos destacados foron o Blackberry Live & Rockin' Festival na Jakarta International Expo en Indonesia en marzo de 2011,[91] e o Coachella Valley Music and Arts Festival en abril de 2011, que supuxo a súa primeira actuación estadounidense dende 1997.[84]
A banda tamén actuou no Latitude Festival en Suffolk o 17 de xullo de 2011, sendo a súa última actuación do ano no Festival de Berlín o 9 de setembro, despois da súa xira de agosto por Asia.[92]
En xuño de 2011, aproveitando o éxito do seu álbum recompilatorio, a banda lanzou edicións remasterizadas e ampliadas dos seus cinco traballos de estudio.[93] En maio de 2011 interpretaron os seus tres primeiros disco (Suede, Dog Man Star e Coming Up) completos durante tres noites no O2 Brixton Academy de Londres os días 19, 20 e 21, seguidas de actuacións semellantes no Olympia Theatre de Dublín os días 24, 25 e 26 do mesmo mes.[94][53]
Suede embarcouse nunha xira asiática completa que comezou a finais de xullo en Jisan, Corea do Sur, e concluíu no festival Summer Sonic en Toquio, Xapón, o 14 de agosto de 2011. A banda actuou en Atenas o 11 de setembro e rematou os seus compromisos de xira en Rusia o 16 e o 18 de decembro de 2011, onde presentaron novas cancións como "Falling Planes", "The Only", "Someone Better", "I Don't Know Why", "Cold War", "Future Nightmare" e "Sabotage". En 2012, Suede comezou a gravar un novo álbum con Ed Buller, e Brett Anderson afirmou que das cancións presentadas en Rusia só "Sabotage" estaba sendo considerada nese momento. O 7 de xaneiro de 2013 a banda anunciou que o seu sexto álbum de estudio, Bloodsports, sería lanzado no mes de marzo.[95] O anuncio foi acompañado de "Barriers", unha canción do álbum, dispoñible como descarga gratuíta.[96] A banda lanzou o seu primeiro sinxelo nunha década, "It Starts and Ends with You", o 4 de febreiro. Bloodsports foi ben recibido pola crítica e converteuse no seu disco con mellores críticas dende Coming Up de 1996.[97] O 12 de abril Suede anunciou as datas da súa próxima xira europea na súa páxina web. A xira comezou o 26 de outubro de 2013 na Leeds O2 Academy e rematou o 23 de novembro no Paradiso de Ámsterdam. Posteriormente, a banda engadiu tres concertos máis ao comezo da xira, tocando en datas adicionais en Southampton, Southend e Bristol os días 22, 23 e 24 de outubro.[98]
Night Thoughts
[editar | editar a fonte]
A finais de xaneiro de 2014 Anderson anunciou que Suede estaba a traballar nun novo álbum e estimou que se lanzaría en 2015, xa que a banda aínda estaba na fase de composición do mesmo.[99] O 7 de setembro de 2015 a banda anunciou que o seu novo disco, Night Thoughts, se lanzaría o 22 de xaneiro de 2016, xunto cunha longametraxe dirixida polo fotógrafo Roger Sargent.[100] O 24 de setembro lanzouse o primeiro sinxelo do álbum, "Outsiders". A banda interpretou o álbum completo os días 13 e 14 de novembro no London Roundhouse.[100] O disco lanzouse como un CD independente, como un paquete dobre coa película en DVD e como unha edición numerada limitada que incluía o CD, o DVD e un libro. Anderson sinalou que, a diferenza dos álbums anteriores, por primeira vez a banda tiña a liberdade de facer o seu propio traballo. Sen a presión de aspirar ao público xeral, a banda evitou deliberadamente escribir éxitos de radio.[101] Night Thoughts foi ben recibido tanto polos fans como pola crítica, e recibiu unha ampla cobertura de prensa tras o seu lanzamento. Tras o éxito de Bloodsports, Night Thoughts alcanzou o número 6 nas listas do Reino Unido. Seguidamente houbo unha serie de concertos no Reino Unido e Europa para promover o álbum. A primeira metade de cada concerto presentaba á banda tocando as cancións do álbum en secuencia, coa película proxectada nunha pantalla detrás deles. A segunda metade incluía unha mestura de material de catálogo anterior, incluíndo varias caras B e cancións descoñecidas. A banda tamén realizou varias aparicións acústicas en tendas HMV para promover o lanzamento, incluíndo sesións de preguntas e respostas y proxeccións da película.
Durante o período no que a banda compuxo e xirou con Night Thoughts, tamén conmemoraron algúns dos seus primeiros lanzamentos. Unha vez máis, a banda actuou para a organización benéfica Teenage Cancer Trust no Royal Albert Hall o 30 de marzo de 2014. Esta vez, a banda interpretou Dog Man Star completo para celebrar o seu 20 aniversario. O repertorio foi seguido de caras B daquela época e, a continuación, un final de grandes éxitos, que incluía a nova canción "I Don't Know How to Reach You".[102] Ademais, para celebrar o lanzamento do 20 aniversario do álbum, Suede lanzou unha edición limitada en outubro de 2014.[103] Unha reedición semellante polo 20 aniversario foi lanzada para Coming Up en setembro de 2016.[104]
The Blue Hour
[editar | editar a fonte]O 28 de abril de 2018 Suede anunciou o seu oitavo álbum de estudio. Dous días despois, o 30 de abril, revelaron oficialmente o título, The Blue Hour, que se lanzou o 21 de setembro dese mesmo ano. O 4 de maio de 2018, Suede anunciou as datas da súa xira europea, que estaba prevista para comezar pouco despois do lanzamento do álbum. A xira comezou o 29 de setembro en Berlín, no Columbiahalle, e rematou o 13 de outubro no Eventim Apollo de Londres.[105] Engadiuse un último concerto á xira o 14 de outubro no Bord Gáis Energy Theatre de Dublín.[106] O 5 de xuño de 2018 a banda compartiu o primeiro sinxelo do álbum, "The Invisibles", xunto cun vídeo que o acompañaba.[107] Lanzaronse cinco sinxelos do álbum, igualando o número dos editados para Night Thoughts, sendo o último deles, "Wastelands", publicado o 29 de outubro. O disco tivo unha acollida xeralmente favorable e converteuse no seu álbum que chegou ao posto máis alto da listas de éxitos dende Head Music en 1999. Suede anunciou o seu primeiro concerto de 2019 como cabezas de cartel do venres no Pennfest, en Penn, Buckinghamshire.[108] En novembro de 2018 a banda lanzou un documental titulado Suede – The Insatiable Ones, dirixido por Mike Christie. O documental de longa duración afonda nos altos e baixos da carreira do grupo, ofrecendo un acceso sen precedentes, novas entrevistas e imaxes inéditas do arquivo da banda. Emitiuse como parte dunha "Suede Night" o 24 de novembro en Sky Arts, xunto co concerto de regreso da banda en 2010 no Royal Albert Hall.[109] O 10 de decembro a banda anunciou novas datas para a súa xira polo Reino Unido de 2019. A xira comezou no O2 Academy de Newcastle o 15 de abril e rematou o 28 de abril no Corn Exchange de Cambridge.[110]
Autofiction e Antidepressants
[editar | editar a fonte]En novembro de 2020 un anuncio na páxina oficial de Facebook de Suede revelou que a banda estaba a gravar un novo álbum. A publicación tamén invitaba aos fans a contribuír coas voces nalgunhas cancións aínda sen título.[111] Nunha entrevista na BBC Anderson suxeriu que o disco sería "desagradable, brutal e curto". O 9 de xullo de 2021 Music Week informou de que Suede asinara co selo BMG para a edición do seu seguinte traballo, aínda que non se confirmara ningunha data de lanzamento.[112]
O 23 de maio de 2022, dazaoito meses despois do primeiro anuncio do grupo de que estaban gravando un novo álbum, Suede revelou que o título do seu noveno traballo de estudio sería Autofiction, que sería landado a través de BMG o 16 de setembro.[113] Ese mesmo día a banda revelou o nome do seu primeiro sinxelo, "She Still Leads Me On", e estreouno nun concerto no Cirque Royal en Bruxelas. A canción está inspirada na falecida nai de Anderson.[113] Falando sobre o novo álbum, Anderson dixo: "'Autofiction' é o noso disco punk. Sen asubíos nin campaíñas. Só nós cinco nunha habitación con todos os erros e as meteduras de pata revelados; a propia banda exposta en toda a súa desfeita primordial".[113] Nunha entrevista con Billboard, Anderson explicou ademais: "A nosa intención tamén era recuperar certas liñas estéticas no son... [o] son post-punk volveu estar moi presente con moita forza".[114]
Dous sinxelos adicionais, "15 Again" e "That Boy on the Stage", foron lanzados antes do álbum. Segundo Anderson, o primeiro é "unha canción sobre namorarse da vida por primeira vez".[115] O segundo, explicou, "trata sobre a persoa. Trátase das persoas nas que nos convertemos".[116] O 12 de setembro a banda anunciou as datas dunha xira polo Reino Unido en marzo de 2023. A xira de 2023 estaba programada para comezar no Bath's Forum o 3 de marzo e concluír na O2 Academy Brixton o 25 de marzo, marcando 30 anos desde que a banda fixo a súa primeira actuación no recinto londiniense en maio de 1993.[117] O 13 de setembro a banda anunciou a súa primeira xira de concertos polos Estados Unidos dende 1997, unha xira norteamericana como cabeza de cartel con Manic Street Preachers. Ambas as bandas tiñan programado dez concertos nos Estados Unidos e dous no Canadá ao longo de novembro.[118] Suede tamén actuou no Gran Premio de Singapur de Fórmula 1 de 2022.[119] Ademais, Suede e Manic Street Preachers realizaron unha serie de concertos dobres no Reino Unido en 2024, alternando quen actuaba primeiro. Durante estes concertos, Anderson anunciou que a banda estaba a traballar nun novo disco, co título provisional X, que o 19 de maio de 2025 anunciaron como Antidepressants, que se lanzaría 5 de setembro dese ano. A banda revelou que se inspirou de novo no xénero post-punk. Oakes explicou: "As miñas influencias adolescentes (Keith Levene [de Public Image Ltd], John McGeoch [de Siouxsie and the Banshees], The Fall, Wire) non tiñan realmente cabida nas composicións dos primeiros anos", pero "de súpeto sentín que si tiñan cabida" en Autofiction e Antidepressants.[120]
Discografía
[editar | editar a fonte]Álbums de estudio
[editar | editar a fonte]| Álbum | Ano | Selo |
|---|---|---|
| Suede | 1993 | Nude Records |
| Dog Man Star | 1994 | Nude Records |
| Coming Up | 1996 | Nude Records |
| Head Music | 1999 | Nude Records |
| A New Morning | 2002 | Epic Records |
| Bloodsports | 2013 | Suede Ltd |
| Night Thoughts | 2016 | Suede Ltd |
| The Blue Hour | 2018 | Warner Music UK |
| Autofiction | 2022 | BMG |
| Antidepressants | 2025 | BMG |
Videografía
[editar | editar a fonte]- Love And Poison, 1993.
- Introducing the Band, 1995.
- Lost In TV (DVD), 2001.
Sinxelos
[editar | editar a fonte]De Suede:
- The Drowners, 1992.
- Metal Mickey, 1992.
- Animal Nitrate, 1993.
- So Young, 1993.
Sinxelo:
- Stay Together (ep), 1994.
De Dog Man Star:
- We Are The Pigs, 1994.
- The Wild Ones, 1994.
- New Generation, 1995.
De Coming Up:
- Trash, 1996.
- Beautiful Ones, 1996.
- Saturday Night, 1997.
- Lazy, 1997.
- Filmstar,1997.
De Head Music:
- Electricity, 1999.
- She's In Fashion, 1999.
- Everything Will Flow, 1999.
- Can't Get Enough, 1999.
De A New Morning:
- Positivity, 2002.
- Obsessions, 2002.
De Singles:
- Attitude, 2003.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Harris, p. 28-30
- 1 2 Harris, p. 32
- ↑ Barnett, p. 32
- ↑ Harris, p. 34-35
- ↑ Harris, p. 35
- 1 2 3 4 5 6 7 8 "Suede Songs, Albums, Reviews, Bio & More". AllMusic (en inglés). Consultado o 2025-10-26.
- ↑ Barnett, p. 37
- ↑ Harris, p. 36
- ↑ Harris, p. 36-37
- ↑ Barnett, p. 45
- ↑ Barnett, p. 50-51
- ↑ Harris, p. 61
- ↑ Harris, p. 62
- ↑ Harris, p. 63
- ↑ Barnett, p. 63-64
- 1 2 "Now you see them: It's been a long time since there was a pop". The Independent (en inglés). 1993-03-21. Consultado o 2025-10-26.
- ↑ Barnett, p. 74
- ↑ Barnett, p. 74-75
- 1 2 "CANOE -- JAM! Music - Artists - Suede : Suede: The next big thing?". archive.ph. 2012-07-22. Archived from the original on 22 de xullo de 2012. Consultado o 2025-10-26.
- 1 2 "Looking back at the birth of Britpop" (en inglés). 2005-08-15. Consultado o 2025-10-26.
- 1 2 3 4 5 6 Roberts, David, ed. (2006), British Hit Singles & Albums (19ª ed.), HIT Entertainment, ISBN 1-904994-10-5
- ↑ Barnett, p. 89
- ↑ "Suede". Billboard (en inglés). Consultado o 2025-10-26.
- ↑ Barnett, p. 96
- ↑ "True Suede blues". The Herald (en inglés). 1993-03-10. Consultado o 2025-10-26.
- 1 2 3 "True Suede blues". The Herald (en inglés). 1993-03-10. Consultado o 2025-10-29.
- 1 2 Segal, Victoria (2005-04-23). "Better the devil you know". www.thetimes.com (en inglés). Consultado o 2025-10-29.
- 1 2 "Brett Anderson: 'I was a very strange human being indeed' - Features, Music - The Independent". www.independent.co.uk (en inglés). Consultado o 2025-10-29.
- 1 2 Bracewell, Michael (2008-09-01). "'I'm surprised I made it to 30'". The Guardian (en inglés). ISSN 0261-3077. Consultado o 2025-10-29.
- ↑ Harris, p. 86
- 1 2 3 "Taking the rough with the smooth". Telegraph.co.uk (en inglés). Consultado o 2025-10-29.
- ↑ Phrommayon, Annie (11 de marzo de 1997). "Born to be Cool". The Nation
- ↑ Barnett, p. 127
- ↑ "Ask Billboard". Billboard (en inglés). Consultado o 2025-10-30.
- ↑ Craven, Art. "Suede The Grand London 12 July 1993". Spin. Outubro de 1993
- ↑ Barnett, p. 122
- ↑ Barnett, p. 128
- ↑ Harris, p. 169
- ↑ Rosenblum, Trudi Miller (23 de abril de 1994). "Suede To Change Name for U.S." Billboard
- 1 2 "The Pop Life (Published 1995)" (en inglés). 1995-02-09. Consultado o 2025-10-30.
- 1 2 "Modern Life Is Rubbish: The Rise and Fall of Britpop - Article - Stylus Magazine". www.stylusmagazine.com. Arquivado dende o orixinal o 01 de xuño de 2016. Consultado o 2025-10-30.
- ↑ Barnett, p. 138
- ↑ Harris, p. 170
- ↑ Barnett, p. 145
- 1 2 Harris, p. 171
- ↑ Barnett, p. 147
- ↑ "On top of their material". www.thetimes.com (en inglés). 2003-09-14. Consultado o 2025-10-30.
- ↑ Harris, p. 171-172
- ↑ Petridis, Alexis (2005-04-21). "'Frankly I hated Suede'". The Guardian (en inglés). ISSN 0261-3077. Consultado o 2025-10-30.
- ↑ Sutherland, Steve (3 de setembro de 1994). "The Wired and Emotional Return of Suede". NME: 19
- ↑ Harris, p. 187
- ↑ Sheffield, Rob (2004). "London Suede". In Brackett, Nathan; Hoard, Christian (eds.). The New Rolling Stone Album Guide. Simon & Schuster. pp. 493–94. ISBN 0-7432-0169-8
- 1 2 "Easily Suede". The Irish Times (en inglés). Consultado o 2025-10-30.
- ↑ Barnett, p. 161
- ↑ Barnett, p. 195
- ↑ Cavanagh, David (outubro de 1994). "3 Unlimited". Select (52): 86
- ↑ "News - Articles - 1431379 - 19970527". www.mtv.com (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 03 de abril de 2010. Consultado o 2025-10-30.
- ↑ "NME.COM - SUEDE - Sci Fi Lullabies - 4/10/1997". www.nme.com. Consultado o 2025-10-30.
- 1 2 "The Week in Review". The Independent (en inglés). 1999-04-30. Consultado o 2025-10-30.
- ↑ Barnett, p. 232
- ↑ NME (2000-10-23). "WORDS DON'T COME EASY FOR BRETT". NME (en inglés). Consultado o 2025-10-30.
- 1 2 Harris, John (2005-02-11). "Pipe down". The Guardian (en inglés). ISSN 0261-3077. Consultado o 2025-10-31.
- ↑ NME (2000-05-02). "STUDIO-BOUND SUEDE TRASH SPLIT STORIES". NME (en inglés). Consultado o 2025-10-31.
- ↑ "Geysers!". NME.COM (en inglés). Consultado o 2025-10-31.
- ↑ "Far from China (2001) - Soundtracks - IMDb" (en inglés). Consultado o 2025-10-31.
- ↑ "Billboard Bits: Fatboy Slim, Suede, Keb’ Mo’". Billboard (en inglés). 2001-03-23. Consultado o 2025-10-31.
- ↑ NME. "THE DRUGS DON'T WORK". NME.COM (en inglés). Consultado o 2025-10-31.
- ↑ "London Suede Begins Recording New Album". Billboard (en inglés). 2001-06-01. Consultado o 2025-10-31.
- ↑ "'Morning' glory!". NME.COM (en inglés). Consultado o 2025-10-31.
- ↑ "Billboard Bits: Memorial Day, Anastasio, Suede". Billboard (en inglés). 2003-05-12. Consultado o 2025-10-31.
- ↑ "Suede To Reform?" (en inglés). Consultado o 2025-10-31.
- ↑ "Jon Cronshaw: Music: Interview with Suede". www.joncronshaw.co.uk. Arquivado dende o orixinal o 07 de outubro de 2015. Consultado o 2025-10-31.
- ↑ Lindsay, Cam (2016-01-21). "Rank Your Records: Brett Anderson Sorts Suede’s Records". VICE (en inglés). Consultado o 2025-10-31.
- ↑ "Billboard Bits: Suede, Diane Schuur, Alejandro Escovedo". Billboard (en inglés). 2003-08-11. Consultado o 2025-10-31.
- 1 2 "A New Suede!". NME. Archived from the original on 04 de marzo de 2016. Consultado o 31 de outubro de 2025.
- ↑ Barnett, p. 275
- 1 2 Allen, Jeremy (2013-11-08). "Suede: the art of handling a reunion". The Guardian (en inglés). ISSN 0261-3077. Consultado o 2025-10-31.
- ↑ Barnett, p. 276
- ↑ NME (2003-08-04). "WE ARE THE ROCK PIGS!". NME (en inglés). Consultado o 2025-10-31.
- ↑ "Suede Calls It A Career". Billboard (en inglés). 2003-11-06. Consultado o 2025-10-31.
- ↑ "Suede wow crowd at farewell gig" (en inglés). 2003-12-15. Consultado o 2025-10-31.
- ↑ NME. "SEE YOU IN THE NEXT LIFE". NME.COM (en inglés). Consultado o 2025-10-31.
- ↑ "Suede reunion show is definitely happening says label boss". NME.COM (en inglés). Consultado o 2025-11-01.
- 1 2 "Brett Anderson on the Future of Suede, Playing Coachella and More". BBC America (en inglés). Consultado o 2025-11-01.
- ↑ MotorFM. 1 de febreiro de 2010
- ↑ "Exclusive Suede warm-up gigs announced in preparation for Teenage Cancer Trust reunion at Royal Albert Hall — Press Releases — Media centre — Teenage Cancer Trust". www.teenagecancertrust.org (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 27 de febreiro de 2010. Consultado o 2025-11-01.
- 1 2 "The O2 - Suede announce their biggest indoor UK show to date when they play The O2 in London on 7 December". www.theo2.co.uk. Consultado o 2025-11-01.
- ↑ "Suede Announce Best Of". The Quietus (en inglés). 2010-09-22. Consultado o 2025-11-01.
- ↑ "Brett Anderson says Suede will continue playing in 2011". NME (en inglés). Consultado o 2025-11-01.
- ↑ "Suede confirm first festival appearance of 2011". NME (en inglés). Consultado o 2025-11-01.
- ↑ "Rocking with Suede - Sun, March 20, 2011". The Jakarta Post (en inglés). Consultado o 2025-11-01.
- ↑ "Berlin Festival 2011 » Suede". www.berlinfestival.de (en inglés). Consultado o 2025-11-02.
- ↑ "Suede releasing remastered versions of all their albums". NME (en inglés). Consultado o 2025-11-02.
- ↑ Goodwyn, Tom (2011-01-20). "Suede to play first three albums in full in London – ticket details". NME (en inglés). Consultado o 2025-11-02.
- ↑ Snapes, Laura (2013-01-07). "Suede Announce New Album, Offer Free Download". Pitchfork (en inglés). Consultado o 2025-11-02.
- ↑ Murray, Robin (2013-01-07). "Suede Unveil First New Material In Ten Years". Clash Magazine Music News, Reviews & Interviews (en inglés). Consultado o 2025-11-02.
- ↑ "Bloodsports by Suede" (en inglés). Consultado o 2025-11-02.
- ↑ NME. "Suede add dates to autumn UK tour – ticket details". NME.COM (en inglés). Consultado o 2025-11-02.
- ↑ Stevens, Jenny (2014-01-30). "Brett Anderson reveals Suede are working on a new album". NME (en inglés). Consultado o 2025-11-02.
- 1 2 Monroe, Jazz (2015-09-07). "Suede Announce New Album Night Thoughts and Accompanying Film". Pitchfork (en inglés). Consultado o 2025-11-02.
- ↑ "Night Thoughts sees Suede feeling inspired again says Brett Anderson". The Irish News (en inglés). 2016-02-05. Consultado o 2025-11-02.
- ↑ Wright, Lisa (2014-03-31). "Suede debut new track at 'Dog Man Star' 20th anniversary show for Teenage Cancer Trust". NME (en inglés). Consultado o 2025-11-03.
- ↑ Cooper, Leonie (2014-08-29). "Suede to release 20th anniversary 'Dog Man Star' boxset". NME (en inglés). Consultado o 2025-11-03.
- ↑ Earls, John (2016-08-16). "Suede to release deluxe edition of ‘Coming Up’ album". NME (en inglés). Consultado o 2025-11-03.
- ↑ Trendell, Andrew (2018-05-04). "Suede announce UK and European shows for 2018". NME (en inglés). Consultado o 2025-11-03.
- ↑ "Suede announce Dublin visit in October". Hotpress (en inglés). Consultado o 2025-11-03.
- ↑ Jones, Damian (2018-06-04). "Suede share new single and video 'The Invisibles'". NME (en inglés). Consultado o 2025-11-05.
- ↑ "Suede to headline Buckinghamshire festival". Bucks Herald (en inglés). 2018-10-26. Consultado o 2025-11-05.
- ↑ Trendell, Andrew (2018-11-07). "Suede share new trailer for tell-all documentary 'The Insatiable Ones'". NME (en inglés). Consultado o 2025-11-05.
- ↑ Clarke, Patrick (2018-12-10). "'The mayhem continues' - Suede announce 2019 UK tour". NME (en inglés). Consultado o 2025-11-05.
- ↑ Jones, Damian (2020-11-19). "Suede are inviting fans to be part of their new album". NME (en inglés). Consultado o 2025-11-05.
- ↑ "Suede sign to BMG for new album". www.musicweek.com (en inglés). Consultado o 2025-11-06.
- 1 2 3 Aubrey, Elizabeth (2022-05-23). "Suede announce new album and series of intimate London tour dates". NME (en inglés). Consultado o 2025-11-06.
- ↑ Toma, Tommaso (2022-09-17). "Brett Anderson (Suede): «Orgoglioso che il nostro primo album sia ancora considerato un disco precursore»". Billboard Italia (en italiano). Consultado o 2025-11-08.
- ↑ "Suede Share New Song, '15 Again'". The Quietus (en inglés). 2022-08-03. Consultado o 2025-11-08.
- ↑ Krol, Charlotte (2022-09-02). "Suede share ‘That Boy on the Stage’ about ‘the people we become’". Rolling Stone UK (en inglés). Consultado o 2025-11-08.
- ↑ Qureshi, Arusa (2022-09-12). "Suede announce UK headline tour for 2023". NME (en inglés). Consultado o 2025-11-08.
- ↑ Strauss, Matthew (2022-09-13). "Suede and Manic Street Preachers Announce 2022 North American Tour". Pitchfork (en inglés). Consultado o 2025-11-08.
- ↑ "Rock, rain and races: The best performances we saw at the F1 Singapore Grand Prix 2022". NME (en inglés). 2022-10-03. Consultado o 2025-11-08.
- ↑ "Suede New Album Exclusive: “We can get arty, but it always snaps back to being a rock band.”". Mojo (en inglés). 2025-07-15. Consultado o 2025-11-08.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Harris, John. Britpop!: Cool Britannia and the Spectacular Demise of English Rock. Da Capo Press, 2004. ISBN 0-306-81367-X
- Barnett, David. Love and Poison. Carlton Publishing Group, 2003. ISBN 0-233-00094-1