Solita Solano

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Solita Solano
Solita Solano.jpg
Nacemento1888
 Troy
Falecemento22 de novembro de 1975
 Orgeval
NacionalidadeEstados Unidos de América
Educada enEmma Willard School
Ocupaciónpoetisa, xornalista, novelista e escritora
editar datos en Wikidata ]

Sarah Wilkinson, nada en Troy (Nova York) en 1888 e finada en Orgeval (Yvelines) o 22 de novembro de 1975, foi unha escritora, poeta e xornalista estadounidense, coñecida como Solita Solano.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Full-length portrait of Solita Solano (cropped).jpg
Solano e Djuna Barnes en París (Maurice Brange, Au Café, 1922).

Proviña dunha familia de clase media. Educouse na Emma Willard School de Troy. Tras a morte do seu pai casou co seu noivo da infancia, Oliver Filley. Pasou os seguintes catro anos nas Filipinas, China e Xapón, onde o seu marido traballou como enxeñeiro. Volveron a Nova York en 1908.

Comezou a traballar como crítica teatral en New York Tribune e publicaba como freelance en National Geographic. Por esa época comezou a utilizar o pseudónimo de Solita Solano.

En 1919 Solano coñeceu a xornalista Janet Flanner en Greenwich Village, coa que comezou unha relación sentimental. En 1921 viaxaron a Grecia e Istambul, cidade da que Janet Flanner realizaba unha reportaxe para o National Geographic. Para entón Solano publicara tres libros, cuxo pouco éxito a fixo volver ao xornalismo. Ao ano seguinte foron a Francia, onde Janet Flanners foi correspondente de The New Yorker. Alí uníronse ao círculo intelectual-lésbico de Gertrude Stein, Alice B. Toklas, Natalie Clifford Barney, Romaine Brooks e Djuna Barnes. En 1929 Solano tivo un affair con Margaret Anderson, fundadora de The Little Review, que chegara a París coa súa amante, a cantante francesa Georgette Leblanc. Esa relación perdurou durante varios anos, aínda que Anderson continuou vivindo con Leblanc.[1]

Por esa época, Janet Flanner comezou a publicar co pseudónimo Genêt a súa serie Letter from Paris para The New Yorker Ao comezo da segunda guerra mundial (1939) Solano e Flanner volveron a Nova York.

Aos poucos anos Solano abandonou a Flanner, despois que esta comezase unha relación sentimental con Natalia Danesi Murray. Á súa vez Solano comezou outra con Elizabeth Jenks Clark. Solano presentou a Clark á súa anterior parella, Margaret Anderson, cando esta volveu aos Estados Unidos. O trío chegou a ser un grupo íntimo de amigas, o que non impediu que Anderson comezase unha relación con Dorothy Caruso, viúva do cantante Enrico Caruso.

Ao terminar a segunda guerra mundial Solano volveu a Francia, onde residiu até a súa morte.

Durante as décadas de 1930 e 1940 Solano estudou co místico George Gurdjieff, e durante un tempo actuou como a súa secretaria. Pertencía a un grupo gurdiefiano coñecido como The Rope (con Jane Heap, Margaret Anderson, Kathryn Hulme e Dorothy Caruso). Tras a morte de Gurdjieff (1949), Solano converteuse en líder do grupo, posición que ocupou até a súa propia morte. As súas notas das intervencións de Gurdjieff ante o grupo son o rexistro máis importante da súa personalidade e método.[2]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Elizabeth Jenks Clark Collection of Margaret Anderson
  2. Baker, Rob. "No Harem. Gurdjieff and the Women of The Rope." Gurdjieff International Review (http://www.gurdjieff.org/rope.htm)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Abbott, Berenice (1981): Portrait of Solita Solano, Parasol Press, Ltd.
  • Griffin, Gabriele (2002): Who's Who in Lesbian and Gai and Writing, Routledge, London
  • Patterson, William Patrick (1998): Ladies of the Rope: Gurdjieff's Special Left Bank Women's Group, Arete Pubns
  • Weiss, Andrea (1998): Paris war eine Frau, Rowohlt

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]