Sociedad Editora Universal

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Sociedad Editora Universal (ás veces chamada «El Trust») foi unha importante empresa editorial e xornalística española que existiu durante as décadas de 1920 e 1930.

Esta empresa foi a sucesora da Sociedad Editorial de España, propietaria dun grupo de xornais na España da restauración. O grupo estaba formado por Heraldo de Madrid,[1] El Liberal de Madrid,[1] El Liberal de Sevilla,[2] El Defensor de Granada,[3] El Liberal de Murcia,[4] a revista Royal e o semanario La Moda Práctica.

Historia[editar | editar a fonte]

A sociedade constituíuse en 1923 cando os irmáns Manuel Busquets e Joan Busquets,[4] xunto ó avogado Amadeu Hurtado, adquiriron o "trust" xornalístico Sociedad Editorial de España.[5][6] Todos eles formaron o núcleo de accionistas até 1927, cando Hurtado se desvinculou da empresa. O administrador, Antonio Sancristán Zavala,[7] foi o impulsor do acordo e anos máis tarde converteuse tamén en accionista. Os principais diarios da empresa eran o Heraldo de Madrid e El Liberal, ambos con sede na capital de España.[8] Pola súa banda, El Liberal de Sevilla converteuse no principal diario da rexión andaluza, cunha tirada diaria de 50.000 exemplares.[9]

A Sociedad Editora Universal foi un grupo editorial de gran éxito durante os seus anos de actividade, especialmente na etapa republicana, cando repartía dividendos do 11% do capital ós seus accionistas e emprendía fortes investimentos en maquinaria, como a rotativa Wifag encargada en Suíza en 1936. A estabilidade na propiedade foi a chave do crecemento dos xornais da sociedade que, no caso de Heraldo de Madrid, rompeu todas as marcas e tivo nestes anos unha traxectoria ascendente —en contraste co Liberal, que entrou nunha etapa de decadencia—.[10] Isto supuxo que a empresa fose economicamente rendible, a diferenza dalgúns dos seus rivais como La Papelera Española,[11] e permitise acometer —entre 1934 e 1936— unha forte expansión do capital social, que aumentou desde 1,8 millóns de pesetas até os 5 millóns.[12]

Tras o estalido da Guerra Civil Española en xullo de 1936, a empresa sufriu as vicisitudes da contenda. Os xornais da sociedade foron incautados pola Falanxe Española a medida que as tropas franquistas entraban nas cidades españolas. O director do Defensor de Granada, Constantino Ruiz Carnero, morreu durante a represión na súa cidade,[13] mentres que El Liberal de Sevilla foi arrasado polas tropas de Queipo de Llano cando este advertiu que se tentaban imprimir panfletos contrarios á sublevación militar. As publicacións que quedaron en zona republicana continuaron editándose baixo a xestión de comités obreiros. As instalacións de Heraldo de Madrid e El Liberal de Madrid na rúa do Marqués de Cubas[4] foron ocupadas por un grupo de falanxistas o 27 de marzo de 1939, coincidindo co final da contenda.

Os bens de produción da sociedade foron incautados por FET e das JONS, e nunca foron devoltos nin indemnizados os seus propietarios a pesar das innumerables xestións realizadas desde data tan temperá como 1947 e até a máis recente iniciativa, tratada no Congreso dos Deputados en novembro de 2009.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Checa Godoy, Antonio (2006). Prensa y partidos políticos durante la II República. Universidad de Salamanca. ISBN 84-7481-521-5. 
  • Gibson, Ian (1981). El Asesinato de Federico García Lorca. Barcelona: Editorial Bruguera. 
  • Gutiérrez Palacio, Javier (2005). República, periodismo y literatura. Tecnos. 
  • Langa Nuño, Concha (2007). De cómo se improvisó el franquismo durante la Guerra Civil. Sevilla: Centro de Estudios Andaluces. ISBN 978-84-611-5333-6. 
  • Martínez, Jesús A. (2001). Historia de la edición en España, 1836-1936. Madrid: Marcial Pons Historia. 
  • Reig García, Ramón (2011). La comunicación en Andalucía: Historia, estructura y nuevas tecnologías. Sevilla: Centro de Estudios Andaluces. ISBN 978-84-939078-0-8. 
  • Ruiz Sánchez, José-Leonardo (2005). Catolicismo y comunicación en la historia contemporánea. Universidad de Sevilla. 
  • Sáiz, María Dolores; Seoane, María Cruz (1996). Historia del periodismo en España 3. El Siglo XX: 1898-1936. Alianza Editorial.