Gonzalo Queipo de Llano

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Gonzalo Queipo de Llano
Gonzalo Queipo de Llano en Berlín en 1939.jpg
Queipo de Llano fotografado en 1939 en Berlín
Nome completoGonzalo Queipo de Llano y Sierra
Nacemento10 de febreiro de 1875
 Tordesillas
Falecemento9 de marzo de 1951 (76 anos)
 Sevilla
SoterradoBasílica de la Macarena (Sevilla)
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónoficial, militar e político
CónxuxeGenoveva Martí Tovar
editar datos en Wikidata ]

Gonzalo Queipo de Llano y Sierra, nado en Tordesillas (provincia de Valladolid) o 5 de febreiro de 1875 e finado en Sevilla o 9 de marzo de 1951, foi un xeneral español, conspirador e un dos principais protagonistas, sobre todo en Sevilla, do golpe que deu orixe á guerra civil española.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Educado nun seminario, combateu na Guerra hispano-estadounidense e na Guerra do Rif, ascendendo a xeneral de brigada en 1923. Aínda que apoiou nun principio ó ditador Miguel Primo de Rivera, as súas críticas cara a súa política provocaron o seu postergamento e traslado á reserva en 1928. Conspirou para derrubar a monarquía afonsina e dirixiu a Cuartelada de Cuatro Vientos (1930), o que lle obrigou a exiliarse en Portugal. Proclamada a República, foi nomeado Capitán Xeneral de Madrid e Inspector Xeneral do Exército, contribuíndo de forma fundamental no éxito das reformas militares de Manuel Azaña. Con posterioridade foi nomeado Xefe do Cuarto Militar do presidente da República, Niceto Alcalá Zamora, do que chegaría a ser consogro, até que renunciou en 1933 por mor das críticas recibidas, dado o seu cargo, por unha serie de inxerencias na vida política.

Cada vez máis descontento co rumbo que ía tomando a política republicana, e en especial trala destitución de Alcalá Zamora, foi xunto con Mola e Sanjurjo un dos dirixentes principais do golpe militar contra o goberno da Fronte Popular, cuxo fracaso parcial orixinou a guerra civil española.

Cun número reducido de homes[1] dirixiu o golpe militar en Sevilla, un dos bastións frontepopulistas, e iniciou unha forte represión que ocasionou soamente en Sevilla no período comprendido entre o 18 de xullo de 1936 e xaneiro de 1937 a morte de 3 028 persoas.[2]

Destacou polo emprego da radiodifusión como xeito de guerra psicolóxica, coas súas famosas parolas a través de Unión Radio Sevilla. Nomeado Xefe do Exército do Sur, asumiu o goberno militar e civil, e ó longo da guerra actuou con case total independencia, o que o levou a ser coñecido como o «Vicerrei de Andalucía».

Ascendido a tenente xeneral e condecorado coa Laureada de San Fernando tralo seu triunfo na Guerra Civil foi, porén, cada vez máis postergado por Franco, ó que se refería co alcume «Paca la Culona».[3][4][5]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Queipo de Llano, en Radio Sevilla en El Mundo de Andalucía (12 de decembro de 1998)
  2. Santos Juliá (coord.), Víctimas de la guerra civil, ISBN 84-8460-333-4, p. 411.
  3. Franco y sus generales
  4. Paul Preston, The Politics of Revenge: Fascism and the Military in 20th-century Spain, Routledge, 2003, ISBN 1134811136 p. 84.
  5. Daniel Arasa, Historias curiosas del franquismo, Ediciones Robinbook, 2008, ISBN 8479279796 p. 55.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Bahamonde, A. (2005): Un año con Queipo de Llano (Memorias de un nacionalista) Sevilla: Espuela de Plata, ISBN 978-84-96133-46-X
  • Barrios, M. (1979): El último virrey Barcelona: Ed. Argos Vergara. ISBN 978-84-7017-583-1
  • Espinosa Maestre, F. (2000): La justicia de Queipo. Violencia y terror fascistas en Sevilla, Huelva, Cádiz, Córdoba, Málaga y Badajoz.