Sitio paleontolóxico de Ediacara
O sitio paleontolóxico de Ediacara[1] é un famoso sitio paleontolóxico que subministrou unha das principais pegadas sobre a vida dos últimos tempos do precámbrico e que, pola súa riqueza en fósiles foi tomado como representativo da biota do período xeolóxico ediacárico.
Foi descuberto en 1946, cando o xeólogo australiano Reginald C. Sprigg estaba explorando unha zona montañosa ao norte da cidade de Adelaida (Australia Meridional coñecida como Ediacara Hills (outeiros de Ediacara).[2]
O conxunto de organismos que deron lugar aos fósiles alí encontrados coñécese como "fauna de Ediacara".
O ediacárico foi aceptado oficialmente como período xeolóxico en 2004 pola Unión Internacional de Ciencias Xeolóxicas (IUGC, International Union of Geological Sciences).[3][4] A sección tipo é Flinders Ranges en Australia Meridional. Superponse, pero é máis curto que o período vendiano, nome que propuxera, en 1952, o xeólogo e paleontólogo ruso Boris Sokolov.[5][6] É parte da era neoproterozoica que, á súa vez, é a parte final do eón proterozoico. Abarca desde hai 635 millóns de anos até hai 542 millóns de anos.
Importancia
[editar | editar a fonte]Os fósiles do sitio arqueolóxico de Ediacara son a primeira evidencia certa que temos de organismos pluricelulares con tecidos diferenciados. Tras o seu descubrimento encontráronse fósiles similares en todo o mundo. Neste sitio acháronse gran variedade de pegadas e moldes de partes brandas de diversos seres vivos, algo que non adoita ocorrer frecuentemente dada a dificultade que teñen estas partes para fosilizaren. O máis sorprendente desta "primeira fauna" é a gran diferenza que presentan coa morfoloxía de animais posteriores: abundan as formas planas con simetrías radiadas ou espirais de tres ou cinco raios, mentres que os organismos con simetría bilateral (os máis abundantes en épocas posteriores) escasean. Isto levou a propoñer que Ediacara foi un "experimento evolutivo falido", un momento en que apareceron gran cantidade de novidades evolutivas (sobre todo morfolóxicas) que non tiveron éxito ao adaptarse ao medio. Isto queda demostrado pola dificultade de encontrar seres vivos similares en fósiles de épocas posteriores.
Hipóteses sobre a súa formación
[editar | editar a fonte]Aínda hoxe a fauna de Ediacara segue resultando descoñecida na súa maior parte, incluso nos seus aspectos máis elementais como, por exemplo, o metabolismo. Unha hipótese sobre esta fauna que parece bastante acertada, pero que aínda así causa polémica, propón que estes organismos non eran animais (organismos eucariotas pluricelulares con tecidos diferenciados) senón organismos procariotas formados por varias células, sen cavidades internas nin tecidos diferenciados.
Ademais, nos últimos anos estanse descubrindo probas que avalan unha importante perturbación global do ciclo do carbono ao final do proterozoico, é dicir, coincidindo coa brusca desaparición da fauna de Ediacara. Non se coñece aínda a causa da breve e forte irregularidade no carbono que aparece no rexistro fósil desta época, se ben é moi similar a outras variacións que están vinculadas ás grandes extincións en masa do fanerozoico. Así, o final da aínda misteriosa fauna de Ediacara puido estar unido cun fenómeno breve e catastrófico que fixo desaparecer á gran maioría destes organismos complexos, abrindo o camiño á grande "explosión de vida" que marca o inicio do fanerozoico: a chamada explosión cambriana.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Pronunciado en Australia /iːdiˈækərə/.
- ↑ "Localities of the Vendian: Ediacara Hills". Arquivado dende o orixinal o 22 de novembro de 2011. Consultado o 31 de agosto de 2012.
- ↑ Knoll, A.H.; Walter, M.R., Narbonne, G.M., Christie-blick, N. (2004). "A new period for the geologic time scale" (PDF). Science 305 (5684): 621–622.
- ↑ Ogg, J.G. (2004). "Status of Divisions of the International Geologic Time Scale" (PDF). Lethaia 37 (2): 183–199. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 07 de maio de 2020. Consultado o 31 de agosto de 2012.
- ↑ B. M. Sokolov (1952). "On the age of the old sedimentary cover of the Russian Platform". Izvestiya Akademii Nauk SSSR, Seriya eologicheskaya 5: 21–31.
- ↑ Sokolov, B.S. (1997). "Essays on the Advent of the Vendian System." 153 pp. KMK Scientific Press, Moscova. (en ruso)
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Astrobiología. La fauna de Ediacara (en castelán) Consultada o 31/08/2012.