Saltar ao contido

Sinusoide (vaso sanguíneo)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Non confundir cos sinusoides dalgunhas funcións matemáticas ou de ondas
Micrografía electrónica dun sinusoide hepático con células endoteliais fenestradas, con fenestracións duns 100 nm de diámetro.

Un sinusoide é un tipo de vaso sanguíneo capilar especial. Trátase de canais vasculares revestidos de endotelio de perfil transversal irregular, xeralmente de diámetro relativamente grande [1]. Os sinusoides son similares a capilares fenestrados, pero non iguais, e clasifícanse como capilares descontinuos ou de poro aberto para distinguilos dos fenestrados. Os capilares fenestrados teñen tamén poros nas súas paredes non cubertos pola célula endotelial, pero si tapados por un diafragma. Ao contrario, os capilares de poro aberto carecen dese diafragma conxuntivo que cobre os poros, polo que estes están abertos, o que incrementa notablemente a permeabilidade do capilar (ver imaxe de tipos de capilares Arquivado 15 de setembro de 2013 en Wayback Machine.). Ademais, a permeabilidade está aumentada porque as aberturas que hai entre as células do endotelio son relativamente grandes e porque teñen poucas unións herméticas. O nivel de permeabilidade é grande dabondo como para permitir que pasen proteínas de tamaño pequeno ou mediano, como as albuminas séricas, que así poden entrar e saír doadamente da circulación sanguínea.

Os sinusoides teñen un percorrido moi retorto, de onde lles vén o seu nome, xa que se adaptan á xeometría do órgano. Esta configuración débese ao seu particular modo de desenvolvemento durante a organoxénese por penetración de parénquima epitelial en vasos sanguíneos embrionarios (o que é un desenvolvemento distinto do que presentan os outros capilares).

O endotelio dalgúns órganos linfoides é moi delgado, mais nas glándulas endócrinas é un mosaico de áreas fenestradas e non fenestradas. No fígado os sinusoides teñen aberturas especialmente grandes.

Localización

[editar | editar a fonte]

Atópanse sinusoides no fígado, tecidos linfoides como o bazo (sinusoides venosos), medula ósea, e en órganos endócrinos como o córtex suprarrenal, adenohipófise e outros. O sistema de sinusoides está especialmente dsesenvolvido no fígado. Os sinusoides situados nos villi terminais da placenta non son comparables a estes porque posúen un endotelio continuo e unha lámina basal completa.

Sinusoide hepático

[editar | editar a fonte]

Os sinusoides hepáticos son vasos sanguíneos de forma moi irregular coas súas células endoteliais aplicadas directamente ao parénquima do órgano, sen que haxa practicamente tecido conxuntivo en medio. O endotelio é fino. No fígado hai tres tipos de células asociadas aos sinusoides, xa que ademais das células endoteliais conteñen células de Kupffer con función fagocítica e células estreladas hepáticas (ou células de Ito). Estes sinusoides facilitan o intercambio de substancias entre os hepatocitos e o sangue [1]. Os hepatocitos están separados dos sinusoides polo espazo de Disse [2]. A presenza das células de Kupffer nos sinusoides hepáticos fai que estes sexan lugares onde se produce a fagocitose de bacterias que entran na circulación sanguínea. Aos sinusoides hepáticos chega sangue rico en oxíxeno procedente da arteria hepática, e sangue rico en nutrientes procedente da vea porta [2].

O endotelio dos sinusoides hepáticos deixa aberturas intercelulares de 0,1 a 0,5 microns de largo, e ademais nas porcións adelgazadas periféricas das células hai moitas fenestracións grandes. A maioría dos mamíferos teñen un endotelio dos sinusoides hepáticos con estas descontinuidades ou aberturas entre as células.

  1. 1,0 1,1 D. W. Fawcett. Tratado de Histología. Editorial Interamericana-Mc. Graw Hill. 11ª edición. Páxinas 393-394, 69o-693. ISBN 84-7605-361-4
  2. 2,0 2,1 "SIU SOM Histology GI". Arquivado dende o orixinal o 17 de xullo de 2017. Consultado o 18 de marzo de 2012. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]