Sintetizador analóxico

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Un sintetizador analóxico é un instrumento musical electrónico que crea, modifica e almacena as formas das ondas dun sinal de son executado ou previamente almacenado.

Características[editar | editar a fonte]

A forma máis común na que se presenta un sintetizador é a de teclado electrónico acaroado a uns controis para manexar a circuitería interna. Pódense clasificar en non programables (cunha serie de sons almacenados no disco ríxido, pero non variables) e programables (que poden crear os seus propios sons). Estes, á súa vez, constan de tres partes: os controis de interpretación musical, os controis de programación e o sistema de xeración de son.

O dispositivo elemental da síntese é o oscilador; a síntese máis empregada é a que se fai por modulación de frecuencia, que consiste en variar a frecuencia dunha forma de onda, a portadora, uníndoa á amplitude dunha segunda, denominada moduladora.

Historia[editar | editar a fonte]

Actualmente non é estraño que cun só instrumento electrónico sexa posible reproducir unha gran variedade de timbres doutros.

A principios do século XX comézase a investigar para tentar sacar música de ondas de ruído branco con circuítos electrónicos e para iso inventáronse aparatos de todo tipo. O thelarmonio é o exemplo do primeiro instrumento enteiramente electrónico e polifónico, deseñado por Thadeus Cahill's nun primeiro momento para proporcionar música en vivo a través das liñas telefónicas ós subscritores deste servizo.

En 1920 o doutor Carl Emil inventa o audiómetro, que funciona con tons xerados electronicamente. En 1923 Léon Thérémin crea un dos primeiros instrumentos electrónicos que se pode chamar 'musical', o theremin, no que o son se crea cuns osciladores que varían a frecuencia con só acchegar as mans.

Outro precursor dos sintetizadores actuais é o RCA Mark II Sound, de mediados dos 50, que non tiña teclado e que se programaba cunhas tarxetas perforadas previamente instaladas. Ademais utilizaba osciladores de válvula termoiónica e incorporaba o primeiro secuenciador.

Pero a verdadeira revolución produciuse a principios dos 60 con Bob Moog e Herb Deutch, que colleron a idea dos seus precursores e engadíronlle un teclado ó sintetizador para achegalo ós músicos. Tratábase dun circuíto con osciladores e amplificadores controlados por voltaxe que regulan o ton e a cadencia de cada nota. Democratizaron o instrumento pero nos seguintes anos da súa creación aínda non se dera demasiado a coñecer ata que o éxito da gravación de J. S. Bach ('Switched on Bach') interpretada nun destes o fixo famoso ó gran público. Reparouse por fin en que non só valía cun instrumento que reproducise unha sucesión de sons pregrabados, senón que se buscaba ter en conta os transitorios do sinal (ataque, extinción...); é dicir, modificacións do sinal no tempo como se produce nos instrumentos analóxicos.

Partes do sintetizador[editar | editar a fonte]

Teclado controlador[editar | editar a fonte]

É a parte máis visible do sintetizador e normalmente preséntase con esta presenza. É a fonte que descarga unha tensión proporcional á forza coa que se oprime. Nos máis modernos obtéñense varias tensións de control para cada tecla. Tamén se poden cambiar parámetros como a velocidade de pulsación. A dinámica e a expresividade non se ven deterioradas por ser un instrumento electrónico. Normalmente 1 V correspóndese cunha diferenza dunha oitava e a memoria analóxica mantén a tensión da última tecla oprimida.

Oscilador controlado por voltaxe (VCO)[editar | editar a fonte]

Trátase dunha fonte de son básica no sintetizador. O seu efecto consiste en repetir ciclicamente a forma da onda do sinal executado, producindo así unha oscilación periódica. A este sinal pódenselle variar os parámetros de entrada: a forma da onda, a frecuencia e a amplitude. Os timbres que se obteñen dun oscilador son electrónicos, xa que o seu espectro é harmónico e se mantén sempre fixo. A frecuencia do sinal xerado ó pulsar a tecla obtense como a suma alxébrica das tensións de control aplicadas ás súas entradas.

Dispón de varias formas de onda (senoidal, dente de serra, triangular e cadrada) e cada unha dará un tipo de son diferente.

Mesturador de sinais ("mixer")[editar | editar a fonte]

Dispositivo que permite a combinación dunha serie de sinais de entrada agrupadas e nas proporcións de volume desexadas, de forma que se obtén outro sinal resultante da combinación destas.

Xerador de envolventes (ADSR)[editar | editar a fonte]

Defínese como a evolución da amplitude do son ó longo do tempo ulogo de ser executado. Ten catro zonas características da amplitude do sinal. As zonas ADR refírense ó tempo, mentres que o S se refire ó nivel. Estes xeradores tamén controlan a resposta do filtro en caso de ter activado un.

  • O ataque, o tempo que tarda o sinal en alcanzar a súa máxima amplitude ó executalo, medido en milisegundos.
  • O decaemento ("decay"), tempo que tarda o son en alcanzar o punto de estabilidade.
  • O sostemento, que controla o nivel de presión sonora do sinal mentres se estea a executar. A diferenza coas demais reside en que nesta se controla o volume do sinal; nas outras no que se intervén é no tempo en que o sinal chega a un determinado nivel. No caso de desactivalo pasaríase directamente á etapa seguinte.
  • O relaxamento ("release"), contrario ao ataque, determina o tempo no que se desvanecerá o sinal logo de que se pare de executar.

Xerador de ruído[editar | editar a fonte]

Adoita proporcionar ruído tanto branco coma rosa; é unha saída de tensión de control axustable na súa frecuencia.

Amplificador controlado por tensión (VCA)[editar | editar a fonte]

É un amplificador do sinal que ten a particularidade de modificar a ganancia controlándoa cunha voltaxe adicional. O que produce é poder simular a dinámica de máis instrumentos.

Filtro controlado por tensión (VCF)[editar | editar a fonte]

É un elemento que escolle as frecuencias do sinal e as separa para resaltar as desexadas ó atenuar as non buscadas. É configurable en varias formas (paso baixo, paso alto, paso banda e rexeito banda), onde se escolle o punto no que cortar a frecuencia e a pendente de atenuación da banda escollida a partir do punto de corte.

Sección de LFO.

Oscilador de baixa frecuencia (LFO)[editar | editar a fonte]

Composto de osciladores independentes, controlados por tensión, con varias formas de onda cada un e que se sitúan na banda das baixas frecuencias, ata uns 20 hercios. A súa saída pode usarse para controlar tanto a amplitude como a frecuencia dos VCO.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Sintetizador analóxico Modificar a ligazón no Wikidata

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]