Servizo de Protección da Natureza da Garda Civil

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Escudo.

O Servizo de Protección da Natureza (SEPRONA) é unha unidade da Garda Civil en España, encargada da conservación da natureza e os recursos hidráulicos, así como da riqueza cinexética, piscícola, forestal e de calquera outro mester relacionado coa natureza, segundo o artigo 12.B.e da Lei Orgánica 2/1986, de 13 de marzo, de Forzas e Corpos de Seguridade.[1]

Creado no ano 1988 e reorganizada no ano 2000, o SEPRONA ten a misión de evitar agresións ó medio ambiente, e a de protexer os bens mobles e inmobles catalogados como Bens do Patrimonio Histórico en todo o territorio español e no seu mar territorial, incluída a preservación de especies protexidas e ameazadas. A súa base de traballo é moi extensa, debendo os seus compoñentes traballar con máis de 2000 leis e decretos, sendo a especialidade da Garda Civil que maior lexislación manexa.

Trátase da única policía xudicial verde de Europa, e o seu labor é recoñecido por moitas ONG.

Referencias históricas[editar | editar a fonte]

Motorista do SEPRONA.

Dende a creación do corpo, establecéronse as regras necesarias para a organización militar e os seus servizos como institución civil. Esas regras foron reunidas nun pequeno caderno, aprobado por Real Orde o 20 de decembro de 1845, cuxo título, "Cartilla do Garda Civil", foi redactado pola Inspección Xeral do Corpo, sendo a primeira referencia histórica nacional e internacional que se ten dunha policía en canto á protección e conservación do medio ambiente.

Cometidos[editar | editar a fonte]

  • Colaborar coas autoridades e organismos correspondentes para planear e executar unha política eficaz nesta materia.
  • Fomentar condutas de respecto á natureza.
  • Comprobar o estado de conservación dos recursos hidráulicos (continentais e marítimos), xeolóxicos e forestais para impedir calquera tipo de contaminación, agresión ou aproveitamento abusivo.
  • Colaborar na prevención de incendios forestais.
  • Protexer o medio ambiente atmosférico, vixiando o seu grao de contaminación e nivel de radioactividade.
  • Realizar accións tendentes a favorecer o normal desenvolvemento de flora e fauna (continentais e marítimas), especialmente das especies protexidas.
  • Contribuír ó correcto aproveitamento dos recursos forestais, cinexéticos e piscícolas.
  • Facilitar o adecuado gozo do espazo natural, impedindo actividades que poidan degradalo.
  • Crear as bases de datos relativas ó Servizo.

Organización[editar | editar a fonte]

Nissan Terrano II largo do SEPRONA

A Xefatura do Servizo de Protección á Natureza está composto de:

  • Mando: un xeneral da Garda Civil.[2]
  • Secretaría: Plana Maior.

As unidades operativas do Servizo de Protección da Natureza divídense en:

  • Patrullas: chamadas inicialmente patrullas motorizadas todo terreo, son as unidades básicas de vixilancia e protección dun territorio.
  • Equipos: Son unidades encargadas da detección, cuantificación e investigación das agresións graves ó medio.
  • Destacamentos: Son unidades creadas expresamente para a vixilancia e protección de espazos legalmente protexidos.

Estatística[editar | editar a fonte]

Estatística extraída do Ministerio do Interior correspondente ó ano 2007:

INTERVENCIÓNS CLASE
4.029 Delitos
350 Faltas penais
138.706 Infraccións administrativas
23.626 Informes
474 Detidos
1.164 Imputados

Notas[editar | editar a fonte]

  1. BOE do 14 de marzo de 1986 (en castelán).
  2. "Fundación-Biodiversidad.es" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 13 de decembro de 2009. Consultado o 05 de decembro de 2009. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]