Seara Nova

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Raul Proença, Fundador da revista Seara Nova.

Seara Nova é unha revista fundada en Lisboa no ano 1921 por iniciativa de Raul Proença e un grupo de intelectuais portugueses.

Historia[editar | editar a fonte]

Número de 1921.

Seara Nova principiou a publicarse no mes de outubro de 1921, aparecendo como data na súa cabeciera o 15 de outubro de 1921. Previamente producíronse unha serie de xuntanzas, e decisiva foi a de abril en Coimbrão, localidade do distrito de Leiría, na que participaron Teixeira de Pascoaes, Raul Proença, Cámara Reis, Jaime Cortesão, Aquilino Ribeiro, Raul Brandão e Faria de Vasconcelos [1]. Na súa orixe era unha publicación esencialmente doutrinaria e crítica, que asumía fins pedagóxicos e políticos e pretendía contribuír á creba do illamento da elite intelectual portuguesa, aproximándoa á realidade social.

Os colaboradores[editar | editar a fonte]

Entre os colaboradores iniciais existía un grupo con experiencia xornalística e de participación cívica na prensa, en especial Jaime Cortesão, Augusto Casimiro e Raul Proença, que xa colaboraran con A Aguia, publicación que non obstante as súas intencións non puidera satisfacer o propósito de intervención e de aproximación á sociedade que os animaba. Nos seus primeiros anos o proxecto xuntou algúns dos principais nomes da intelectualidade da época: Jaime Cortesão, Raul Proença, António Sérgio, Raul Brandão, Aquilino Ribeiro, Cámara Reis e Augusto Casimiro, e ao longo dos máis de 50 anos de publicación relativamente regular foron moitos os intelectuais que colaboraron con Seara Nova, entre moitos outros: António Sérgio (que integrou a dirección a partir de 1923 e nela se consagrou como pensador e crítico), Augusto Casimiro, Augusto da Costa Dias, Rogério Fernandes, Augusto Abelaira, Teixeira Gomes, Assis Esperanza, Afonso Duarte, Hernâni Cidade, Joaquim de Carvalho, João de Barros, Irene Lisboa, Manuel Mendes, José Rodrigues Miguéis, Álvaro Salema, Lobo Vilela, Santana Dionísio, José Gomes Ferreira, Adeodato Barreto, Adolfo Casais Monteiro, Mário Dionísio, João Martins Pereira, Avelino da Costa Cunhal, Fernando Lopes-Graça, Jorge de Sena e José Saramago.

Identidade política-ideolóxica[editar | editar a fonte]

Tras a implantación da Ditadura Nacional e a consolidación do Estado Novo, Seara Nova transformouse no principal periódico de oposición democrática ao réxime de António de Oliveira Salazar. Ao longo do medio século tras o Golpe do 28 de maio, a revista desempeñou un papel central de reflexión e intervención crítica fronte ao proceso de dexeneración do liberalismo republicano da década de 1920 e despois na oposición á consolidación do Estado Novo na segunda metade da década de 1930, na resistencia cívica ao longo dos anos de 1940 e 1950 e na renovación doutrinaria da esquerda portuguesa e na súa afirmación política e cultural nos anos de 1960 e 1970 ata a caída da ditadura e a chegada da democracia a Portugal

Series e periodicidade[editar | editar a fonte]

A revista publicouse, aínda que non sempre regularmente, ata 1979, chegando ao  número 1598/1599. A partir daquel ano, pasou a publicar só un exemplar anual para asegurar que, consonte á lei portuguesa, o título non caducase, e así continuou ata o ano 1985, cando reapareceu como revista trimestral, a partir da edición do verán de 2004 a publicación retomou a anterior numeración, incorporando posteriormente todas as edicións que se fixeran mentres tanto.

Notas[editar | editar a fonte]