Saltar ao contido

Señorío de Cuzcatlán

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:Xeografía políticaSeñorío de Cuzcatlán
Tajtzinkayu Kuskatan (nah) Editar o valor en Wikidata

Localización
Editar o valor en Wikidata Mapa
 13°40′N 89°14′O / 13.67, -89.23
CapitalAntiguo Cuscatlán (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Poboación
Poboación200.000 (1520) Editar o valor en Wikidata (20 hab./km²)
Lingua oficialLingua pipil Editar o valor en Wikidata
RelixiónRelixión azteca Editar o valor en Wikidata
Xeografía
Superficie10.000 km² Editar o valor en Wikidata
Datos históricos
Creaciónvalor descoñecido Editar o valor en Wikidata
Disolución1528 Editar o valor en Wikidata
Organización política
Forma de gobernomonarquía Editar o valor en Wikidata

O Señorío de Cuzcatlán[nota 1] (en lingua pipil: Tajtzinkayu Kuskatan) foi unha nación nahua, na súa maioría pipil, do Período Posclásico tardío da época prehispánica. Estaba fundamentada no que se coñece como réxime Zuyuano, que era unha estrutura ideolóxica que sustentaba os gobernos dese período, baseado en que os altos cargos de goberno foron conferido por Ce Ácatl Topiltzin Quetzalcóatl en Tollan (a quen tamén se considera o fundador mitolóxico de Cuscatlán no seu exilio). O seu territorio abranguía a maior parte da zona occidental e central do Salvador), cubrindo un territorio de aproximadamente 10 000 km².[1][2]

Dividíase en 74 provincias tributarias chamadas kalpishkayu (náhuatl clásico: calpixcayotl 'cousas do calpixqui ou mordomo'), tamén chamados atepet (náhuatl clásico: altepetl 'outeiro de auga') ou techantakutun (techan 'vila', takutun 'parte', parte dunha vila; este termo é un neoloxismo empregado no vocabulario nahua para designar a este tipo de entidades así como concellos e entidades semellantes). As principais eran: o propio Cuzcatlán (no presente Antiguo Cuscatlán), Izalco (o cal foi dividido a comezos da época colonial en Tecpán Izalco, o actual Izalco, e Caluco Izalco, o presente Caluco), Tacuzcalco (o actual Nahulingo e as ruínas de Tacuzcalco), Cojutepeque, Nonualco (actuais Santiago Nonualco e San Juan Nonualco), Tecoluca e Purulapa (actuais San Martín, San Pedro Perulapán e San Bartolomé Perulapía). Destas, Nonualco, Izalco, Cojutepeque e Cuscatlán eran as que tiñan máis poboación e puideron ter sido sedes dun taketzakayu (náhuatl clásico: tlahtohcayotl 'cousas do falador ou tlahtoani, reino ou rexión dominada por unha liñaxe principal') ou taltakutun (tal 'terra', takutun 'parte'), estando as demais provincias repartidas entre estes taketzakayu. Mentres que Purulapa, Tacuzcalco e Tecoluca puideron ser pendóns de guerra ou rexións dependentes chamados kwawtaketzakayu (náhuatl clásico cuauhtlatocayotl, outro nome para estas en náhuatl clásico era tlahuallinalpan) dalgún dos taketzakayu.[3]

Cada provincia tributaria ao weytechan (capital) dun taketzakayu era gobernada por un tekutaketzani (náhuat clásico: teuctlahtoani 'señor orador' ou 'orador pai') tamén chamado wey kalpiani (náhuatl clásico: huey calpixqui 'o gran posuidor de casas') que tiñan baixo a súa disposición aos recadadores de tributos, chamados kalpiani (náhuat clásico: calpixque 'o que posúe casas') ou tepiani (náhuat clásico: tepixqui 'o que posúe xentes'). Mentres que o gobernante respectivo da weytechan dun taketzakayu recibía o título de "Taketzani" (náhuatl clásico: tlahtoāni 'o que fala, orador'), destes o Taketzani de Kuscatan levaba o título de "Takateku" (náhuatl clásico tlācatecuhtli 'xefe dos homes') ou "Wey Taketzani" (náhuatl clásico Huey Tlahtoani 'grande orador') e era á súa vez o gobernante da nación.[3]

O principal motor económico das provincias era o millo, o cal era cultivado na meirande parte das provincias que non estaban na costa ou preto do lago de Ilopango. Este era seguido polo cultivo de cacao que era colleitado principalmente nas poboacións que se atopaban nos actuais departamentos salvadoreños de Sonsonate e Ahuachapán. Ademais de Atehuan (a actual Ateos), Ciguateguacan (actual Santa Ana), Chalchuapa e Cinacantan (esta última é unha poboación extinta), mentres que a recollida de sal e/ou a pesca principalmente de olominas era o motor económico das provincias costeiras e achegadas ao lago de Ilopango.[3][4]

Reconstruír a historia deste señorío resulta problemático por mor da inexistencia de manuscritos dos habitantes da nación, xa que ningún logrou sobrevivir. Por outra banda, Francisco Antonio de Fuentes y Guzmán e Domingo Juarros nomean nos seus escritos un pouco de historia deste señorío, mencionando que orixinalmente era dominado polos xefes militares nun tipo de república, que despois desembocou nunha ditadura no goberno de Cuachimichin, quen foi derrocado e sucedido por Tutecotzimit, o cal estabeleceu a monarquía hereditaria e, segundo parece, foi sucedido por Pilguanzimit e este probablemente por Tonaltut (deste último non se coñece a súa relación cos anteriores).[5]

A conquista do señorío comezou en 1524 coa expedición de Pedro de Alvarado, o cal conseguiu chegar á capital mais non puido sometela, tendo que regresar por mor da proximidade do inverno. Un forte militar (que é mencionado como a primeira vila de San Salvador) sería fundado por Gonzalo de Alvarado nun lugar descoñecido deste señorío en 1525, debido ao temor dun intento de conquista por parte de Pedrarias Dávila, mais este forte sería abandonado en 1526. A conquista definitiva sucedeu en 1528 e, logo do seu remate no mesmo ano, fundouse a vila de San Salvador no sitio de Ciudad Vieja. Trala súa fundación, producíronse algúns levantamentos, sendo o principal o do penedo de Cinacantan que sucedeu entre finais de 1528 e comezos de 1529. Despois do sometemento deste penedo, o territorio estaba practicamente conquistado.[6]

  1. A palabra Cuzcatlán provén da lingua mexica, na lingua pipil sería Kuskatan, e en ambos casos quere dicir: a cidade ou país das riquezas. Escríbese Cuzcatlán, xa que os españois tiñan tradutores que falaban a lingua azteca e este foi preponderante durante os inicios do Vicerreinado de Nova España (Larde y Larín, Jorge (1957). El Salvador: historia de sus pueblos, villas y ciudades)

Referencias

[editar | editar a fonte]
  1. Cuscatla Señorío de Cuzcatlán, Consultado o 22 de xullo de 2010
  2. Larde y Larín, Jorge (1957). El Salvador: Historia de sus pueblos, villas y ciudades. Concultura. 
  3. 3,0 3,1 3,2 Amaroli, Paul (1986). "En la búsqueda de Cuscatlán". 
  4. Bello-Suazo Cóbar, Gregorio (2005). "Los pipiles". Arquivado dende o orixinal o 22 de agosto de 2007. Consultado o 22 de xullo de 2010. 
  5. Google Books Crónica de Domingo Juarros, consultado o 22 de xullo de 2010
  6. Larde y Larín, Jorge (1994). "Fuerzas Armadas Mediavales". Historia Militar de El Salvador, Tomo I. O Salvador: Departamento de Historia Militar. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Fomento Cultural del Banco Agrícola. El Salvador: Antiguas Civilizaciones. 
  • Larde y Larín, Jorge (1957). Ministerio de Cultura, ed. El Salvador: historia de sus pueblos, villas y ciudades. Departamento. 
  • Larde y Larín, Jorge (1994). Historia Militar de El Salvador, Tomo I. Departamento de Historia Militar. 
  • Schultze Jena, Leonhard (1930). Mitos en la lengua materna de los pipiles de Izalco en El Salvador. 
  • Escalante Arce, Pedro Antonio (1992). Códice de Sonsonate.