Scrabble

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Partida de Scrabble en francés

Scrabble é un xogo de mesa en que cada xogador tenta gañar máis puntos mediante a construción de palabras sobre un taboleiro de 15×15 cadrados. As palabras poden formarse, a condición de que aparezan no dicionario estándar, de forma horizontal ou verticalmente e pódense cruzar.

Hasbro posúe os dereitos de explotación nos Estados Unidos e no Canadá e Mattel no resto do mundo. Anteriormente era propiedade de Murfett Regency en Australia, ata que foi comprado por J. W. Spear & Sons (agora filial de Mattel). Tamén é coñecido como Literati, Alfapet, Funworder, Skip-A-Cros, Scramble, Spelofun, Palabras Cruzadas, Intelect e Word for Word. O xogo véndese en 121 países, en 29 linguas distintas.

Características[editar | editar a fonte]

Diagrama do taboleiro de Scrabble.           Tripla palabra           Dobre palabra           Tripla letra           Dobre letra

No xogo poden participar dous, tres ou catro xogadores, sobre un taboleiro de 15×15 cadrados, en que cada xogador coloca as súas fichas. Cada xogador recibe un número específico de fichas (ou letras) extraídas aleatoriamente. As letras atópanse numeradas co seu respectivo valor, obténdose por cada palabra formada unha puntuación que depende tanto do valor das letras empregadas como da posición de devanditas letras dentro do taboleiro.

En total hai 100 fichas, 98 marcadas con letras e dúas en branco (sen puntos, actúan como comodíns e empréganse para substituír letras). Segundo a súa frecuencia de aparición, as letras teñen máis ou menos puntos, e son máis valiosas as de menor frecuencia. O taboleiro ten tamén cadros de premios, que multiplican o número de puntos concedidos: os cadros de cor vermella escura son de "tripla palabra", os rosas "dobre palabra", azul escuro "tripla letra" e celeste "dobre letra". O cadro central márcase cunha estrela e conta como dobre palabra; é obrigatorio que o xogo comece empregando este cadro.

Historia[editar | editar a fonte]

Os inicios[editar | editar a fonte]

En 1938 Alfred Mosher Butts, arquitecto desempregado residente en Poughkeepsie, creou o xogo como unha variante dun xogo anterior seu chamado Lexiko.

No medio da Gran Depresión, Butts decidiu crear un xogo de mesa. Descubriu que había tres tipos de xogos: xogos de movemento, xogos de números e xogos de palabras. Un xogo de movemento é o xadrez, un xogo de números o bingo, e os xogos de palabras son os anagramas e os encrucillados. Butts concentrouse na última categoría que involucra tanto as habilidades como o azar. Máis tarde, o xogo cambiou de nome a Criss-Cross.[1]

Lexiko[editar | editar a fonte]

Táboa en que Alfred Butts investigou a frecuencia das letras.[2] This was used to determine the number and scores of tiles in the game.

Lexiko xogábase sen taboleiro de xogo, e os xogadores anotaban os puntos sobre a base da lonxitude das palabras que ían formando. Obtíñanse puntos adicionais por empregar letras pouco comúns (B, F, H, M, P, V, W, Y) e un maior número de puntos adicionais por empregar as letras menos frecuentes (J, K, Q, X, Z).

A forma en que Butts calculou a frecuencia de aparición das letras en inglés e o correspondente valor de cada unha delas foi mediante unha rigorosa análise empregando dicionarios, o Saturday Evening Post, o New York Herald Tribune e The New York Times.[3] Chegou á conclusión de que o xogo resultaba moi fácil se se incluían moitos "S", así que reduciu o número a 4.

En 1933 Butts solicitou unha patente para o seu xogo Lexiko, que lle foi denegada. Do mesmo xeito, cando o presentou a dous fabricantes de xogos, Parker Brothers e Milton Bradley, só recibiu unha cortés negativa. Butts non se resignou, e nos seguintes cinco anos fabricou el mesmo case 200 xogos que regalou ou vendeu aos seus amigos, mais Lexiko non foi un éxito comercial.

Contra o ano 1938 Butts introduciu un elemento innovador no seu xogo. A gran popularidade dos encrucillados proporcionoulle a idea de combinar as letras sobre un taboleiro de xogo, formando palabras do mesmo xeito que nos encrucillados.

Lexiko cambiou de nome varias veces, chamándose sucesivamente New Anagrams, Alph, Criss-Cross e Criss-Crosswords. Butts debuxou el mesmo cos seus instrumentos de arquitectura os primeiros taboleiros de xogo para Criss-Crosswords, imprimíndoos e pegándoos en taboleiros de xadrez. Así mesmo, debuxou as letras das fichas a man, pegándoas en anacos de madeira de 0,5 cm, cortados á medida dos cadros do taboleiro.

Ao longo dos anos seguintes, a mecánica do xogo cambiou paulatinamente. Por exemplo, nun momento dado, a primeira palabra do xogo debía colocarse na esquina superior esquerda do taboleiro. Con todo, moitas das características do xogo orixinal de Butts conserváronse, como o taboleiro de 15x15 cadros ou o atril de 7 fichas, así como o número de fichas de cada letra e os valores das mesmas, que se mantiveron igual dende 1938.

Porén, Criss-Crosswords obtivo o mesmo rexeitamento que Lexiko. De novo foille denegada a patente para o xogo e varios fabricantes rexeitaron a súa proposta. Durante un tempo, Butts considerou a idea de fabricar e comercializar o xogo cos seus propios medios, mais axiña se deu de conta de que non tiña espírito de empresario e volveu ao seu traballo como arquitecto. Coa entrada dos Estados Unidos na segunda guerra mundial, Butts abandonou o desenvolvemento do xogo ata 1948.

Primeiros pasos[editar | editar a fonte]

Nese momento produciuse un fito na historia do xogo, protagonizado por James Brunot,[4] amigo de Butts e un dos primeiros en recibir un dos xogos Criss-Crosswords que Butts fabricara coas súas propias mans. James Brunot e a súa esposa crían firmemente no xogo e decidiron arriscarse a comercializalo. James Brunot non só confiaba no xogo, senón que dispuña do tempo e do espírito empresarial necesarios para embarcarse nesa aventura comercial. Butts e Brunot chegaron a un acordo: a cambio de dar a autorización a Brunot para fabricar o xogo, Butts recibiría unha porcentaxe das ganancias de cada xogo vendido.

Nacemento do Scrabble[editar | editar a fonte]

Os Brunot decidiron que o xogo necesitaba pequenas modificacións, polo que reorganizaron a distribución dos cadros con premio[5] e simplificaron as regras, que resultaban demasiado longas e complexas. Ao mesmo tempo, comezaron a pensar nun novo nome e solicitaron unha patente, que se lles concedeu o 1 de decembro de 1948. Poucos días despois, tras longas consideracións, decidiron chamar Scrabble ao xogo e conseguiron rexistralo o 16 de decembro de 1948.

Os Brunot comezaron a vender o xogo no salón da súa casa de Newtown, Connecticut. Brunot compraba as pezas para fabricar o xogo e montábaas con axuda da súa esposa. Ao principio, só fabricaban 18 unidades diarias, debido ao traballoso proceso de estampar as letras nas fichas de madeira unha por unha.

Durante 1949, o primeiro ano de produción do xogo por parte dos Brunot, montaron e venderon 2251 xogos, tendo un déficit de 450 dólares.[6] Nos anos seguintes, continuaron a loitar e traballaron duro para comercializar o xogo. En 1952 seguiu a tendencia deficitaria, polo que empezaron a pensar en abandonar o proxecto e Brunot tomou unhas vacacións para considerar o futuro da súa empresa.

Ao volver, atopouse cunha sorpresa: unha avalancha de pedidos, debido a que os que o adquiriran estaban a recomendalo aos seus amigos e coñecidos. Trasladáronse entón a un local máis grande, un colexio abandonado próximo á súa casa de Connecticut. No último trimestre de 1952 vendéronse 37000 unidades de Scrabble. Foi tamén no ano 1952 cando Jack Strauss, o presidente de Macy's de Nova York (os grandes almacéns máis importantes do mundo), aprendeu a xogar a Scrabble durante as súas vacacións.

O xogo entusiasmouno de tal xeito que ao volver a Nova York pediu ao seu Departamento de Xogos que lle mandasen unhas cantas unidades. Non existen testemuños de como sucedeu todo, mais o feito é que o departamento tivo que confesar que non vendían o xogo. Macy's non só comezou a vendelo, senón que apoiou unha campaña de promoción do xogo que cativou a miles de persoas.

Dende 1953[editar | editar a fonte]

Difusión do xogo en Buenos Aires a cargo da Asociación Arxentina de Scrabble, durante "A Noite das Librarías".

En 1953, aínda que a cifra de produción aumentara a 6000 unidades por semana, Brunot deuse de conta de que non podía satisfacer a extraordinaria demanda de Scrabble, así que cedeu a licenza de fabricación a Selchow and Righter, nesa época o fabricante de xogos líder nos Estados Unidos, que o rexeitara uns anos antes. Durante tres anos, tívose que racionar o servizo de Scrabble ás tendas, xa que a demanda non deixaba de aumentar e o fabricante non podía satisfacela.

Mentres, a febre de Scrabble estendeuse a Australia en 1953. Ese mesmo ano, J. W. Spear & Sons lanzou o xogo no Reino Unido, onde se converteu nun éxito de vendas inmediato. Brunot acabou vendendo os dereitos de Scrabble en 1968 a Spear's para todo o mundo agás para os Estados Unidos, o Canadá e Australia (uns anos máis tarde conseguiron tamén os dereitos para este último país).

En 1986 Selchow and Righter venderon os dereitos a Coleco, que crebou en 1987. E así sucedeu que, 53 anos despois de rexeitar o xogo, Milton Bradley adquiriu os dereitos de Scrabble para os Estados Unidos e o Canadá. En 1991 tivo lugar o primeiro campionato mundial de Scrabble en Londres, e o segundo organizouse en Nova York en 1993.

James Brunot falecera en outubro de 1984, polo que non chegou a ver o primeiro campionato mundial do xogo, mais Alfred Butts si asistiu á competición de Nova York e quedou marabillado ao ver o lonxe que chegara o seu invento.

Butts continuou a xogar ao Scrabble coa súa familia e os seus amigos ata o final dos seus días. Viviu ata os 93 anos, falecendo en abril de 1993.

Distribución das letras no Scrabble en lingua galega[editar | editar a fonte]

Distribución das letras
×1 ×2 ×3 ×4 ×5 ×6 ×7 ×8 ×9 ×10 ×12
1 T C I L N S R O E A
2 D U
3 B P M
4 V G
5 F H X
6 Z
7 Ñ Q
8 K
9 W Y
10 J

O conxunto do Scrabble en galego emprega 100 fichas:[7]

  • 1 punto: A ×12, E ×10, O ×9, R ×8, S ×7, I ×6, L ×6, N ×6, C ×5, T ×4
  • 2 puntos: D ×3, U ×3
  • 3 puntos: M ×4, B ×2, P ×2
  • 4 puntos: G ×2, V ×1
  • 5 puntos: F ×1, H ×1, X ×1
  • 6 puntos: Z ×1
  • 7 puntos: Ñ ×1, Q ×1
  • 8 puntos: K ×1
  • 9 puntos: W ×1, Y ×1
  • 10 puntos: J ×1

Non se empregan o acento nin a diérese. Denomínase Letrad@s.GZ (orixinalmente Scrabble.GZ), e non é unha edición oficial de Mattel. A pesar de que as letras J, K, W e Y non existen no galego, inclúense para empregalas en voces de orixe estranxeira. Non existen comodíns.

Scrabble Help Tool[editar | editar a fonte]

A popularidade do Scrabble en liña levou ao desenvolvemento de diversas ferramentas de axuda, como Scrabble Word Finder e Scrabble Cheat Boards.[8]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Historia do Scrabble] (30 de maio de 2013)
  2. Tierney, John (24 de maio de 1998). "Humankind Battles for Scrabble Supremacy". The New York Times Magazine. 
  3. Tierney, John (24 de maio de 1998). "Humankind Battles for Scrabble Supremacy". The New York Times Magazine. 
  4. "James Brunot entry on Board Game Geek". boardgamegeek.com. 
  5. Fatsis, Stefan (2002). Word Freak: Heartbreak, Triumph, Genius, and Obsession in the World of Competitive Scrabble Players. ISBN 0-14-200226-7. 
  6. Edley, Joe; Williams, John D. Jr. (With) (2001). Everything Scrabble. Simon and Schuster. ISBN 0-671-04218-1. 
  7. Bernardo, Guillermo de; Cerdeira-Pena, Ana; Pedreira, Oscar; Places, Ángeles S.; Seco, Diego (2009). "SCRABBLE.GZ: A Web-Based Collaborative Game to Promote the Galician Language". 2009 Second International Conferences on Advances in Computer-Human Interactions. pp. 142–147. ISBN 978-1-4244-3351-3. doi:10.1109/ACHI.2009.12. 
  8. Ferramenta de axuda (4 de xuño de 2013)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]