Sandalio González Blanco

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Sandalio González Blanco
Nacemento3 de setembro de 1840
Lugar de nacementoValderas
Falecemento18 de abril de 1918
Lugar de falecementoSantiago de Compostela
NacionalidadeEspaña
Alma máterUniversidade de Santiago de Compostela e Seminario de Valderas
Ocupaciónprofesor universitario e político
editar datos en Wikidata ]

Sandalio González Blanco, nado en Valderas (provincia de León) o 3 de setembro de 1840[1] e finado en Santiago de Compostela o 18 de abril de 1918[2], foi un profesor universitario e político galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Estudou no Seminario de Valderas. Licenciouse en Farmacia pola Universidade de Santiago en 1870, obtendo o doutoramento un ano despois, e unha nova licenciatura en Dereito pola mesma universidade en 1874. Entre 1870 e 1872 exerceu de profesor auxiliar en Prácticas de Operacións na Facultade de Farmacia, pasando a continuación a impartir coa mesma categoría a materia de Exercicios Prácticos. O 21 de xuño de 1878 obtivo a cátedra de Botánica Farmacéutica na mesma facultade, que impartiu ata a súa morte. Ingresou no corpo de catedráticos por concurso o 19 de xullo de 1887[1].

Nas eleccións municipais do 4 ao 6 de maio de 1885 foi elixido concelleiro do concello de Santiago, nunha candidatura independente, ocupando o cargo de procurador síndico 2º desde o 1 de xullo dese ano ata o 31 de marzo de 1887, baixo a alcaldía de José Vázquez Quirós e, seguidamente, o posto de tenente de alcalde 4º baixo o mandato de Ramón Sanjurjo Pardiñas entre o 1 de xullo de 1887 e o 31 de outubro de 1889, cesando como concelleiro nesta última data.

En 1894 foi elixido como noveno decano da Facultade de Farmacia da USC, mantendo o cargo ata o seu falecemento.

Faleceu por unha afección cardíaca[3] o 18 de abril de 1918, sendo enterrado no Cemiterio da Confraría do Rosario, en Santiago.

Vida persoal[editar | editar a fonte]

Casou con Felisa Francisca Javiera María de los Ángeles Zamora Carrete (Santiago, 1-8-1847—id., 24-2-1926), sendo así xenro do profesor e paisano Pablo Zamora Marcos (Valderas, 1814—Santiago, 1889) e cuñado do tamén profesor Luis Zamora Carrete (Santiago, 1848-id., 1918). Coa súa dona tivo dúas fillas: Rita (1873—Santiago, 7-7-1911), que casou co empresario Lorenzo López-de Rego Labarta, e Felisa González Zamora († Santiago, 9-4-1857).

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Escalafón de antigüedad de los catedráticos numerarios de las Universidades del Reino en 1º de enero de 1908 (en castelán). Madrid: Ministerio de Instrucción Pública y Bellas Artes, Subsecretaría Sección Estadística / Establecimiento Tipográfico "Sucesores de Ribadeneyra" (impresor). 1908. p. 28. 
  2. "Sandalio González Blanco (necrolóxica)". El Correo de Galicia (en castelán) (Santiago). 19-4-1918. p. 3. 
  3. "Movimiento demográfico. Día 19". El Correo de Galicia (en castelán) (Santiago). 20-4-1918. p. 4. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]