Saltar ao contido

STS-107

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
STS-107
Lanzamento da misión STS-107
TipoTripulado
OrganizaciónNASA
Destino actualDestruído durante a reentrada atmosférica.[1][2]
Data de lanzamento16 de xaneiro de 2003, 15:39 GMT[2][3][4][5]
Foguete portadorTransbordador espacial[2][6]
Sitio de lanzamentoCentro de Lanzamento de Cabo Cañaveral, rampla 39A[1][2]
Duración da misión15,94 días[1]
Obxectivo da misiónExperimentos durante voo en solitario.[1][2]
Regreso1 de febreiro de 2003[1]
NSSDC ID2003-003A

STS-107 foi unha misión do transbordador espacial Columbia lanzada o 16 de xaneiro de 2003 desde a rampla 39A do Centro de Lanzamento de Cabo Cañaveral. O transbordador resultou destruído ao reentrar na atmosfera, sen que ningún dos ocupantes sobrevivira.[1][2][4][6]

Características

[editar | editar a fonte]

STS-107, con sete astronautas a bordo foi unha misión do transbordador espacial Columbia para facer experimentos en órbita durante un voo en solitario. A tripulación estaba formada polo comandante Rick Husband, o piloto Willie McCool, o comandante de carga Michael P. Anderson e os especialistas de misión Kalpana Chawla e Laurel Clark e o especialista de carga Ilan Ramon), o primeiro israelí no espazo. O transbordador levaba a bordo dous módulos Spacehab para ser usados como laboratorio. O Columbia era o máis antigo e pesado da frota de transbordadores espaciais, e nunca foi modificado para facer misións cara a Estación Espacial Internacional, polo que so era utilizado para voos en solitario e en misións de servizo, como a misión STS-109 de reparación do Telescopio Espacial Hubble. Na misión STS-107 o Columbia levou a cabo experimentos en microgravedade de interese potencialmente comercial. Entre os experimentos estudouse a combustión en microgravedade, a compresión de material granular, a formación de cristais de ceolita, o fluxo capilar de xenon licuado, o crecemento en cultivos celulares e en plantas, a formación de cristais de proteína, os cambios cardiovasculares e musculoesqueléticos en microgravedade e técnicas de reciclaxe de auga, entre outros campos.[1][2][6][7]

A misión orixinalmente ía ser lanzada en 2001 pero sucesivos atrasos e outras misións desprazaron a data de lanzamento ata xaneiro de 2003. Durante o lanzamento observouse un anaco de espuma do illante do tanque principal impactando contra o bordo de ataque do ala esquerdo do transbordador, pero concluíuse que o impacto non era de importancia. A misión transcorreu sen incidencias. O día 1 de febreiro comezaron as manobras de reentrada. En canto o transbordador ingresou na atmosfera terrestre e comezou a quentarse, sensores ao longo da nave empezaron a indicar anomalías na temperatura e na presión. As comunicacións coa tripulación cesaron ás 14:59 GMT, ao tempo que videoafeccionados gravaban a nave desintegrándose sobre Texas e Louisiana. Miles de pezas caeron nun corredor sobre eses dous estados. Ningún dos astronautas sobreviviu. A análises e investigación posteriores demostraron que o impacto da espuma no ala abriu un burato polo que entraron gases a alta temperatura durante a reentrada, destruíndo a estrutura do transbordador e matando as tripulantes. A frota de transbordadores quedou en terra durante a investigación, e desenvolvéronse procedementos para evitar un desastre parecido nas misións restantes.[1][2][6][7]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 1,7 Mark Wade (2011). "STS-107" (en inglés). Consultado o 27 de decembro de 2017. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 2,7 NASA (21 de marzo de 2017). "STS 107" (en inglés). Consultado o 27 de decembro de 2017. 
  3. N2YO (2011). Real Time Satellite Tracking, ed. "STS 107" (en inglés). Consultado o 27 de decembro de 2017. 
  4. 4,0 4,1 "Note verbale dated 30 June 2003 from the Permanent Mission of the United States of America to the United Nations (Vienna) addressed to the Secretary-General" (PDF) (03-85488(E)). 2 de xullo de 2003: 5. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 28 de decembro de 2017. Consultado o 27 de decembro de 2017. 
  5. Claude Lafleur (2010). "STS-107" (en inglés). Consultado o 27 de decembro de 2017. 
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 Gunter Dirk Krebs (2016). Gunter's Space Page, ed. "Shuttle" (en inglés). Consultado o 27 de decembro de 2017. 
  7. 7,0 7,1 NASA (23 de novembro de 2007). "STS-107" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 06 de febreiro de 2018. Consultado o 28 de outubro de 2021. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]