Rural de Galicia. G.R. 94

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O sendeiro Rural de Galicia GR 94, situado no suroeste galaico, é unha vía que comunica o mar e a montaña en dirección Sur-Norte. Atravesa os concellos de Vigo, Redondela, Soutomaior, Ponte Caldelas, Cerdedo-Cotobade, Campo Lameiro, Cuntis, A Estrada, Teo e Santiago de Compostela.

Itinerario[editar | editar a fonte]

Ponte medieval sobre o río Verdugo en Comboa (Soutomaior).

A ruta en Vigo achégase a dous promontorios coñecidos polas súas vistas panorámicas: A Madroa sobre a ría de Vigo e o castro de Negros sobre o val do río Maceiras, Redondela e a enseada de San Simón. No concello de Redondela coincide co Sendeiro das Greas, uníndose un pouco antes da Mámoa do Rei, e teñen o mesmo itinerario ata Soutomaior, onde se volven separar. O primeiro fito no camiño constitúeo a fortaleza medieval do Castelo de Soutomaior.

Deixando atrás a igrexa da parroquia de Soutomaior, no lugar do Rial, e a ponte de Comboa sobre o río Verdugo tras un pequeno desvío o camiño chega á localización da ponte medieval sobre o río Almofrei. Aquí, o río baixa formando profundas pozas nunha zona de rochas e grandes desniveis.

A arquitectura rural fai acto de presenza nos hórreos de Rascaderia, na antiga feira de Cuspedriños e no complexo igrexa-reitoral de Cequeril. Cómpre destacar a carballeira de San Xusto e os petróglifos en Paredes.

Esta ruta tamén se coñece como o sendeiro das Pontes polos numerosos ríos que atravesa. Destaca a ponte romana do río Lérez, dun só ollo, e a ponte colgante do couto de salmóns e área recreativa do Xirimbao, á beiras do río Ulla.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]