Runcóns

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Os runcóns[1], tamén chamados rucóns, runcones ou roccones, foron un grupo tribal, probablemente emparentado cos ástures ou os vascóns, que viviron de forma semiautónoma no norte da península dende os séculos V ata o VII. A súa área de poboación estendíase aproximadamente desde a actual Asturias ata A Rioxa.

Fontes primarias[editar | editar a fonte]

A crónica de Xoán Biclarense di, baixo o sexto ano do emperador Xustino II e o cuarto de Leovixildo, é dicir, no 572, Miro Suevorum rex bellum contra Runcones movet ("Miro, rei dos suevos, moveuse [para facer] a guerra contra os runcóns"). A Historia Suevorum de Isidoro de Sevilla sinala que "o rei suevo Miro, fillo de Teodomiro, no ano 572, atacou e fixo vasalos aos arragóns e aos runcóns". Na Historia Gothorum do mesmo autor, escribe, baixo o título Sisebutus rg. un. VIII° (o oitavo ano de Sisebuto) que Astures et Ruccones in montibus reuellantes humiliabit et suis per omnia benibolus fuit ("os ástures e runcóns, rodeados nas montañas, el [Sisebuto] humillounos e obrigounos a someterse"). A Crónica Albeldense do século X copia o rexistro de Isidoro:

Iste potestate Iudeos ad fidem Xpi perduxit. Eclesiam sancte Leocadie Toleto opere miro fundabit. Astures et Ruccones in montibus reuellantes humiliabit et suis per omnia benibolus fuit. Hunc uni proprio morbo, alii inmoderato potionis austo asserunt interfectum sub imperatore Eraclio. Tune nefandus Mahomat en África nequitiam legis stultis populis predicabit.

Historia[editar | editar a fonte]

No 572 Miro, o rei dos suevos de Galicia, fixo campaña contra os runcóns, tanto para evitar que caesen baixo o dominio dos visigodos como para reafirmar a súa propia soberanía sobre eles. En 616 rexístrase que o rei visigodo Sisebuto reduciu algúns rebeldes asturianos e despois rodeou aos runcóns nas montañas e derrotounos. Baixo Sisebuto, o xeneral Suintila acadou o rango de dux e está rexistrado como unha vitoria sobre os runcóns. As campañas contra os runcóns poden estar relacionadas coa fundación dunha ceca en Pésicos, que acuñou trientes para Gundemaro e Sisebuto.[2] Sábese que os visigodos estableceron cecas en territorios recentemente conquistados como unha forma de espallar a súa autoridade.[3]

Identificación[editar | editar a fonte]

Os estudosos elaboraron moitas identificacións para os misteriosos runcóns con pobos máis coñecidos. Ignacio Fernández de Mata identificounos cos cántabros.[4] Noutra hipótese poden ser os araucóns, que vivían nun estado semiautónomo na fronteira dos reinos visigodo e suevo. Segundo o Parroquial suevo estaban adscritos á diocese de Astorga polo rei Miro. Segundo as probas toponímicas, poderían ter habitado a comarca de Villuercas, á beira dos ríos Ruecas e Árrago, na actual Estremadura entre Trujillo e Logrosán, que era territorio suevo no século V. A Real Academia Española da Historia defende unha identificación cos vascóns, considerándoos, como os cántabros, unha subcategoría rexional. Finalmente, pódense identificar cos lugones, un dos principais pobos de Asturias.[5][6]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Díaz Martínez, Pablo C. (1997). "Gallaecia: de reino suevo a provincia visigoda". Galicia fai dous mil anos. O feito diferencial galego. I Historia (1): 269. Esa fronteira probablemente non estaba absolutamente debuxada e existirían unhas zonas de ninguén, espazos indefinidos onde podían desenvolverse con certa liberdade estruturas de poder de tipo local, xa foran indíxenas ou responderan a esquemas de clientelas asociadas a un gran propietario o nobre local, poderes ós que os mesmos suevos parecen enfrontarse, caso dos runcóns, ou cos que pugnan os visigodos na súa anexión do noroeste antes de enfrontarse directamente ó monarca suevo, caso dos sappos ou do citado Aspidius. 
  2. Santos Yanguas, Narciso; Vera García, Carlos (1999). "Pésicos y las acuñaciones visigodas en Asturias". Nvmisma 242: 57–79. 
  3. García Moreno, L. A. (1989). "Historia de España visigoda" 331. 
  4. Fernández de Mata, Ignacio (1997). "Pueblos y crónicas: Interpretaciones sobre el enigma de los rucones bajo una perspectiva etnohistórica". Revista de la Asociación de Jóvenes Historiadores de España 4: 106–140, especialmente a 133. 
  5. Maya, José Luis. Los castros en Asturias. p. 133. 
  6. Fernández Pérez, Adolfo; Friera Suárez, Florencio (2005). Historia de Asturias. p. 173.