Araucóns

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Os araucóns eran un pobo que vivía entre Galicia e León, nas montañas de Ourense, e estaban dominados polo rei visigodo Leovixildo no ano 575.

Estas rexións estiveron antes baixo dominio do Reino Suevo, pero dacabalo entre os territorios actualmente leoneses e as terras do Reino dos suevos xurdiran señoríos locais de vinculación incerta probablemente iniciados tralo ano 457, e consolidados posteriormente ata conseguir unha independencia efectiva dos suevos.

O pobo dos araucóns ou aregenses (que deron nome ás montañas da zona, coñecidas como montañas Aregenses) era un destes principados independentes. Nesta zona Leovixildo fixo prisioneiro ao señor local (loci senior) denominado Aspidius, xunto coa súa muller e fillos, e apoderouse dos seus dominios. Aspidius gobernaba probablemente sobre os araucóns.