Romaría das Cruces

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Romería das Cruces. Acto principal co saúdo dos pendóns.

A Romaría das Cruces celebrase na Ponte na parroquia de Arante en Ribadeo o luns de pentecoste (luns da semana anterior a Corpus Christi, sete semanas despois de Semana Santa). En 2005 tivo lugar o 16 de maio; no 2008, o 13 de maio; no 2017, o 5 de xuño[1].

Historia e características[editar | editar a fonte]

Conmemora unha escaramuza contra os franceses en tempos da invasión napoleónica. O 29 de xaneiro de 1809 os veciños das parroquias da zona loitaron contra os franceses baixo a protección de Nosa Señora das Virtudes. Nun primeiro momento a batalla librábana os veciños de Covelas, Cedofeita, Arante, Sante, Vidal e A Valboa, pero ante a proximidade da derrota un emisario buscou axuda entre os veciños de Ove. A súa chegada foi providencial e os veciños derrotaron os invasores. Dende ese momento o luns de Pentecoste celebrase a romaría neste pequeno pobo. Nela dánse cita sete pendóns doutros tantos lugares da zona (parroquias de Ribadeo -Covelas, Cedofeita, Arante e Ove- e Trabada -Sante, Vidal e A Valboa-), que renden obediencia ante o pendón principal, o mesmo que as cruces que os acompañan. O acto principal vese completado co bandeo do pendón da Ponte, seguido duna procesión arredor da igrexa da Virxe das Virtudes.

No ano 2017 o concello inicia as xestións para a súa declaración como Festa de Interese Turístico de Galicia[1].

Referencias[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Concello de Ribadeo (30 de maio de 2017). "Romaxe das Cruces".