Romance de don Gaiferos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Romance de Don Gaiferos»)

O Romance de don Gaiferos ou de don Gaiferos de Mormaltán é unha poesía cantable que relata a peregrinación dun don Gaiferos a Santiago de Compostela. Suponse que foi composta no século XIII.

Descuberta da obra[editar | editar a fonte]

Faustino Santalices tocando a zanfona.

O texto aparece posto por escrito por primeira vez no ensaio Galicia (1888) de Manuel Murguía, quen afirma que é unha obra de orixe popular.

Con variacións no texto, a versión musicada que se coñece na actualidade débeselle ao gaiteiro, investigador e zanfonista Faustino Santalices, que a interpretou en 1954 nun recital-homenaxe a Ramón Menéndez Pidal. Posteriormente fixo unha gravación sonora desta obra, con acompañamento de zanfona.

Teorías sobre a autoría da obra[editar | editar a fonte]

Murguía, na obra citada afirma:

Esperaban al peregrino a la salida de la iglesia apostólica, los cánticos que en sus seis puertas entonaban ciegos y juglares, en torno de los cuales se reunía la multitud. (...) En ellos se declaraban los milagros del Apóstol, los sucesos trágicos del tiempo, los hios en que una fe sencilla se recreaba (...). Uno se conserva, que ha llegado hasta nosotros; lo damos como prueba de la importancia que debieron tener, lo damos también como muestra de la poesía tradicional y del pueblo[1].

Deste xeito, para Murguía o romance ten unha orixe popular, que nace da tradición poética popular que se move arredor do camiño e de Compostela. Outros investigadores posteriores farán notar tamén que, sobre todo pensando no remate do libro e no papel destacado que se lle atribúe ao bispo, habería tamén que falar dunha clara influencia eclesiástica, nun intento de unir a figura heroica de Gaiferos coa do Apóstolo.

Porén, tamén hai investigadores que dubidan da autoría popular e da datación medieval da obra. O feito de que Murguía non achega moita información sobre a orixe do romance e as circunstancias nas que foi descuberto, así como que non hai ningún outro investigador que atopase o mesmo romance ou distintas variantes do mesmo, dan pé a dúbidas sobre a auténtica orixe do romance. Así, por exemplo Forneiro Pérez fai unha defensa clara da orixe "de autor" da obra e da impostura da atribución popular:

...Murguía sí utilizó otro tipo de textos inventados o manipulados (...) para sostener la singularidad de la balada gallega. Estos textos eran:

a) Los creados por él mismo como (...) el conocido Don Gaiferos de Mormaltán "venerable" muestra de la literatura del Camino de Santiago. (...)

El romance no sólo es falso, sino que además se inspira en la muy dudosa muerte de Guillermo X de Aquitania ante la tumba del apóstol Santiago. La denuncia de su inautenticidad por parte de los investigadores del Seminario Menéndez Pidal en el Catálogo General del Romancero (1984) no parece haber sido recogida y comentada públicamente, que nosostros tengamos conocimiento, entre los persoeiros de la cultura gallega[2].

Teoría sobre a identidade do protagonista[editar | editar a fonte]

Morte de Guillerme X.

Os investigadores coinciden en que o personaxe histórico que se atopa tras o literario é o duque de Aquitania Guillerme X[3][4], amigo do arcebispo Diego Xelmírez, e que morreu no ano 1137[5] en peregrinación á tumba do Apóstolo. A pesar de que, durante bastante tempo se pensou que a figura literaria podía ser froito da confusión entre Guillerme III (Gaiferos) e X (quen peregrinou varias veces a Compostela).

Gaiferos sería o equivalente do Walfarius ou Waltharius orixinal. O xentilicio de Mormaltán podería ser unha deformación de Mont-de-Marsan, cidade da Gascuña, en Aquitania e pola que pasaba a vía Lemovicensis, un dos catro camiños franceses de peregrinación a Santiago.

Como recollen Murguía e outros, hai coincidencia en que o duque Guillerme morreu camiño de Compostela. Se ben hai que dicir que as versións máis antigas e seguramente máis fieis ao orixinal, din que morreu xa antes de chegar a Galicia. Só as fontes máis serodias afirman que chegou a Compostela e que, sentíndose moi enfermo mandou que o levasen á catedral, onde morreu. Este segundo final podería ser fillo, igual que o romance, da lenda que foi medrando arredor da figura histórica do derradeiro duque de Aquitania.

Texto[editar | editar a fonte]

(Versión publicada por Manuel Murguía)

A ond'irá aquel romeiro,
meu romeiro a dond'irá?
camiño de Compostela,
non sei s'alí chegará.
Os pés leva cheos de sangue,
e non pode máis andar;
mal pocado, ¡probe vello!
non sei s'alí chegará.
Ten longas e brancas barbas,
ollos de doçe mirar.
Ollos gazos, leonados,
verdes com'auga d'o mar.
- A dond'ides, meu romeiro,
a dond'ides meu velliño?
- Camiño de Compostela,
¿a dond'ides vos soldadiño?
- Compostela miña terra,
sete anos fai que marchei,
non coidei volver á ela.
Dígame, diga o seu nome
................................

Collase a min meu velliño
repare que non ten forzas

para seguir o camiño.

- Eu chámome D. Gaiferos,
Gaiferos de Mormaltan,
S'agora non teño forzas
meu esprito mas dará.-
Chegaron á Compostela
e foron á Catedral.
Desta maneira falou
Gaiferos de Mormaltan:
- Gracias meu señor Santiago
a vosos pés me tés xé.
Se queres tirarm'á vida
pódesma Señor tirar,
por que morrerey contento
nesta Santa catedral.-
Y ó vello das barbas longas
caiu tendido no chan.
Pechou os seus ollos verdes,
verdes com'a auga d'o mar.
O obispo qu'esto veu
alí ó mandou enterrar
así morreu meus señores
Gaiferos de Mormaltan
Est'é un d'os moitos milagros
que Santiago Apostol fay.

Poucos anos despois, en La Ilustración Gallega y Asturiana publícase outra versión do romance. Cambia o primeiro verso e como protagonista aparece o Conde de Montalbán, unha nova variación de Mormaltán[6]

(Versión musicada por Faustino Santalices)

Onde vai aquil romeiro,
meu romeiro a onde irá?
camiño de Compostela,
non sei se alí chegará.

Os pés leva cheos de sangue,
xa non pode máis andar.
Malpocado, pobre vello,
non sei se alí chegará.

Ten longas e brancas barbas,
ollos de doce mirar.
Ollos gazos, leonados,
verdes coma a auga do mar.

E a onde ides, meu romeiro?
Onde queredes chegar?
Camiño de Compostela,
onde teño o meu fogar.

Compostela é miña terra,
deixeina sete anos hai.
Reluciente en sete soles,
brillante como un altar.

Cóllase a min, meu velliño,
vamos xuntos camiñar.
Eu son trobeiro das trobas

da Virxen de Bonaval.

I eu chámome Don Gaiferos,
Gaiferos de Mormaltán.
Se agora non teño forzas
meu Santiago mas dará.

Chegaron a Compostela
e foron á Catedral.
Ai, desta maneira falou
Gaiferos de Mormaltán.

Gracias, meu señor Santiago,
aos vosos pés me tes xa.
Si queres tirarme a vida
pódesma señor tirar,
porque morrerei contento
nesta santa catedral.

E o vello das brancas barbas
caíu tendido no chan,
pechou os seus ollos verdes,
verdes coma a auga do mar.

O obispo que esto viu
alí o mandou enterrar.
E así morreu, meus señores,
Gaiferos de Mormaltán.

Iste é un dos moitos milagres
que Santiago Apóstol fai.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Murguía, Manuel: Galicia. Sus monumentos y artes, su naturaleza e historia. 1888, pax. 424.
  2. Forneiro Pérez, J. L.: "El Romancero Gallego: una tradición oral mal conocida", en Actes del Col·loqui sobre cançó tradicional. Reus, setembro 1990, pax. 173.
  3. Deaños Santiago, Carlos: «Un estudio revela la auténtica personalidad de Don Gaiferos» Arquivado 04 de marzo de 2017 en Wayback Machine. El Correo Gallego, 13/9/2010 (en castelán).
  4. Xesús López Fernández (25 de outubro de 2010). "Don Gaiferos de Mormaltán". Diario de Pontevedra. 
  5. Molina, César Antonio: Viaje a la Costa da Morte, páxina 27.
  6. "El Folk-Lore gallego", La Ilustración Gallega y Asturiana, nº 30, outubro de 1881, pax. 352

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]