Rolls-Royce Trent 7000

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Rolls-Royce Trent 7000
Tipoturboventilador
FabricanteRolls-Royce
Primeiro encendido27 de novembro de 2015
Principais aplicaciósAirbus A330neo
Desenvolvido doRolls-Royce Trent 1000

O Rolls-Royce Trent 7000 é un motor turboventilador de alta derivación fabricado por Rolls-Royce. Trátase dunha variante da familia Trent que equipa exclusivamente ao Airbus A330neo.[1] O motor anunciouse o 14 de xullo de 2014[1] e o seu primeiro acendido realizouse o 27 de novembro de 2015.[2] O seu primeiro voo foi o 19 de outubro de 2017 a bordo do A330neo. A súa primeira entrega foi o 26 de novembro e aprobouse para ETOPS 330 o 20 de decembro. Comparado co Trent 700 do A330, o 7000 dobra o cociente de derivación ata 10:1 e é a metade de ruidoso. O cociente de presión aumenta ata 50:1, e ten un ventilador de 280 cm e un sistema de purgado de aire. O consumo de combustible tamén mellora nun 11%.

Desenvolvemento[editar | editar a fonte]

O Trent 7000 anunciouse no Farnborough Airshow o día 14 de xullo de 2014 como o motor exclusivo do Airbus A330neo, sucedendo ao Trent 700 usado no Airbus A330.[1] Acendeuse por vez primeira o 27 de novembro de 2015 nun banco de probas en Derby.[2] Aínda que os dous primeiros motores de proba se fabricaron en Derby, o resto dos Trent 7000 móntanse nas instalacións de Rolls-Royce en Singapur.[3]

En 2015 Rolls-Royce tivo problemas no desenvolvemento do Trent 1000 TEN, e tivo que destinar máis recursos para cumprir cos prazos para o voo de estrea do Boeing 787-10 en marzo de 2017, atrasando así o Trent 7000.[4] O primeiro par de motores enviáronse a Airbus en xuño de 2017[5] e realizou o seu primeiro voo a bordo dun A330neo o 19 de outubro dese ano, xusto despois de rematar as probas en terra.

Ao estar baseado no Trent 1000 podía compartir os seus problemas de durabilidade e disuadir así a compradores potenciais, polo que as correccións deberían estar dispoñibles seis meses despois da introdución do avión no verán de 2018.[6] O CEO Rolls-Royce Warren East dixo que o 7000 non se vería afectado polos problemas do Trent 1000.[7]

O motor obtivo a súa certificación de tipo por parte da EASA o 20 de xullo de 2018 como unha variante do Trent 1000,[8] aínda que inicialmente programárase para o primeiro cuarto de 2017. Nese momento as probas ETOPS atopábanse a medio camiño dos 3 000 ciclos planeados, coa intención de ser completadas a principios de agosto. O motor tivo que ser desmontado e examinado para conseguir a súa certificación ETOPS a tempo antes da entrada en servizo a finais de ano.[9]

En agosto de 2018 a cantidade de produción era un desafío para Rolls-Royce e no mes de outubro a compañía agardaba a entrega de 500 grandes motores en 2018 (non principio tiña programadas 550 entregas).[10] Rolls confirmou 10 entregas para finais de outubro, por debaixo das 30 necesarias para as entregas de 15 A330neos cara finais de ano.[11] O A330neo-900 recibiu inicialmente unha autorizacións ETOPS de 180 minutos cunha limitación de 500 ciclos de motor para a primeira entrega a TAP Portugal o 26 de novembro. A ETOPS completa requiría un plan de aprobación da EASA con probas de validación de 3 000 ciclos ademais de tres desvíos simulados, seguidos polo exame dos motores antes de finais de ano.[12] O motor conseguiu o ETOPS 330 o 20 de decembro.[13]

En 2019 Rolls-Royce entregara 106 Trent 7000, en comparación cos 8 de 2018, que conseguiran un 99,9% de fiabilidade.[14]

Trent 7000 no primeiro voo do A330neo

Deseño[editar | editar a fonte]

A súa arquitectura procede da última versión do Trent 1000, o TEN, usando a experiencia do Trent 700 do A330 e tecnoloxía do Trent XWB. O motor de 300-320 kN dobra o cociente de derivación e ten a metade de ruído emitido en comparación co Trent 700.[1] O máximo cociente de presión increméntase de 36:1 ata 50:1 e ten un sistema de purgado de aire para control ambiental e desconxelación das ás.[15]

En comparación co Trent 700, introducido en 1995, o Trent 7000 ten un ventilador máis grande (de 2,8 m comparados cos 2,5 m do 700), e un eixo do ventilador máis pequeno. Este feito dobra o cociente de derivación de 5 a 10,[16] conseguindo o cociente máis grande de todos os motores Trent. O ventilador do Tren 7000 ten 20 álabes.[17]

A relación de presión xeral aumenta grazas á tecnoloxía do compresor central do Trent XWB, mellorando a eficiencia térmica. Isto asociase cun aumento de 200 Kelvin en temperaturas internas; úsanse álabes con recubrimento térmico na turbina de presión en vez de compostos de matriz cerámica máis caros, que serán usados na próxima xeración de motores de Rolls-Royce. O ventilador máis grande e o maior cociente de derivación precisan de dúas etapas máis na turbina de baixa presión, polo que o motor é máis pesado.[16] O Trent 7000 pesa 6 445 kg, mentres que o Trent 700 pesa 6 160 kg.

A pesar do peso adicional e da resistencia extra debido ao seu maior diámetro, Rolls-Royce di que o consumo de combustible é un 11% menor. Ao usar aire purgado en vez da xeración de enerxía eléctrica (como no Trent 1000 do 787), o acoplamento de accesorios está menos sobrecargado e permite que o compresor de alta presión manteña a estabilidade con configuracións de baixa potencia, mellorando o consumo de combustible a velocidades baixas para operacións de curto alcance. O motor conta cun control activo do espazo de saída da turbina, proporcionándolle o nivel óptimo de refrixeración para as distintas fases do voo.[16]

Na engalaxe o ventilador move ata 1,3 t de aire por segundo, a velocidade do chorro da tobeira e de case 450 m/s ) e cada pá da turbina de alta presión xera ao redor de 800 hp, xirando a 12 500 rpm e acadando as súas puntas os 540 m/s.[18] Rolls-Royce di que o motor é 10 dB máis silencioso que o Trent 700.[9]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 "Airbus selects Rolls-Royce Trent 7000 as exclusive engine for the A330neo". www.rolls-royce.com (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 13 de febreiro de 2021. Consultado o 2020-11-26. 
  2. 2,0 2,1 "Rolls-Royce celebrates first run of Trent 7000 demonstrator engine". www.rolls-royce.com (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 13-02-2021. Consultado o 2020-11-26. 
  3. "Rolls-Royce Developing New Engines in Singapore". Aviation Week Network. Consultado o 2020-11-26. 
  4. "Rolls Readies For Dual Debuts At Paris But Misses Out On A330neo". Aviation Week Network. Consultado o 2020-11-26. 
  5. Gubisch, Michael. "Rolls-Royce sends first Trent 7000 pair to Airbus". Flight Global (en inglés). Consultado o 2020-11-26. 
  6. "Rolls-Royce 787 Engine Snag Extends to Airbus A330". Bloomberg.com (en inglés). 2018-03-24. Consultado o 2020-11-27. 
  7. "Rolls-Royce CEO says Trent XWB, Trent 7000 not affected by Trent 1000 issues". Reuters (en inglés). 2018-06-15. Consultado o 2020-11-27. 
  8. "EASA certifies Rolls-Royce Trent 7000". Aerospace Manufacturing and Design (en inglés). Consultado o 2020-11-26. 
  9. 9,0 9,1 "Rolls-Royce Poised For Trent 7000 Engine Certification". Aviation Week Network. Consultado o 2020-11-28. 
  10. Hepher, Paul Sandle, Tim (2018-10-26). "Rolls-Royce hit by delay to engine for new Airbus jet". Reuters (en inglés). Consultado o 2020-11-27. 
  11. Buyck, Cathy. "Rolls-Royce’s Trent 7000 Deliveries To Fall Short of Target". Aviation International News (en inglés). Consultado o 2020-11-27. 
  12. Kaminski-Morrow, David. "Trent 7000 delays held up full A330neo ETOPS clearance". Flight Global (en inglés). Consultado o 2020-11-27. 
  13. Kaminski-Morrow, David. "A330neo engine secures 330min ETOPS clearance". Flight Global (en inglés). Consultado o 2020-11-27. 
  14. Kaminski-Morrow, David. "Rolls-Royce nears break-even delivery for A350-900 powerplant". Flight Global (en inglés). Consultado o 2020-11-28. 
  15. "Rolls Details Trent 7000 Plans For A330neo". Aviation Week Network. Consultado o 2020-11-28. 
  16. 16,0 16,1 16,2 "The All-New Rolls-Royce Trent 7000". AirInsight (en inglés). 2014-07-23. Consultado o 2024-02-13. 
  17. "Trent 7000". www.rolls-royce.com (en inglés). Consultado o 2020-11-28. 
  18. "Rolls-Royce Trent 7000 powers Airbus A330neo first test flight". www.rolls-royce.com (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 13-02-2021. Consultado o 2020-11-28.