Ribulosa 5-fosfato

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Non se debe confundir con Ribosa 5-fosfato.
Ribulosa 5-fosfato

Ribulose 5-phosphate.svg

Nome IUPAC [(2R,3R)-2,3,5-Trihidroxi
-4-oxopentil] dihidróxeno
fosfato
Outros nomes ribulosa-5-fosfato,
5-O-fosfono-D-ribulosa,
D-Ribulosa 5-fosfato
Fórmula empírica C5H11O8P
Masa molecular 230.11 g/mol
Estado físico/Cor
Número CAS 4151-19-3
Propiedades
Densidade
Punto de fusión
Punto de ebulición
Solubilidade en auga

A ribulosa 5-fosfato (tamén escrita ribulosa-5-fosfato[1]) é un monosacárido de 5 carbonos (pentosa) cun grupo cetona no carbono 2 (polo que é unha cetosa) e un fosfato esterificado no carbono 5. É unha molécula de ribulosa fosforilada no carbono 5 [2].

Este composto é o produto final da fase oxidativa da ruta da pentosa fosfato, e é un intermediario do ciclo de Calvin da fase escura da fotosíntese.

Na ruta da pentosa fosfato[editar | editar a fonte]

A misión desta ruta é a de obter NADPH e ribosa 5-fosfato, que se utilizarán na síntese de ácidos graxos e de ácidos nucleicos. Nesta ruta intervén a ribulosa 5-fosfato. Na ruta da pentosa fosfato a ribulosa 5-fosfato orixínase a partir da deshidroxenación e descarboxilación do 6-fosfogliconato, catalizada pola fosfogliconato deshidroxenase [3]. Na reacción prodúcese NADPH e CO2, e con ela remata a fase oxidativa da ruta.

6-fosfogliconato + NADP+ + H+ ribulosa 5-fosfato + NADPH

Posteriormente, na fase non oxidativa da ruta, a ribulosa 5-fosfato isomerízase pola acción da fosfopentosa isomerase a ribosa 5-fosfato, polo que unha cetosa se converteu nunha aldosa.

ribulosa 5-fosfato ribosa 5-fosfato

Tamén se pode producir unha isomerización a xilulosa 5-fosfato catalizada pola fosfopentosa epimerase.

ribulosa 5-fosfato xilulosa 5-fosfato

No ciclo de Calvin[editar | editar a fonte]

No ciclo de Calvin da fase escura da fotosíntese a ribulosa 5-fosfato utilízase na reacción final que pecha o ciclo para rexenerar a ribulosa 1,5-bifosfato (molécula na que se fixa o CO2)[3].

Neste ciclo a ribulosa 5-fosfato pode obterse a partir de dous azucres de 5 carbonos, a ribosa 5-fosfato e a xilulosa 5-fosfato por medio de reaccións de isomerización catalizadas pola fosfopentosa isomerase e a fosfopentosa epimerase, que son similares ás da ruta da pentosa fosfato.

ribosa 5-fosfato ribulosa 5-fosfato
xilulosa 5-fosfato ribulosa 5-fosfato

Despois, a ribulosa 5-fosfato formada utilízase na rexeneración da ribulosa 1,5-bifosfato do ciclo de Calvin. Para iso vai ser fosforilada pola fosforribulosaquinase con gasto de ATP.

ribulosa 5-fosfato + ATP ribulosa 1,5-bifosfato + ADP

Notas[editar | editar a fonte]

  1. PubChem compound Ribulose 5-phosphate
  2. ChemSpider Ribulose 5-phosphate
  3. 3,0 3,1 A. Lehninger. Principios de Bioquímica. (1988). Omega. Páxinas 456-457, 665. ISBN: 84-282-0738-0

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]