Resalgario
Resalgario | |
---|---|
Autor/a | Antonio Reigosa |
Ilustrador/a | Santy Gutiérrez |
Orixe | Galicia |
Lingua | galego |
Colección | Merlín |
Editorial | Edicións Xerais |
Formato | Rústica cosido a fío |
Páxinas | 104 |
ISBN | ISBN 978-84-9782-497-2 |
[ editar datos en Wikidata ] |
Resalgario é unha novela de Antonio Reigosa publicada en 2001 por Edicións Xerais. De temática fantástica, vai dirixida especialmente ao público infantil e xuvenil. Publicáronse ata este momento sete edicións, a última no ano 2006.
Sinopse
[editar | editar a fonte]Resalgario é un demo, fillo do Demo Maior, que vive no inferno xunto aos seus pais, os seus irmáns e os condenados. Un día saíu do inferno atrás de seu pai sen permiso del e por esa razón Resalgario é castigado a peregrinar a Santiago no prazo máximo dun ano. Deberá ademais darlle os tres croques ao Santo dos Croques para ver “se lle vén o sentido”. Para chegar ao seu destino vive diversas aventuras nas que, case sempre mediante enganos, sae beneficiado.
A súa viaxe comeza logo no Inferno, do cal sae subindo tres días de escaleiras. Despois pasa por Traslicia, lugar e topónimo fantásticos, pero a seguir haberá referencias a sitios reais coma Bretoña ou Gontán. Por último chega a Compostela, pasa polo Monte do Gozo e segue ata a Catedral de Santiago, o seu obxectivo final.
Personaxes
[editar | editar a fonte]O personaxe principal é Resalgario. Hai diversas personaxes secundarias; a primeira en aparecer é o Demo maior, pai de Resalgario; despois, un home chamado Floro Flores será enganado por el e convertido en “atractivo turístico”. A continuación cóntase dunha rapaza a quen se pilla en actitude cariñosa cun rapaz e que lle pide que entreite un pelo do medio das pernas. No seu camiño, ao pasar por Marquide, atopa un home morto no medio da praza e axuda a que o enterren. Alí mesmo fano padriño dun neno. Aparecen tamén na narración Ambrosio e Nivardo, uns irmáns de Resalgario aos que ve nunha especie de soño, ou raposo García, que se cre máis listo ca o Demo e acaba espantado. Por último fai presenza o mesmo Santo dos Croques. Resalgario faille un favor e este permite que lle dea os croques.
Elementos etnográficos
[editar | editar a fonte]Neste libro menciónanse moitos costumes e personaxes da tradición galega (cómpre lembrar que unha parte importante da obra de Antonio Reigosa trata varios aspectos do folclore da etnografía de Galicia), por exemplo:
- O día de San Bertomeu ou Bartolomeu, santo mártir e patrono de varias parroquias de Galicia. “Día de San Bartolomeu, aló vou eu”, di o Demo.
- O xofre; na crenza popular, cando pasan o Demo ou as bruxas deixan cheiro a xofre.
- A Santa Compaña
- O trasno. Na obra descríbese como un bicho negro, pequeno, de non máis altura que un gato de pé.
- Pedro Chosco, ser mítico da tradición galega que trae o sono e fai ir pechando os ollos aos máis cativos.
- A tradición (segundo varios estudos trátase na realidade dunha creación contemporánea) de dar tres croques ao Santo dos Croques para pedir unha ofrenda; neste caso, para que lle viñese o sentido a Resalgario.