Reino de Islandia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:Xeografía políticaReino de Islandia
Konungsríkið Ísland (is) Editar o valor em Wikidata

Localización
Editar o valor em Wikidata Mapa
 64°08′51″N 21°56′06″O / 64.1475, -21.935Coordenadas: 64°08′51″N 21°56′06″O / 64.1475, -21.935
CapitalReiquiavik Editar o valor em Wikidata
Poboación
Poboación127.791 Editar o valor em Wikidata (1,24 hab./km²)
Lingua oficiallingua islandesa
lingua dinamarquesa
lingua norueguesa Editar o valor em Wikidata
Xeografía
Superficie103.000 km² Editar o valor em Wikidata
Datos históricos
Precedido por
Creación1 de decembro de 1918 Editar o valor em Wikidata
Disolución17 de xuño de 1944 Editar o valor em Wikidata
Sucedido porIslandia Editar o valor em Wikidata
Organización política
Forma de gobernomonarquía constitucional Editar o valor em Wikidata

O Reino de Islandia (en islandés: Konungsríkið Ísland) foi unha monarquía constitucional establecida o 1 de decembro de 1918[1] e finalizada o 17 de xuño de 1944, cando se proclamou a república en Islandia.[2][3] O reino de Islandia foi sucesor do Estado autónomo islandés e representou a fin da loita pola independencia de Islandia, que fora controlada pola coroa dinamarquesa desde 1380, aínda que formalmente fora unha posesión norueguesa ata 1814.

A Acta de Unión de 1918 estableceu unha unión persoal de Islandia co rei de Dinamarca, quen pasou a ser tamén rei de Islandia. Islandia pasou a ser un Estado soberano, que dispoñía da súa propia bandeira e competencia exclusiva en materia de asuntos lexislativos interiores, exercida a través do parlamento Alþing. Porén, a soberanía islandesa non era total, posto que a xestión das augas territoriais e as relacións internacionais eran dependentes do goberno de Dinamarca.

Durante a súa existencia, o novo reino tivo que facer fronte a varios retos, como a reconstrución da economía trala primeira guerra mundial. A segunda guerra mundial supuxo unha etapa decisiva na historia do país, coa invasión polas forzas británicas. En 1944 nun referendo, os islandeses decidiron poñer fin á unión con Dinamarca, proclamando a república o 17 de xuño dese ano.[2]

Orixes[editar | editar a fonte]

Da unión persoal con Noruega, finalizada en 1536, Dinamarca herdou varios territorios, incluída Islandia. O tratado de Kiel do 14 de xaneiro de 1814 tiña como obxectivo a liquidación do Reino de Noruega. Por medio deste acordo, o rei de Dinamarca, cedía ao rei de Suecia, Carlos XIV a totalidade do territorio noruegués coa excepción de Groenlandia, Islandia e as illas Feroe.[4][5]

Desde mediados do século XIX, coa entrada na escena política de Jón Sigurðsson, comezou en Islandia un sentimento nacionalista que loitaba pola independencia da illa. Os islandeses solicitaron ante o rei poder dispoñer da súa propia asemblea en lugar de ter que enviar os seus representantes a Dinamarca. Esta demanda foi concedida polo rei Cristian VIII en 1843, cando se estableceu a asemblea consultiva coñecida como Alþing. A primeira reunión da nova institución, porén, non tería lugar ata 1845, composta por vinte terratenentes locais e seis elixidos polo rei.[6]

En xaneiro de 1874, o rei deu a coñecer a súa intención de outorgar unha constitución a Islandia no marco da súa visita polas celebracións do milenario. Esta foi unha simple adición ao precedente texto constitucional de 1871, que garantía unha grande autonomía en materia de asuntos interiores, e a cesión dunha parte do poder lexislativo ao Alþing. Tódalas leis votadas polo Alþing debían ser referendadas polo rei.[4] Durante este período de autonomía, os islandeses mostráronse máis optimistas, crendo que o novo texto lles outorgaría unha maior independencia e sacaría a illa da pobreza.

O ano 1904 supuxo un punto de inflexión na loita pola independencia. En efecto, o poder executivo fora transferido a Islandia por medio dunha emenda constitucional adoptada polo Alþing en 1903 e aceptada polas autoridades dinamarquesas. O rei nomeara a Hannes Hafstein como ministro de Islanda, asumindo as funcións exercidas polo gobernador real.[7]

Establecemento do Reino[editar | editar a fonte]

O rei Cristian X de Dinamarca, outorgou a Islandia o status de Estado soberano baixo unha unión persoal con Dinamarca.

En 1917 formouse un goberno de unión nacional liderado por Jón Magnússon, coa fin de facer fronte ás consecuencias da primeira guerra mundial. O obxectivo principal dese novo goberno era o de atopar unha solución satisfactoria á disputa política con Dinamarca, tendo en conta o principio do dereito dos pobos a gobernarse a eles mesmos que comezara a xurdir no continente,[8] e notablemente en Dinamarca que exixía ao Imperio alemán a cesión do territorio da Xutlandia Meridional, habitado na súa maioría por dinamarqueses.[9]

As negociacións entre Jón Magnússon e as autoridades dinamarquesas comezaron durante 1917, e en 1918, as dúas partes aceptaron a designación dunha comisión parlamentaria para atopar unha solución satisfactoria. Tralas negociacións, inicialmente difíciles debido ao conservadorismo dinamarqués, chegouse a un acordo, que foi ratificado polos parlamentos de ambos países. O 19 de outubro de 1918 tivo lugar un referendo en Islandia que permitiu ratificar o tratado cunha ampla maioría.[10]

O tratado entrou en vigor o 1 de decembro de 1918, e Islandia pasou a ser un Estado soberano, ligado a Dinamarca a través dunha unión persoal co rei.[11] O primeiro artigo da acta enuncia que Dinamarca e Islandia son dous Estados á vez libres e independentes, cunha unión persoal co rei.[12] Os dinamarqueses continuaron xestionando os asuntos internacionais de Islandia, así como a protección das súas áugas territoriais.[13]

Reconstrución do país[editar | editar a fonte]

Reiquiavik en 1919.
Combate de glima en Reiquiavik en 1925.

Trala primeira guerra mundial, Islandia, como toda a Europa da época, pasou por un difícil período debido á inestabilidade dos mercados e á depreciación das moedas. O ano 1924 marcou o comezo dun período de prosperidade que durou ata 1930, cunha forte recuperación económica da illa. A pesca pasou a ser a principal industria da posguerra. Mercáronse numerosos buques de arrastre en substitución dos antigos veleiros.[14] Siglufjörður, beneficiouse das instalacións construídas polos noruegueses, pasando así a ser o porto de pesca de arenque, mentres que en Reiquiavik as primeiras factorías de conxelado se construíron en 1930, o que axudou ao desenvolvemento das exportacións de pescado.[14] Os centros urbanos islandeses que contaban con fábricas necesitaban dunha grande man de obra, en particular os adicados á pesca, o que provocou un grande éxodo do rural. Mentres que en 1904 o 25% da poboación vivía nun núcleo urbano de máis de 50 habitantes, a proporción aumentou ao 50% en 1920, e ao 60% en 1930.[15] A pesar dos avances técnicos no mundo agrícola, a poboación adicada a este sector reduciuse do 40% en 1920 ao 33% en 1940.[16]

O proceso de urbanización de Islandia (1890-1940)[17]
Ano Zonas rurais Zonas urbanas[18] Reiquiavik
1890 61.230 9.697 3.886
1901 60.954 17.516 6.682
1910 54.455 37.728 11.600
1920 51.133 43.557 17.679
1930 45.145 63.716 28.304
1940 40.721 90.753 38.232

A gran depresión[editar | editar a fonte]

Central hidroeléctrica de Ljósifoss.

En 1930 conmemorouse o milenario do parlamento islandés. O Althing fora creado no ano 930 e desde entón estivo funcionando ininterrompidamente, coa excepción do período entre 1800 e 1845. As principais celebracións tiveron lugar en Þingvellir, sede do antigo parlamento, en presenza do rei Cristian X e de 35.000 persoas, un cuarto da poboación do país.[19] Este evento marcou o cume do período de prosperidade e optimismo que abarcou desde o final do primeira guerra mundial e o establecemento do Reino.

As primeiras consecuencias da Gran Depresión notáronse no país a finais de 1930. As exportacións islandesas caeron dos 74 millóns de coroas de 1929 ata os 48 millóns de coroas en 1932. Estas non recuperaron os niveis anteriores á crise ata o ano 1939. Neste período, as exportacións consistían principalmente en produtos do mar (case un 90%) e de produtos agrícolas (10%). A recesión sufrida pola industria pesqueira provocou un aumento do desemprego.[19]

En Reiquiavik, as autoridades municipais trataron de crear novos postos de traballo para os desempregados.[20] Debido á escaseza de fondos na cidade, o concello decidiu reducir os salarios dos novos traballadores.[21] Como resposta a esta decisión, os traballadores organizaron unha manifestación que desembocou nun enfrontamento coas forzas policiais, que quedaron fóra de combate con vinte e un feridos e sete «prófugos».[22] Finalmente, o goberno tivo que intervir para soster financeiramente a cidade e poder pagar os salarios completos.[21]

En 1933, atribuíuse unha axuda especial do Estado aos sectores agrícola e da pesca, o que lles permitiu evitar o colapso a pesar do difícil da situación.[23] O goberno procedeu cunha política de grandes traballos consistentes na construción de estradas, pontes, así como de centrais hidroeléctricas. A primeira gran central hidroeléctrica do país comezou a súa produción en 1937, tres anos despois do comezo da súa construción. En 1939 construíuse unha segunda central na ribeira de Laxá í Aðaldal, ao norte do país.[21]

Os efectos da crise comezaron a atenuar en 1939. Isto debeuse principalmente á finalización da guerra civil española, comezada en 1936. España fora ata entón un dos principais importadores dos produtos pesqueiros islandeses. A exportación de pescados secos e salgados pasou de 39.000 a 20.000 toneladas durante este período.[24] Esta situación durou ata o comezo da segunda guerra mundial, momento no cal se observou un crecemento constante do prezo do pescado, e con exportacións principalmente ao Reino Unido.

A segunda guerra mundial[editar | editar a fonte]

Desembarco das tropas estadounidenses no porto de Reiquiavik en xaneiro de 1942.

A ocupación de Dinamarca polos alemáns o 9 de abril de 1940 cortou as comunicacións entre Islandia e Dinamarca. Como resultado, o 10 de abril, o parlamento de Islandia (o Alþingi), encargado de tomar o control dos asuntos exteriores, nomeou un gobernador provisional, Sveinn Björnsson,[1] que máis tarde se converteu no primeiro Presidente da República. Durante o primeiro ano da segunda guerra mundial, Islandia cumpriu estritamente unha posición de neutralidade, adoptando as medidas en contra de ambas as forzas (británicas e alemás) que violaron as leis de neutralidade. O 10 de maio de 1940, comezou a Operación Fork e as forzas militares do Reino Unido iniciaron unha invasión, entrando con barcos no porto de Reiquiavik.[1] O goberno de Islandia publicou unha protesta contra o que chamou unha "flagrante violación" da súa neutralidade. O día da invasión, o primeiro ministro Hermann Jónasson leu un anuncio por radio dicindo que os islandeses debían tratar as tropas británicas con cortesía, como invitados. Islandia estivo ocupada polas tropas aliadas durante o resto da guerra.

No pico da súa ocupación de Islandia, o Reino Unido contaba 25 000 soldados estacionados na illa; tal incremento de poboación case acabou co desemprego na área de Reiquiavik e outros lugares de importancia estratéxica. En xullo de 1941 a responsabilidades da defensa de Islandia pasou aos Estados Unidos,[1] en virtude dun acordo de defensa entre ambos os países. O Reino Unido necesitaba todas as forzas que puidese reunir máis preto de casa e polo tanto obrigou o Alþingi a aceptar unha forza de ocupación dos Estados Unidos.[1] Ata 40 000 soldados estadounidenses estiveron estacionados na illa, superando en número a todos os homes maduros de Islandia, que nese momento tiña unha poboación de arredor de 120 000.

Establecemento da república[editar | editar a fonte]

Sveinn Björnsson, rexente do Reino de Islandia entre 1941 e 1944.

A imposibilidade de comunicarse con Dinamarca para discutir unha nova reforma constitucional levou a Islandia a actuar de xeito unilateral. Nun primeiro momento, o Alþing decidiu outorgar ao goberno islandés os poderes atribuídos ao rei:

"A situación actual impide que o rei de Islandia exerza os poderes que lle foron conferidos pola Constitución, o Alþing anuncia que lle confía provisionalmente o exercicio destes poderes ao goberno islandés".[25]

En 1941, debido á incapacidade do rei Cristian X para facer fronte ao seu cargo, o Althing decidiu nomear un rexente para que se fixese cargo do Estado islandés.[26] Un ano despois, os parlamentarios adoptaron unha nova resolución:

"O Alþing resolveu en declarar que Islandia adquiriu o dereito de romper completamente a súa unión con Dinamarca posto que esta tivo que asumir o control dos seus asuntos".[25]

A comezos de 1944, o parlamento estableceu que o Acta de Unión entre Dinamarca e Islandia de 1918 quedaba abolida.[26] Esta abolición foi aprobada de xeito masivo mediante a celebración dun referendo o 24 de maio de 1944, polo que se aprobaba a creación da República de Islandia[27]. O resultado do referendo fíxose efectivo o 17 de xuño de 1944[28] Dinamarca aínda estaba ocupada pola Alemaña nazi, pero isto non impediu que o rei dinamarqués, Cristian X, enviase unha mensaxe de felicitación ao pobo de Islandia.[29]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 Halfdanarson 2010, p. 23-25.
  2. 2,0 2,1 Van Cleaf 2007, p. 7.
  3. "Althingi" (en islandés e inglés). Consultado o 13 de febreiro de 2018. 
  4. 4,0 4,1 Hjálmarsson 2007, p. 100.
  5. Brun & Paris 2010, p. 55.
  6. Brun & Paris 2010, p. 56.
  7. "Hannes Hafstein (Hannes Þórður)". althingi.is (en islandés). Consultado o 13 de febreiro de 2018. .
  8. Hjálmarsson 2007, p. 140.
  9. Demokratikanon (ed.). "Den nationalliberale bevægelse". Arquivado dende o orixinal o 04 de marzo de 2016. Consultado o 5 de febreiro de 2012. 
  10. Nohlen & Stover 2010, p. 961-966.
  11. Brun & Paris 2010, p. 58.
  12. Ísafold, ed. (24 de xullo de 1918). "Frumvarp til dansk-íslenskra sambandskaga". Consultado o 6 de febreiro de 2012. 
  13. Peaslee 1956, p. 210.
  14. 14,0 14,1 Hjálmarsson 2007, p. 144.
  15. Karlsson 2000, p. 292.
  16. Hjálmarsson 2007, p. 145.
  17. Karlsson 2000, p. 293.
  18. Núcleos urbanos de máis de 50 habitantes
  19. 19,0 19,1 Karlsson 2000, p. 308.
  20. Karlsson 2000, p. 309.
  21. 21,0 21,1 21,2 Hjálmarsson 2007, p. 152-153.
  22. Karlsson 2000, p. 310.
  23. Hjálmarsson 2007, p. 152.
  24. Karlsson 2000, p. 311.
  25. 25,0 25,1 Brun & Paris 2010, p. 59.
  26. 26,0 26,1 Hjálmarsson 2007, p. 159.
  27. "Morgunblaðið, Kjörsókn um 98% á öllum landinu, 25 mai 1944" (en islandés). 
  28. "Morgunblaðið, Jón Sigurðsson forseti þjódskörungur Íslands, 17 juin 1944" (en islandés). 
  29. Hardarson 1974, p. 27-56.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]