Saltar ao contido

Ramón Fernández Rico

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaRamón Fernández Rico
Biografía
Nacemento1891 Editar o valor en Wikidata
Vilasantar, España Editar o valor en Wikidata
Morte5 de xuño de 1937 Editar o valor en Wikidata (45/46 anos)
Pontevedra, España Editar o valor en Wikidata
Causa da mortepena de morte, ferida por arma de fogo Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónpolítico Editar o valor en Wikidata

Nomes e Voces: 14863

Ramón Fernández Rico, nado en Vilasantar en 1891 e finado en Pontevedra o 5 de xuño de 1937, foi un político galego.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Torneiro de profesión, casou con Pura Prado Rey, coa que tivo nove fillos. Foi dono dunha ebanistería na avenida de América da Estrada. Chegou a ser vicepresidente do Partido Radical Socialista en 1931, e máis tarde rematou integrado na Unión Republicana. Tras as eleccións de 1936 e a vitoria da Fronte Popular, Jesús Ignacio Puente Fontanes converteuse en alcalde da Estrada e Ramón Fernández Rico en tenente de alcalde. O 14 de xullo de 1936, o alcalde marchou a Madrid cunha delegación de deputados e políticos galegos para presentar ante as Cortes os resultados do plebiscito sobre o Estatuto de autonomía de Galicia, quedando á fronte do goberno municipal Fernández Rico.

Sublevación de xullo do 36

[editar | editar a fonte]

Tras a sublevación militar do 18 de xullo a Garda Civil negouse a poñerse á disposición das autoridades municipais, polo que Fernández Rico recibiu ordes do Goberno Civil para armar a poboación e deter aos sublevados. Pero foi a Garda Civil quen destituíu ao goberno municipal e comezou a deter políticos, sindicalistas e republicanos. Aínda que nun principiou se agochou durante uns días, acabouse presentando perante a Garda Civil e foi enviado á Prisión Provincial de Pontevedra primeiro e ao improvisado cárcere da illa de San Simón despois.[1]

Cárcere e execución

[editar | editar a fonte]

Estivo preso durante máis de nove meses, acusado de múltiples cargos, como os de ser comunista, "instigador do alzamento revolucionario" e inimigo da Igrexa. Durante este tempo a súa muller e fillos saíron a traballar para poder aliviar a penosa situación económica da familia e para poder levarlle comida a Ramón, pois as condicións do cárcere eran lamentables.[2] A pesar da súa confianza en salvar a situación, en marzo de 1937 é condenado á pena de morte.

Nunha das últimas cartas que envía á súa muller di que ten a conciencia moi tranquila, que non fixo mal a ninguén e que foi todo por defender un ideal. Na derradeira carta despídese de toda a familia e pídelle á súa muller que os cartos do enterro os gaste en vestir aos fillos.[1]

Ramón Fernández Rico foi fusilado o 5 de xuño de 1937 na Avenida de Buenos Aires, nun cruzamento de camiños de Monte Porreiro, no concello de Pontevedra. A súa muller fora ese día para velo e presentarlle ao seu fillo nacido había pouco tempo, pero cando chegou xa estaba morto.

Homenaxes

[editar | editar a fonte]

En 2006, á beira do río Lérez rendeuse unha homenaxe a Ramón Fernández Rico, Jesús Ignacio Puente Fontanes e José Rodríguez Sangiao, fusilados os tres en 1937.[3][4]

En 2007, coincidindo co 70 aniversario do fusilamento, celebrouse no salón de plenos do concello da Estrada, unha homenaxe a Fernández Rico e a outros cinco estradenses asasinados canda el e na que participaron numerosos familiares dos represaliados. Tamén se colocou unha placa na casa consistorial para lembrar os fusilados.[5]

  1. 1,0 1,1 Farías, Ruy. "Sucumbir a merced de la calumnia y la infamia»: represión, pauperización y muerte entre la Guerra Civil española y la década de 1940" (PDF) (en castelán). Consultado o 12 de xuño de 2018. 
  2. "San Simón: la isla de la muerte" (en castelán). Consultado o 12 de xuño de 2018. 
  3. "Tributan un homenaje a tres dirigentes locales de A Estrada (Pontevedra) fusilados en 1937" (en castelán). Europapress. 13 de xuño de 2006. Consultado o 12 de xuño de 2018. 
  4. "Homenaxe na Avenida de Buenos Aires de Pontevedra aos estradenses asasinados neste lugar". Tabeirós Montes. Consultado o 12 de xuño de 2018. 
  5. "A Estrada llora 70 años después". La Voz de Galicia (en castelán). 5 de xuño de 2007. Consultado o 12 de xuño de 2018. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]