Radio Coruña
Radio Coruña | |
---|---|
Tipo | Emisora de radio |
Área de operación | A Coruña, Ferrolterra, Costa da Morte |
Data de fundación | 1934 |
Fundador(es) | Francisco Hervada García-Sampedro |
Organización subsidiaria | Radio Ferrol, Radio Nordés, LOS40 Coruña, LOS40 Nordés, Dial Rial Altas, Dial Nordés, LOS40Classics Coruña |
Sede | A Coruña |
País | Galicia |
[ editar datos en Wikidata ] |
Radio Coruña, tamén denominada Radio Coruña-Cadena SER, é unha emisora de radio fundada en 1934 na Coruña e ten o indicativo EAJ 41. A estación está asociada á SER da que retransmite boa parte da programación canda as producións propias. É a emisora con máis oíntes da Coruña e da súa área de influencia.
Historia
[editar | editar a fonte]Francisco Hervada García-Sampedro foi o fundador da emisora, que comezou a emitir o 15 de marzo de 1934 coa mensaxe "Aquí EAJ 41, Radio Coruña" lido por Nieves Navarro, primeira locutora, que deu paso a unha intervención do alcalde Suárez Ferrín.[1]
A iniciativa de crear unha emisora foi logo de que o fundador coincidise de forma fortuíta cun representante da empresa de aparatos de radiodifusión Marconi nun restaurante da Coruña.[2] Ademais, Francisco Hervada tamén promoveu a radio por entender que achegaba seguridade na navegación marítima.[3]
Durante os primeiros anos, Radio Coruña emitía de 14 horas a 16 e de 20 a 22, ampliando posteriormente as franxas ata sumar unhas 5 horas de retransmisión antes da Guerra Civil. A música, a información a publicidade eran boa parte da programación e contaba coas voces de Nieves Navarro e Enrique Mariñas.[4] A partir de 1934 conectou con "La Palabra" un informativo de actualidade española e internacional producido por Unión Radio de Madrid. Na campaña do referendo do estatuto de autonomía de Galicia de 1936, Radio Coruña acolleu discursos de Castelao, Otero Pedrayo, Portela Valladares, Antón Vilar Ponte e outros oradores. No inicio da Guerra Civil, Enrique Mariñas leu nos micrófonos de Radio Coruña o bando polo que as autoridades militares coruñesas se sublevaban contra o goberno republicano e declaraban o estado de guerra.[3]
Radio Nacional de España estableceu unha estación na cidade en 1940 e Radio Coruña foi clausurada o 5 de agosto de 1942 por orde do goberno. O motivo, segundo a Vicesecretaría de Educación Popular, era que a instalación da radio pública facía innecesaria a emisora privada,[5] mais segundo Rafaela Hervada, filla do fundador da emisora, a razón real eran as interferencias coas radios de espionaxe alemás.[2][6][7] Finalmente, Radio Coruña foi reaberta o 16 de decembro de 1943. En 1949, Radio Coruña asociouse á SER. Co regreso á democracia, Radio Coruña apostou polos contidos informativos e na actualidade conforma un grupo de emisoras que emiten a sintonía de diferentes emisoras de Prisa Radio. A finais de 2022 o conxunto do grupo era sintonizado por 170 000 persoas, sendo líder nas nas comarcas da Costa da Morte e do Arco Ártabro.[8]
Os primeiros estudios da emisora estaban na rúa Fontán, mais en 1961 trasladáronse á praza de Ourense número 3. Radio Coruña pertence á familia Hervada e varios membros desta familia ocuparon a dirección da mesma: o fundador, Francisco Hervada, entre 1943 e 1964, Rafaela Hervada entre 1964 e 1989, quen foi a primeira muller en dirixir unha radio en España, ou Ángel Gómez Hervada entre 1989 e 2017 e na actualidade, Borja Bejerano.[6][9]
Ao longo da súa traxectoria diferentes profesionais destacaron na emisora: Nieves Navarro, Enrique Mariñas e Enriqueta Brandán, nos primeiros tempos; Julio Rodríguez Yordi, Manuel Fernández Trigo, e, xa na democracia, Cándido Barral, Aida Pena ou Xurxo Souto.
Frecuencias
[editar | editar a fonte]O grupo Radio Coruña emite as seguintes emisoras nestas frecuencias:
- Radio Coruña-SER: 93.4 da FM e 1080 da OM
- Radio Ferrol-SER: 93.0 FM
- Radio Nordés-SER: 92.2 FM, 95.7 FM e 97.0 FM
- LOS40 Coruña: 91.0 FM
- LOS40 Nordés: 95.4
- Dial Rial Altas (Ferrol): 98.5 FM
- Dial Nordés: 88.5 FM
- LOS40Classic: 97.6 FM
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Chacón, Teba (2023-03-15). "89 años desde la primera emisión de radio en A Coruña". cadena SER (en castelán). Consultado o 2023-04-09.
- ↑ 2,0 2,1 Bugallal, Isabel (2009-05-01). "Rafaela Hervada: "Nunca supe lo que era EAJ41"". La Opinión de A Coruña (en castelán). Consultado o 2023-04-09.
- ↑ 3,0 3,1 Blanco Campaña (1999), p. 176
- ↑ Castro Ruso, Jorge Castro (2020-02-11). "Nieves Navarro". A Coruña das Mulleres. Consultado o 2023-04-09.
- ↑ Blanco Campaña (1999), pp. 177–178
- ↑ 6,0 6,1 "Rafaela Hervada, la coruñesa que fue la primera directora de una radio en España". Quincemil (en castelán). Consultado o 2023-04-09.
- ↑ Castro Ruso, Jorge (2020-02-11). "Rafaela Hervada". A Coruña das Mulleres. Consultado o 2023-04-09.
- ↑ SER, Cadena (2022-12-01). "El EGM confirma a Radio Coruña Cadena SER como la emisora más escuchada con 47.000 oyentes". cadena SER (en castelán). Consultado o 2023-04-09.
- ↑ Bautista, Consuelo (2017-11-21). "Ángel Gómez Hervada, director de Radio Coruña Cadena SER". El País (en castelán). ISSN 1134-6582. Consultado o 2023-04-09.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Blanco Campaña, Xosé Luís (1999). Historia da radio en Galicia. Santiago de Compostela: Edicións Lea. ISBN 84-89947-73-2.