Saltar ao contido

Quela

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Quela dunha cigala.
Lumbrigante vivo, nun acuario, coas quelas atadas.
O escorpión Centruroides suffusus, cos seus quelíceros.

Chámase quela [1] á terminación en forma de pinza dun apéndice dun artrópodo.

O termo deriva do latín científico chela, e este á súa vez do grego antigo χηλή chēlḗ 'garra', 'uña curvada'.

A quela está constituída pola articulación de dous artellos, un basal prolongado por unha apófise, e outro distal.

Nos artrópodos encontramos dous casos especialmente significativos en canto á presentación e o papel das quelas:

  • Chámase quelípedo (do latín chela e pēs, pedis 'pé') ou quelípodo (de optarmos pola etimoloxía grega: χηλή chēlḗ + πούς, ποδός poús, podós 'pé')[2] a unha patra fortemente diferenciada para a función prénsil. Encontramos este tipo de extremidade en moitos crustáceos decápodos, como os cangrexos, as cigalas ou os lumbrigantes, e nalgúns arácnidos, como os escorpións e os pseudoescorpións. Trátase, nos crustáceos, dunha diferenciación do primeiro par de patas locomotoras, e nas dúas ordes de arácnidos, dos pedipalpos, para unha función prénsil, usada na defensa, a captura de alimentos, os combates territoriais e o cortexo. Nos pseudoescorpións as quelas son, ademais as encargadas de inxectar o veleno.
  • Chámase quelícero (do grego χηλή + κέρας kéras 'corno') aos apéndices do primeiro par, anatomicamente preoral (aínda que embrioloxicamente postoral) do amplo grupo de artrópodos chamados quelicerados, precisamente por teren quelíceros. Os quelíceros son adoito órganos pequenos, aínda que poden chegar a ser enormes nalgunhas arañas ou nos solífugos. Nas arañas son os quelíceros os que inxectan o veleno.

Cómpre sinalar que non existe homoloxía entre os tipos de apéndices citados: as quelas o quelípodos de certos crustáceos, os de certos arácnidos e os quelíceros de todos os arácnidos e demais quelicerados. Debe observarse tamén que en arácnidos como os escorpións existen á vez quelípodos e quelíceros, aínda que aos primeiros se lles chama habitualmente pedipalpos.

Termos relacionados son:

  • Dise que un apéndice é queliforme cando ten forma de pinza.
  • E que é quelífero cando leva unha pinza (de χηλή + φέρω 'levar').
  1. QUELA s.f. Órgano en forma de pinza [situado no extremo dalgúns apéndices de diversas especies de artrópodos especialmente crustáceos]. ETIM. lat. chela(m). (Gran dicionario Xerais da lingua. Vol. II. Vigo, Xerais, 2009. ISBN 978-84-9914-072-8.
  2. QUELÍPODO s.m. Apéndice rematado en pinza ou quela [especialmente cada un dos do primeiro par locomotor dos crustáceos decápodos] ETIM. de quel(o)- + podo. (Gran dicionario Xerais da lingua. Vol. II. Vigo, Xerais, 2009. ISBN 978-84-9914-072-8.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]
  • Céfalon (para a homologación dos apéndices da rexión anterior do corpo dos artrópodos).