Psychocandy é o álbum de estrea da banda escocesa de rock alternativoThe Jesus and Mary Chain, publicado en novembro de 1985 a través do selo Blanco y Negro Records. O disco está considerado un punto de referencia: a súa combinación de guitarras retroalimentadas con estruturas tradicionais de pop demostrou ser moi influente no posterior movemento shoegaze e no rock alternativo en xeral. A banda alonxaríase do seu son abrasivo co lanzamento do seu segundo traballo Darklands.
Despois de máis concertos en Londres, The Jesus and Mary Chain entraron en Alaska Studios, en Waterloo, e gravaron o seu sinxelo de estrea, "Upside Down". Publicado por Creation Records en novembro de 1984 e contando cunha cara-b producida por Slaughter Joe, o sinxelo esgotou a súa primeira edición e rematou o ano no número 37 da lista Festive Fifty de John Peel.[2] Tras recrutar a Gillespie como batería a finais de 1984, The Jesus and Mary Chain asinaron coa subsidiaria de WEABlanco y Negro Records, que fora creada polo fundador de Rough TradeGeoff Travis.[1] A banda entrou nos Island Studios para gravar co enxeñeiro Stephen Street, pero as sesións demostraron ser infructuosas volvendo a Alaska Studios para rexistrar o seu segundo sinxelo, "Never Understand". Blanco y Negro editou o sinxelo en febreiro de 1985, e en marzo dese ano comezarían a gravar o seu álbum de estrea co enxeñeiro John Loder en Southern Studios.[2]Psychocandy gravaríase en seis semanas[1] gastando 17 000 libras en custos de gravación e produción.[2]
Psychocandy contén catorce temas cunha duración total de 39 minutos. A súa música foi descrita como "pop bubblegum afogado na retroalimentación",[3] que fusiona "melodía con desagradables estoupidos de ruído branco".[4] Os críticos destacaron a influencia de grupos de pop clásico dos 60 como The Beach Boys e The Rolling Stones xunto co traballo das bandas de rock The Velvet Underground, The Stooges e Suicide no álbum.[2][5][6][7]
Jim Reid encargouse das voces principais neste álbum, coa excepción do tema "It's So Hard", cantado por William Reid.