Saltar ao contido

Protuberancia anular

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Protuberancia»)
Ponte de Varolio, en latín pons, entre a medula, o cerebelo e o cerebro.

A protuberancia anular ou ponte de Varolio, é a porción do troncoencéfalo que se localiza entre o bulbo raquídeo e o mesencéfalo. Ten como función conectar a medula espiñal e o bulbo raquídeo con estruturas superiores como os hemisferios do cerebro ou o cerebelo.

Características

[editar | editar a fonte]

É o segmento máis prominente do troncoencéfalo. Contén no seu núcleo, unha porción da formación reticular, incluíndo algúns núcleos que ao parecer son importantes para o soño e o estado de alerta. Aquí sitúanse os pedúnculos cerebelosos, feixes de nervios que levan información propioceptiva ao cerebelo. Separado do bulbo raquídeo polo suco bulboprotuberancial, e do mesencéfalo polo suco pontomesencefálico. A superficie anterior é convexa e mostra moitas febras transversais que converxen cara aos lados para dar orixe aos pedúnculos cerebelosos medios. Na liña media presenta un suco pouco profundo e amplo, o suco basilar, que aloxa á arteria basilar. Máis cara a fóra, na cara anterolateral da protuberancia ten a súa orixe aparente o nervio trixémino ou V par cranial.

No suco bulboprotuberancial teñen a súa orixe aparente, de dentro cara a fóra o nervio motor ocular externo ou VI par cranial, o nervio facial ou VII par cranial e o nervio auditivo ou VIII par cranial.

A superficie posterior forma a parte superior do chan do cuarto ventículo e ten forma triangular de vértice superior, está oculta polo cerebelo. Limitada cara a fóra polos pedúnculos cerebelosos superiores e dividida polo suco medio ou talo do calamus scriptorius. Cara a fóra do talo do calamus existe unha eminencia alargada ou funiculus teres que subdivide o chan nun á branca interna (que corresponde ao núcleo do nervio hipogloso) e por riba termina nunha elevación redondeada, a eminencia teres (que corresponde ao núcleo do nervio motor ocular externo). Máis cara a fóra unha depresión triangular de cor gris, a á gris ou fóvea inferior (que corresponde aos núcleos de orixe do nervio glosofarínxeo e do nervio pneumogástrico. Continuando cara a fóra, no ángulo externo do chan do cuarto ventrículo, atopamos unha segunda zona branca, lixeiramente sobreelevada que forma a á branca externa (que corresponde aos núcleos vestibulares) e no seu parte supero-externa presenta unha pequena protrusión, o tubérculo acústico (que corresponde aos núcleos cocleares). Tamén no chan do cuarto ventrículo atopamos estrías transversais entre o talo do calamus e o ángulo externo, son as estrías acústicas (estrías medulares) ou barbas do cálamo.

Xeneralidades

[editar | editar a fonte]
  • Situada por encima do bulbo raquideo diante dos hemisferios do cerebro e por baixo dos pedúnculos cerebrais.
  • Ten forma dun cubo.
  • A cara anterior é convexa e presenta un suco medio. Descansa sobre a porción basilar do occipital. Aos lados despréndense os trixéminos.
  • A cara posterior forma a metade superior do chan do cuarto ventrículo.
  • Nas caras laterais vense os pedúnculos cerebelosos medios que relacionan a protuberancia co cerebelo.
  • A cara superior está en relación cos pedúnculos cerebrais, e a inferior continúase co bulbo.

Funcións

[editar | editar a fonte]
  • Responsable da condución de estímulos e impulsos nerviosos.
  • Centro de actos reflexos simples e complexos.