Presentación cruzada

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A presentación cruzada (cross-presentation na literatura inglesa) é un tipo especial de presentación de antíxenos. Refírese á capacidade de certas células presentadoras de antíxenos de captar, procesar e presentar antíxenos extracelulares unidos a moléculas do MHC de clase I aos linfocitos T citotóxicos CD8+ (o MHC I normalmente presenta antíxenos intracelulares). Un termo relacionado é cebado cruzado (cross-priming), que se usa para describir a estimulación de linfocitos T citotóxicos CD8+ virxes por este proceso.[1] A presentación cruzada é necesaria para activar a inmunidade contra a maioría dos tumores e contra virus que non infectan ás células presentadoras de antíxenos, ou que interrompen o funcionamento normal das células dendríticas.[2][3]

Tamén se require para a indución da inmunidade citotóxica por medio de vacinación con antíxenos proteicos, por exemplo na vacinación contra tumores.[4]

Historia[editar | editar a fonte]

A primeira evidencia da presentación cruzada foi indicada en 1976 por Michael J. Bevan despois da inxección de células que levaban aloantíxenos en animais experimentais. Isto tivo como resultado a aparición de respostas das células T CD8 que foran inducidas por células presentadoras de antíxenos do receptor, o que implicaba que estas deberon captar e procesar as células inxectadas. Esta observación foi denominada cebado cruzado (cross-priming).[5]

Despois, houbo moita controversia sobre a presentación cruzada, a cal non funcionaba nalgúns experimentos, pero hoxe se cre se debía a particularidades e limitación dalgúns dos sistemas experimentais usados.[6]

Importancia na inmunidade[editar | editar a fonte]

A presentación cruzada xoga un papel na defensa inmunitaria contra moitos virus (herpesvirus, influenzavirus, CMV, EBV, SIV, papilomavirus, e outros), bacterias (Listeria, Salmonella, E. coli, Mycobacterium tuberculosis, e outras) e tumores (de cerebro, páncreas, melanoma, leucemia, e outras).[7][8] Aínda que moitos virus poden inhibir e degradar a actividade das células dendríticas, as células dendríticas que fan a presentación cruzada que non foron afectadas polo virus poden captar o antíxeno da célula dendrítica infectada por certos virus e poder así facer a presentación cruzada do antíxeno ás células T.[9]

Por tanto, o cebado cruzado evita as estratexias de evasión inmune adoptadas por algúns virus, como a supresión do procesamento do antíxeno. En consecuencia, as respostas inmunitarias contra os virus que poden facer iso, como os herpesvirus, dependen en grande medida de que se produza a presentación cruzada.

Importancia na tolerancia inmunitaria[editar | editar a fonte]

Algúns autoantíxenos (antíxenos propios) son presentados por presentación cruzada, o que dá lugar á eliminación das células T CD8+ autorreactivas (que reaccionarían contra antíxenos propios). Este mecanismo mantén a autotolerancia e denominouse tolerancia cruzada.[10]

Bioloxía celular[editar | editar a fonte]

As células presentadoras de antíxenos con capacidade de realizaren a presentación cruzada son principalmente as células dendríticas,[11][12] pero os macrófagos, linfocitos B e as células endoteliais sinusoidais do fígado tamén a poden facer. Os mecanismos intracelulares da presentación cruzada aínda non están claros, pero parece que implican a compartimentos subcelulares especializados con características de retículo endoplasmático e endosomas.[13][14]

As proteínas endocitadas transpórtanse despois fóra deste compartimento ao citosol por mecanismos descoñecidos. Alí son procesados polo proteasoma orixinando péptidos, que se transportan polo transportador TAP ao interior do retículo endoplasmático,[13][15] ou de volta aos mesmos endosomas,[16] onde se unen ás moléculas do MHC de clase I. Ademais da captación de estruturas sólidas, a fagocitose das células dendríticas modifica simultaneamente a cinética do tráfico e maduración de endosomas. Como consecuencia, os antíxenos solubles externos son destinados á vía de presentación cruzada dos MHC de clase I.[17].

Finalmente, os complexos MHC de clase I-péptido transpórtanse á superficie celular, onde poden ser detectados por células T CD8 específicas.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Bevan, Michael J. (2006). "Cross-priming". Nature Immunology (Nature Publishing Group) 7 (4): 363–365. PMID 16550200. doi:10.1038/ni0406-363. 
  2. Heath WR, Carbone FR. 2001. Cross-presentation in viral immunity and self-tolerance. Nat Rev Immunol 1: 126-34
  3. Rock KL. 1996. A new foreign policy: MHC class I molecules monitor the outside world. Immunol. Today 17: 131-7
  4. Melief CJ. 2003. Mini-review: Regulation of cytotoxic T lymphocyte responses by dendritic cells: peaceful coexistence of cross-priming and direct priming? Eur J Immunol 33: 2645-54
  5. Bevan MJ. 1976. Cross-priming for a secondary cytotoxic response to minor H antigens with H-2 congenic cells which do not cross-react in the cytotoxic assay. J. Exp. Med. 143: 1283-8
  6. Wolkers MC, Brouwenstijn N, Bakker AH, Toebes M, Schumacher TN. 2004. Antigen bias in T cell cross-priming. Science 304: 1314-7. PMID 15166378. [1]
  7. Huang AY, Golumbek P, Ahmadzadeh M, Jaffee E, Pardoll D, Levitsky H. 1994. Role of bone marrow-derived cells in presenting MHC class I-restricted tumor antigens. Science 264: 961-5
  8. Sigal LJ, Crotty S, Andino R, Rock KL. 1999. Cytotoxic T-cell immunity to virus-infected non-haematopoietic cells requires presentation of exogenous antigen. Nature 398: 77-80
  9. Nopora, Katrin; Bernhard, Caroline Andree; Ried, Christine; Castello, Alejandro A.; Murphy, Kenneth M.; Marconi, Peggy; Koszinowski, Ulrich Helmut; Brocker, Thomas (2012). "MHC Class I Cross-Presentation by Dendritic Cells Counteracts Viral Immune Evasion". Frontiers in Immunology (en English) 3. ISSN 1664-3224. doi:10.3389/fimmu.2012.00348. 
  10. Kurts C, H Kosaka, FR Carbone, JFAP Miller und WR Heath. 1997. Exogenous class I-restricted cross-presentation of self antigens can lead to deletion of autoreactive CD8+ T cells. J Exp Med 186: 239-245
  11. den Haan JM, Lehar SM, Bevan MJ. 2000. CD8(+) but not CD8(-) dendritic cells cross-prime cytotoxic T cells in vivo. J Exp Med 192: 1685-96.
  12. Kurts C, Cannarile M, Klebba I, Brocker T. 2001. Dendritic cells are sufficient to cross-present self-antigens to CD8 T cells in vivo. J Immunol 166: 1439-42.
  13. 13,0 13,1 Guermonprez P, Saveanu L, Kleijmeer M, Davoust J, Van Endert P, Amigorena S. 2003. ER-phagosome fusion defines an MHC class I cross-presentation compartment in dendritic cells. Nature 425: 397-402
  14. Burgdorf S, Kautz A, Böhnert V, Knolle PA, Kurts C. 2007. Distinct antigen uptake and intracellular routing mechanisms in CD4 and CD8 T cell activation. Science, 316: 612-6
  15. Cresswell P, Bangia N, Dick T, Diedrich G. 1999. The nature of the MHC class I peptide loading complex. Immunol Rev 172: 21-8
  16. Burgdorf S, Schölz C, Kautz A, Tampé R, Kurts C. 2008. Spatial and mechanistic separation of cross-presentation and endogenous antigen presentation. Nature Immunol, 9: 558-566.
  17. Hari, A; Ganguly, A; Mu, L; Davis, SP; Stenner, MD; et al. (2014). "Redirecting soluble antigen for MHC class I cross-presentation during phagocytosis.". Eur J Immunol. PMID 25378230. doi:10.1002/eji.201445156. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

  • MeshName - Cross-Presentation [2]