Preposición versus conxunción
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. |
Otto Jespersen en The Philosophy of Grammar (Londres, 1951) considera as preposicións, conxuncións, adverbios e interxeccións como unha soa clase de palabra, en base á ausencia de flexión. Segundo este lingüista, non hai razón para separar as preposicións das conxuncións: a única diferenza entre after his arrived (despois da súa chegada) e after he had arrived (despois de que chegase) radica en que o complemento é na primeira secuencia un substantivo e, na segunda, unha oración. A causa disto, as conxuncións poderían ser denominadas preposicións oracionais, que introducen unha oración, pois a diferenza baséase na natureza do complemento. A teoría de Jespersen foi primeiramente cuestionada porque algunhas conxuncións, que el considerou pouco relevantes, coordinan e non poden ser clasificadas como preposicións oracionais:You and I (eu e ti).
Nesta mesma dirección maniféstase Beckman, que pon preposicións e conxuncións baixo a denominación común de conectores. A preposición tería como fundamental función conectarse a un substantivo, e a conxunción conectar frases. A función sintáctica sería para este lingüista a base da clasificación. Unha liña semellante segue Louis Hjemslev.
Lonxe da controversia que pode supor a teoría de Jespersen, semella conveniente clarificar os lindes entre preposición e conxunción, intentar localizar unha liña de demarcación que debería vir dada pola función sintáctica que estas desenvolven.
Consideraríase así que son conxuncións
- os conectores coordinantes que poden unir oracións ou partes de oracións
- un grupo de iniciadores de oración que introducen oracións subordinadas; son as chamadas conxuncións de subordinación.
Consideraríase así que son preposicións
- aqueles conectores que non subordinarían oracións, que terían fundamentalmente a súa acción centrada no sintagma nominal.
Esta segunda clasificación coincide no fundamental cos manuais tradicionais de gramática, pero hai outras perspectivas:
Ana María Barrenechea inclúe preposicións e conxuncións de subordinación baixo o denominador común de subordinantes, palabras que teñen a función privativa de establecer relacións entre distintos planos sintácticos.
Esta mesma liña séguea a teoría da translación de Lucien Tesnière, quen achega o concepto de translación para, no canto de falar de preposicións e conxuncións, distinguir xuntivos (conxuncións de coordinación, translativos de primeiro grao (preposicións) e translativos de segundo grao (conxuncións de subordinación).