Demostrativo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O demostrativo é unha subclase semántica inserida na clase de palabra dos determinantes e que se caracteriza por acobillar aqueles vocábulos que actúan como sinaladores ou mostradores, é dicir, vocábulos que serven para sinalar ou mostrar seres e entes, sen amentalos, situándoos no eixo espacial e/ou temporal.

A función principal do demostrativo no discurso é a deíxe.

Orixe[editar | editar a fonte]

O paradigma do demostrativo latino, orixe do presente nas linguas romances, era máis amplo có das destas. Á parte dun sistema de tres elementos (HIC, HAEC, HOC / ĬSTE, ĬSTA, ĬSTUD / ĬLLE, ĬLLA, ĬLLUD), existía un demostrativo de identidade (IDEM, EADEM, IDEM), outro de identidade adversativa (IPSE, IPSA, IPSUD) e un anafórico (IS, EA, ID).

A mesma potencialidade expresiva e o moito uso dos demostrativos provocou a súa rápida evolución e a transformación do seu paradigma. O primeiro que se perdeu, xa no período posclásico, foi IS, substituído por HIC. Inmediatamente, o mínimo corpo fónico e a desvalorización semántica provocan a desaparición de HIC, do cal só quedan pegadas en vocábulos lexicalizados como HAC HORA > agora, HOC ANNO > hogano, PER HOC > pero.

Iniciada xa a reestruturación do sistema latino, ĬLLE tomou o valor anafórico de IS e HIC especializándose en dúas funcións, o pronome persoal de terceira persoa e o artigo.

No latín falado existía a tendencia a reforza-los demostrativos mediante IPSE ou antepondo a partícula ECCE. Así, xunto a ĬSTE, existía ECCISTE e, xunto a ĬLLE, ECCILLE. ECCILLE (> aquel) quedou como única forma deíctica ante o anafórico ĬLLE.

A desaparición de HIC fai que ĬSTE ocupe o primeiro chanzo da deíxe, dando lugar a un paradigma deíctico bimembre: ĬSTE (> este) / *ACCUĬLLE (> aquel). Esta é a realidade que aínda se mantén nalgunhas linguas romances.

Noutras linguas, IPSE pasa a se-lo 2º chanzo deíctico, perdendo a posibilidade de expresa-la identidade, a cal se expresará grazas a reforzos como o a partícula MET: METIPSI(SSI)MUM > *medipsimu > medesmo > meesmo > mesmo.

Evolución[editar | editar a fonte]

A tripla diferenciación do sistema latino mantívose nas linguas iberorromances: en portugués (este / esse / aquel), asturiano (esti / esi / aquel[1]) e castelán (este / ese / aquel), mentres que non o fai completamente no ámbito catalán (aquest / aquell), que só conserva os tres graos en casos máis restrinxidos: nos pronomes mantense no catalán xeral (açò / això / allò), mentres que nos demostrativos o valenciano presenta a inclusión dun termo intermedio (aqueix, eixe, este)[2]. No resto das linguas europeas, unha tripla distinción baseada na distancia só se dá tamén en euskera (hau / hori / hura), irlandés (seo / sin / siúd) e grego (αυτός / τούτος / εκείνος; autós / toútos / ekeínos) [3]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]